A oposición galega alerta contra a lei coa que Rueda quere tomar o «control absoluto» da TVG

A Coruña.-  O BNG e o PSOE alertaron o pasado luns contra o proxecto de lei co que a Xunta de Alfonso Rueda pretende, ao seu xuízo, facerse co «control absoluto» da televisión e a radio públicas autonómicas.

O Colexio de Xornalistas de Galicia tamén advertiu de que a nova norma constitúe un «retroceso absoluto» que deixará en situación de desamparo aos profesionais da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) que pretendan cumprir coa súa obrigación de exercer a súa tarefa de maneira independente.

O Consello da Xunta aprobou ese día o anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. O texto establece que o director da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) poida ser designado pola maioría absoluta do Parlamento de Galicia —38 deputados de 75—, e non pola maioría cualificada de dous terzos —50 escanos— que establece a lexislación actual.

Esa norma data de 2011, pero nunca chegou a aplicarse porque o PP non gozou nunca desa maioría de dous terzos, nin con Alfonso Rueda nin co seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo.

De feito, o director da CRTVG sigue sendo desde hai 15 anos Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado por Feijóo en 2009 e quen tras anos de polémicas e acusacións de manipulación dos servizos informativos en favor do PP, enfróntase agora a un proceso penal, acusado xunto a outros oito directivos da empresa pública de acosar e vulnerar os dereitos laborais dunha xornalista crítica.

Coa maioría do PP

O texto da nova lei, que o propio Rueda presentou en rolda de prensa, prevé que o director xeral poida ser elixido pola maioría da que agora dispón o PP —40 actas— se non logra antes un de dous terzos ou en seguinte votación, tres quintas partes da Cámara—45 escanos—. Na práctica, o procedemento permitirá aos populares nomear a quen desexen con ou sen acordo da oposición.

Ademais, elimina a previsión de poñer en marcha un estatuto profesional e o plan para crear un Consello de Informativos formado por xornalistas da casa para velar pola neutralidade e pluralidade deses servizos, como figuraba na lei de 2011, e substitúeo por un Consello Asesor de 15 membros dos cales só dous serán xornalistas da Corporación, sen que se estableza tampouco como serán designados.

Fontes da xunta reitora do Colexio de Xornalistas de Galicia advertiron onte de que a lei é un «retroceso absoluto» fronte á tendencia de todos os medios públicos, en España e na UE e impulsada polas normas comunitarias, de avanzar nas garantías de independencia e de protección dos profesionais fronte ás inxerencias do poder político.

«Xa non é que non se cumpra coa lei de 2011, é que a fulminan», apuntaron esas fontes, que alertaron de que a nova normativa deixaría os xornalistas da CRTVG «sen ningunha ferramenta para garantir a protección do dereito dos traballadores para ofrecer información veraz, e o dos cidadáns para recibila».

A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, este luns no Parlamento de Galicia / Foto: BNG

O BNG, que conta con 21 deputadas, e o PSdeG, que ten nove —o escano que queda é de Democracia Ourensana— consideran que a nova norma pretende facilitar sen consenso a sucesión de Sánchez Izquierdo, perpetuar o control do PP sobre os medios públicos e abrir ademais a radio e a televisión autonómica á emisión de contidos en castelán, algo que ata o de agora estaba limitado ao galego.

Olalla Rodil, viceportavoz dos nacionalista, esixiu ao PP que dea marcha atrás co anteproxecto de lei e advertiu que tal e como está redactado supoñería «un retroceso democrático brutal», segundo informou o BNG nunha nota de prensa. «Pedímoslle ao Partido Popular que dea marcha atrás na reforma da lei e que non se atreva, nin sequera, a presentar tal despropósito», sinalou.

Rodil denunciou que «despois de anos facendo da CRTVG o seu terminal de propaganda», o Goberno de Rueda prepara unha reforma lexislativa «á medida dos intereses do PP» para «controlar a dirección da corporación, eliminar os órganos de participación profesionais, e abrir a porta dos medios públicos de Galicia a linguas distintas á do país».

Necesidade de transparencia e reformas

A deputada socialista Silvia Longueira, pola súa banda, lembrou os «problemas e deficiencias» da CRTVG que, na súa opinión, «agravan a necesidade de transparencia e reformas». Segundo os datos presentados ao Parlamento polo propio Sánchez Izquierdo, a implantación da CRTVG está por baixo das televisións autonómicas históricas e non cumpre co servizo público que se lle supón. «A audiencia de TVG diminuíu nun 30%, e o seu modelo aseméllase máis ao da Televisión de Madrid e Aragón que ao de TV3 ou a Televisión Vasca», dixo.

A deputada socialista Silvia Longueira, na rolda de prensa do luns no Parlamento galego / Foto: PSdeG

O orzamento da CRTVG descendeu a niveis de 2009, segundo informou o PSdeG nunha nota de prensa, «afectando a súa capacidade para producir contido propio e a súa función como repositorio veraz da sociedade galega». «Ademais, máis do 53% da poboación estima que a CRTVG non é moderna, e máis do 42% cre que hai un déficit informativo no ámbito cultural», incidiu Longueira.

Alfonso Rueda xustificou onte o cambio no procedemento de designación do director da empresa pública e alegou que pretenden «evitar unha situación de interinidade sen solución de continuidade» que «equivale case a un bloqueo». «Loxicamente esa interinidade non se pode perpetuar no tempo e estaría esa última posibilidade de facelo cunha maioría tamén reforzada e tamén democrática», dixo.

O presidente sostivo que o obxectivo da nova norma é adecuar a normativa que data do 2011 aos «moitos cambios vividos no sector audiovisual» e aos patróns de consumo de televisión. Tamén alegou que a apertura da CRTVG ao castelán servirá para optimizar a comercialización das súas producións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail