Andar a terra, escoitar o seu berro

O mítico xeógrafo Pau Vila adoitaba dicir que «a xeografía entra polos pés». Unha frase que contén toda unha filosofía. El foi un exiliado republicano que soubo de verdade o que era andar pola vida e foi autor dalgúns dos mellores tratados de xeografía de América Latina. Sen dúbida, o mundo sería mellor se se practicase máis esa forma de coñecemento da realidade. Debería existir a esixencia de andar un país antes de ocupar calquera posición de poder que supoña intervir no territorio.  ¶ As grandes desfeitas son as que atinxen o medio ambiente. Esa era a estratexia nas guerras antigas e nas modernas. Destruír o espazo natural cando os que o habitaban presentaban resistencia. As feridas e demoucas no territorio son as peores porque sempre deixan un dano irreversíbel, tamén para a humanidade, aínda que se presenten coa infame máscara de «progreso».  ¶ Hoxe é o planeta enteiro o que está sometido a unha  «violencia catastral», unha especie de guerra non declarada. O quecemento global ou cambio climático non deixan de ser eufemismos dun clima bélico xerado pola sobreexplotación e o envelenamento sen fronteiras. Así entendido, o hipercapitalismo, incluído o «capitalismo de Estado» chinés, responde á profecía de Marx cando falou do «mago entolecido». E o «progreso» virou nunha arma de destrución masiva. Non se pode estar hoxe no mundo dun xeito digno sen tomar conciencia dese malestar da Terra.  ¶ Se observamos ben O berro de Edward Munch, no célebre cadro non só se expresa o desacougo humano, senón o da natureza toda. Vivimos un período de extinción. Cada pulsión horaria marca a agonía de especies animais e de plantas, e canda elas o boquexar da diversidade cultural.  ¶ Non hai outro xeito de responder a esta alerta «bélica» que unha revolución na ollada humana que empuxe sen demora cara a unha política internacional de emerxencia. Este verán está a ser un inferno en todas as latitudes, dende os bosques canadianos até a vexetación das costas do mítico Mar Exeo, pasando polos inéditos e catastróficos asolagamentos na Europa Central. O malestar da terra demanda un compromiso transcendental de todas as xeracións e pobos, e desprazar aos contedores de lixo intelectual os negacionismos retrógrados. Ao igual que non se pode ser demócrata sen ser antifascista, non hai maior absurdo que os que alardean de «patriotas» e turran contra o ecoloxismo.  ¶ O novo compromiso cívico supón un cambio no xeito de vida; un novo transcendentalismo, no ronsel de Henry David Thoreau, Rosalía de Castro e a Xeración Nós. Aprender a diferenciar dende a infancia o prescindíbel do imprescindíbel. Por unha banda, decrecer no consumo innecesario. Por outra, crear novos xeitos de abundancia. Entre estas abundancias, respectar e gozar a beleza do mundo. A comezar, pola que temos diante. (Re)paseala para sentir e repensar. Coñecela e redescubrila para protexer o que máis nos protexe sen pedir nada a cambio. A nai terra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail