Caca, cu, peido, pis

Hoxe escribo cousas obvias, porque ás veces hai que rezar ata que se cumpra. Hoxe quero conxugar a Rubén, porque el somos todos: Rubén son eu, es ti, é el, ela, nós, vós, vostedes e ata eles. Eles, os infelices metomentodos que hai uns días lle pegaron unha malleira ao meu amigo e colaborador desta revista, tamén son Rubén. Todos somos Rubén. Porque a ver se metemos na cabeza, dunha vez por todas, algo tan sinxelo, tan simple como aprender a sumar e a dicir caca, cu, peido, pis. A ver se entendemos algo que nos deberían ensinar no colexio ao mesmo tempo que recitamos o abecedario, algo que ten que ser máis fácil de comprender e de levar á práctica que mexar de pé: a ninguén lle debe importar como movamos as cadeiras, as mans, a cabeza, as pestanas, o cu ou os beizos. A ninguén lle debe incumbir onde nos gusta ou non nos gusta poñer as tetas, o pene, o clítoris, os testículos, o dildo, a lingua ou os dedos. A ninguén lle corresponde decidir xulgarnos polo que metemos na vaxina, na boca ou no ano. A ninguén lle debe atinxir preocuparse do que nos encanta ou non chupar ata fartarnos. A ninguén lle corresponde o dereito a dicir con canta xente podemos compartir a cama e a vida; con cantos amantes nos deitamos de día e de noite; con parellas de que xénero decidimos criar fillos; que delgado, gordo, alto, baixo, novo, branco, negro, vello, listo, bobo, tolo ou cordo ten que ser a persoa que queremos que acariñe o noso corpo, ou se podemos ou non recibir ou dar latigazos, ou atarnos de pés e mans, amordazarnos ou miccionar enriba uns a outros, si nos apetece.

Rubén Alexandre, nunha foto colgada no seu muro de Facebook trala malleira.

A ver se nos decatamos dunha vez de que as prácticas sexuais que fagamos de forma consensuada con outra persoa ou persoas, non é asunto de ninguén. E menos que de ninguén, de catro chalados violentos. A ver se nos decatamos de que se me apetece ataviarme, poñerme minisaia, pantalón, a camiseta do Celta ou saír en calzóns ou bragas á rúa, ninguén ten dereito a gritarme unha barbaridade ou a descolocarme un soño. A ver se nos entra na cacholiña que se Rubén pon gravata, saia, traxe de luces, vestido ou tanga, ninguén ten dereito a chamarlle marica ou a desencaixarlle a mandíbula, porque o seu estilo non lle gusta. A ver se nos decatamos: caca, cu, peido, pis. Así de sinxelo.

O que nos distingue non é a nosa orientación sexual, senón como nos respectamos e comportamos coas demais persoas. A gran diferenza entre Rubén e eses energúmenos, que o mazaron a golpes o outro día, está no que teñen no corazón

A simpleza do que escribo aquí é tan elemental que me dan ganas de chorar. Se a alguén lle desagrada como nos movemos, vestimos ou fornicamos, que cambie de beirarrúa, que peche os ollos, que vaia a rezarlle ao Santo dos Imposibles, que se flaxele, que se tire dunha ponte, que se manifeste, que pegue un tiro na tempa, que lea un libro ou que faga o que lle dea a realísima gana, sen facer dano a ninguén, excepto a si mesmo, se lle apetece. A eses lerchos ignorantes que golpearon a Rubén por ser diferente, porque quizais non lles pareceu que era tan machote como eles, suxeriríalles que antes de pegar a ninguén, se miraran de fronte no espello para que se dean conta de que non son diferentes ao meu amigo, senón exactamente iguais: a mesma carne da que algún día se alimentarán os vermes, dous ollos, dúas orellas, un nariz e unha boca chea de dentes. O mesmo que nós: maricas, lesbianas, heterosexuales, bolleras, maricóns, bisexuais, transexuais, poliamorosos e etcéteras. Só seres humanos. Nada especial. Non temos cornos, nin trompa, nin cola, nin espinas, nin aletas ou garras. Non temos microcircuítos, nin cables e se nos zoupan sangramos. Non somos nin replicantes, nin deuses, nin animais. E con todo, malia que compartimos o mesmo esqueleto e a mesma aparencia, todos somos diferentes. O que nos distingue non é a nosa orientación sexual, senón como nos respectamos e comportamos coas demais persoas. A gran diferenza entre Rubén e eses energúmenos, que o mazaron a golpes o outro día, está no que teñen no corazón, que é realmente onde levamos ganduxada a conciencia. A diferenza entre eles e todas as súas vítimas está no xeito de discernir entre o ben e o mal, entre o xusto e o inxusto, entre ser unha boa persoa ou ser un canalla. E iso, caca, cu, peido, pis.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail