A Coruña.- A Xunta de Galicia deixou sen executar case o 60% das axudas da UE que tiña encomendadas para o ano 2021, o último exercicio completo da presidencia de Alberto Núñez Feijóo, segundo o informe de fiscalización de fondos europeos dese ano elaborado polo Consello de Contas de Galicia.
Trátase do organismo encargado de vixiar o cumprimento das normas contables e de gasto da Administración autonómica e de previr as prácticas corruptas. O seu informe, aprobado o mes pasado, alerta de que os datos de execución das axudas europeas en Galicia, que están suxeitas ao cofinanciamento das autoridades estatais e rexionais, «resultan notablemente baixos».
Segundo o Consello de Contas, Galicia tiña asignados 1.097,7 millóns de euros de fondos da Unión Europea para o ano 2021, dos que se executaron proxectos por valor de 514,3 millóns. É dicir que se executou o 46,9% desas axudas.
Con todo, o informe advirte de que esa cifra non é do todo certa, debido a que antes de finalizar o ano a Xunta procedería a dar de baixa créditos que xa foran aprobados por valor de 171 millóns de euros, unha práctica contable que, segundo o Consello, «desvirtúa a execución orzamentaria» inflándoa artificialmente. A porcentaxe real sería pois do 40,5%, o que significa que o 59,5% dos fondos quedaron sen executar.
Adaptar a estrutura da Xunta
«É evidente que a execución dos proxectos e actuacións financiadas con fondos europeos, tomando en conta os datos dos sete exercicios anteriores, segue sendo notablemente inferior á execución dos orzamentos xerais da comunidade autónoma», di o organismo, que insta o Goberno galego a «adaptar a estrutura organizativa da Xunta para obter a maior rendibilidade posible no emprego dos recursos financeiros procedentes de Europa».
Segundo o Consello de Contas, Galicia tiña asignados 1.097,7 millóns de euros de fondos da Unión Europea para o ano 2021, dos que se executaron proxectos por valor de 514,3 millóns
Entre 2009 e 2022, os anos de goberno de Feijóo, Galicia destruíu 65.000 empregos, triplicou a súa débeda e viu como desaparecía o seu sistema financeiro, se desmantelaba boa parte do seu peso industrial e se depauperaban a sanidade, a educación pública e os servizos sociais pola aplicación sobre elas de severos recortes fundamentados nos principios da austeridade orzamentaria que alentaba o Partido Popular.
En boa parte dese período, segundo o informe, desaproveitouse por falta de cofinanciamento autonómico o diñeiro que a UE estaba disposta a facilitar a Galicia. Así, a porcentaxe de execución das axudas nunca superaría o 60% desde 2016, e non pasaría do 50% nos exercicios de 2018, 2019 e o citado 2021.
Ese último ano rexistráronse 441 proxectos financiados con fondos europeos que recibiron un total de 753,6 millóns de euros. Desa cantidade, 362,2 millóns teríanse destinado a entidades públicas, 295,7 millóns a persoas xurídicas, 91,5 millóns a persoas físicas e 4,2 millóns a «outros» suxeitos.
Só 13 millóns para os concellos
Nese sentido, o Consello de Contas tamén critica que se reducisen as subvencións europeas que a Xunta distribuíu entre os concellos galegos. Dos 362,2 millóns que manexaron as entidades públicas, só 13 millóns corresponderon ás entidades locais, que tiveron que repartir esa cantidade entre as 270 que as recibiron —en Galicia hai 313 municipios—.
Só entre as axencias públicas e as fundacións xestionadas ou participadas pola Xunta levaron máis do 70% das subvencións administradas polas entidades públicas galegas
Por contra, entidades da administración descentralizada da Xunta, sobre cuxa transparencia, control, eficacia e rigor no gasto o Consello de Contas vén expresando serias dúbidas, e que acumulan unha notable débeda, estiveron entre as máis beneficiadas polas axudas europeas que tramitou en 2021 o Goberno de Feijóo.
Segundo o informe, as fundacións, consorcios e organismos autónomos son as entidades «que presentan un maior dinamismo na recepción» das subvencións europeas. Así, só entre as axencias públicas e as fundacións xestionadas ou participadas pola Xunta levaron máis do 70% das subvencións canalizada a través e entidades públicas.