A noite de onte á noite

«Que che pareceu? As coreografías, de 10». Hora e tres cuartos e 80 euros despois, vaia resumo máis cativo… A ver, máis detalles. Sen músicos e con algo de playback: que si, que iso xa o sabiamos. Con A de A Coruña e M de Motomami. Tamén. Subiu unha bandeira de Galicia ao escenario. A autonómica, non vaia ser o demo. Recordou o seu percorrido polo camiño de Santiago. #Xacobeo. O primitivo acabouno e o do norte non puido, que se lesionou; unha mágoa, pero de todo se aprende, dixo.

Baixou ao foso con La noche de anoche e prestou o micro para que a cantaran catro rapaces sublimados. Suou, abofé que si. «Non sabía que na Coruña ía tanta calor», admitiu. Cousas do Coliseo, chica, por Riazor aínda refresca. Non te lembras do Castelo de Santo Antón? Se foi no 2017, non hai tanto tempo! Ti estabas sentadiña nunha banqueta e ao teu carón Raúl Fernandez, aka Refree. Que noite de novo flamenco nos regalastes! E por cero euros, eh, que tocastes como Los Ángeles dentro do festival Noroeste. Pero volvamos á noite de onte á noite. Ninguén agardaba outra cousa. Agora es unha estrela mundial. E o paradigma da posmodernidade. Da estética Tik Tok, que si, oh, xa comprendo: atender para a cámara que grava diante do público para que o público te mire polas pantallas. Pantallas, moitas pantallas. Videoclips rodados en rigoroso directo. Todo o mundo a subir stories e reels.

A raíña dos temas frívolos, da mistura de estilos, do reguetón moderno e do vello. E da electrónica. Pero tamén da bachata, do bolero, do jazz e do soul, da copla e das bulerías e tamén da canción pausada proxectada cun impoñente chorro de voz. Quen dá máis? Colleu unha guitarra e tamén sentou fronte a un piano, non digades que non houbo música. Coa de Versace xa quedou claro: non é un concerto, pailáns! É a megasesión de fotos dunha diva, e tedes a sorte de estar convidados. Con patinetes e todo. Dálle, don, dálle. Gústame a gasolina e que arda o Coliseo, que do camiño que me leva de Santo Antón ata aquí perdeuse unha cantante, pero gañouse unha artista.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail