Alan Lomax, o cazador de melodías galegas

Un individuo de Texas cun micrófono na man recala na «vila miserábel» do Cañizo, A Gudiña, Ourense. Captura as melodías que ciscan as bocas dos paisanos. Algo semellante fixera, tempo atrás, cos negros de Mississipi e Louisiana. Do primeiro que gravou foi a Muddy Waters e a Woody Guthrie, co seu emblemático adhesivo This machine kills fascists na guitarra. Pouco tardou en Louisiana en descubrir a Lead Belly. Achouno detrás das reixas, nun presidio. Cambioulle a vida ao músico e mudou así a historia do blues. Tamén do folk. Ese home cun micrófono é Alan Lomax (Austin, 1915-2002), o maior compilador de música popular dos EUA, do Caribe, Europa e do norte de África. E en 1952 percorreu Galicia. Coa mesma gravadora, co mesmo afán de recolleita.

Corre o 8 de decembro e Lomax asiste a unha anual pig-slaughtering, a matanza do porco, durante unha das paradas na viaxe sonora que emprende por Galicia, animado, entre outros, por Filgueira Valverde. «Os ricos levaban dous porcos, a maioría da xente levaba un, e os pobres miraban famentos», escribe no seu diario, practicamente inédito, en cuxa publicación traballa a etnomusicóloga canadense Judith Cohen. Lomax fica impresionado pola vitalidade da poboación e afirma que xamais esquecerá a aldea: «As súas xentes transfórmanse cando a música comeza a soar. Marchei descansar ás tres da madrugada e todos seguían a bailar como posesos». Medio século despois, os posesos volven arrincarse ao son dunha gaita, no supermercado da vila, ante a cámara do realizador holandés Rogier Kappers, que pescuda imaxes para o seu documental Lomax: The songhunter.

Non foi a matanza do porco o primeiro contacto da gravadora de Lomax cos sons de Galicia. Semanas antes, o 19 de novembro e na compaña da súa axudante Jeanette Bell, este cazador de melodías recala en Fisterra para gravar «a canción tradicional da Procesión de Pascua», interpretada polo coro da igrexa. Descríbeos como «boa xente, pero cun estilo completamente convencional», tal como se recolle no libro Alan Lomax, selected writings 1934-1997, que inclúe textos da súa estadía en Fisterra e Corcubión.

Alan Lomax xunto a Jerome Weisner no seu estudio. Desde 1942 ata o 2004 gravou  e mantivo o seu propio arquivo.

Xusto ao rematar, tres mozos bariles irrompen e piden ser escoitados. «Preguntaron por que gravaramos todas esas parvadas e non unha das baladas dos seus pescadores (Eres una, eres dos). Foi o mellor que fixemos e teriamos rexistrado máis de non ser por andarmos tan curtos de cinta». A letra di: «As mozas de San Martiño/ teñen a color do leite/ comen o caldo sen unto/ as sardiñas sen aceite».

Esa tarde chegan a Corcubión. Camiñan durante horas «teimando en atopar as vellas mulleres que algún día foran voces principais da festa. Unha enfermara, outra morrera, outra non cantara en 25 anos, outra non sairía da súa casa para cantar, outra deunos a benvida, pero maldicindo a idea de lembrar esas vellas cousas». A piques de desistir, Lomax e a súa axudante reciben a noticia de que dúas das mellores cantantes da provincia «mudáranse desde o outro lado das montañas». «Para Corcubión, a esta vila?», espeta. «Si, son mulleres novas que coñecen os mellores temas».

«Sempre acontece o mesmo cos celtas. Sexa en Galicia ou Galway; existe a hostilidade, a complexidade, a desconfianza dos estraños, a duplicidade… E entón a música comeza»

Manuela posúe, segundo Lomax «o incrible temperamento da cantante de folk», Marucha (sic) non pesa máis de «100 libras» (45 kg), pero pode «manexar dous bois grandes e chantar un arado de madeira na terra rochosa». Cunha terceira irmá acoden á casa da veciña Juana Luna Sanchez. E pronto as mulleres maiores, esas que antes se desentenderan de Lomax, comezan a se sumar e a lembrar cancións vencelladas ao solsticio de verán como son «Onde vai San Xoán?» ou «Coplas a San Pedro». O día péchase coa canción de berce «O neniño nos beizos» de Manuela.

«En moitos sentidos —continúa o texto de Lomax— esta fora a mellor noite de gravación en España. Este grupo de mulleres terribelmente pobres… encheran un cuarto nu con beleza durante tres horas». A partir dese intre, remátanse os atrancos para Lomax. «As cancións que gravamos co coro de mulleres vellas de Corcubión foron abrindo portas, declárannos membros do clan», escribe o musicólogo antes de concluír que «sempre acontece o mesmo cos celtas». «Sexa en Galicia ou Galway; existe a hostilidade, a complexidade, a desconfianza dos estraños, incluso a duplicidade. E entón a música comeza».

Vixiado polo FBI e a Garda Civil

A Alan Lomax non o comprenderon no seu tempo. Que movía a un home a arrastrar durante quilómetros unha pesada gravadora para inmortalizar as cancións dos esfameados dun suburbio de Carolina do Sur en tempos da segregación racial? Era estraño e, como pouco, un chisco sospeitoso. Quizais por iso o FBI non lle quitou ollo e nas 800 páxinas que lle dedicaron os federais entre os anos 1940 e 1980, a Alan Lomax, fillo do tamén «cazador de melodías» John A. Lomax, descríbeno como «un tipo moi peculiar que só está interesado pola música folk, moi temperamental. Non ten sentido do valor monetario e ten tendencia a descoidar o traballo durante un tempo. Despois, xusto antes do prazo límite, produce excelentes resultados».

En España tampouco o comprenderon demasiado. Que pintaba ese americano corpulento en Faramontaos, A Merca? Era un misterio. A reposta, en cambio, era sinxela: Lomax estaba a facer unha sorte road-movie por corredoiras enchoupadas en pleno réxime franquista. Un réxime que acalaba todo aquilo que Lomax soñaba con amplificar. Dende logo, a Garda Civil non parecía entender moito aquel asunto. Por iso vixiárono durante os sete meses que percorreu España. «Tíñanme nas súas listas; nunca saberei por que, nunca me detiveron; pero ao parecer sempre sabían onde atoparme. Nos lugares máis perdidos, menos probábeis… aparecían coma voitres negros que levaban consigo o fedor do medo, e os músicos perdían a súa coraxe».

Os gardas civís que o vixiaron deberon preguntarse por que, un día, aquel americano decidiu chantar o micro ante o chifro que anunciaba a presenza do capador José María Rodríguez, a quen lle escribiría meses despois para lle contar que decidira situar o seu tema de primeiro porque «era extremadamente fermoso». Tamén lle resultaría engaiolante a Miles Davis, quen tomaría a melodía de Faramontaos para compoñer The pan piper, unha das canción máis extremadamente fermosas do seu álbum Sketches of Spain.

O capador José María Rodríguez de Faramontaos. 

Non sería coa Garda Civil con quen Lomax tería os maiores atrancos. O entomusicólogo escribe tamén no seu diario que o director do Instituto de Musicoloxía de España, o alemán Marius Schneider —«Un autoritario idiota e nazi refuxiado que asumira a dirección de música folclórica de Berlín cando Hitler lla arrincara ao seu director xudeu»—, ameázao con conseguir que o veten. «Eu respondinlle que gravaría a música deste país desgraciado aínda que tivese que empeñar o resto da miña vida».

Miles Davis tomaría a melodía do chifro do capador de Faramontaos para compoñer o seu tema «The pan piper»

The Spanish Recordings: Galicia

O Cañizo, Corcubión, Fisterra, Hío, Lumatra, Paredes, Ribadavia, Sobrado do Bispo, Solveira e Soutoxuste son as paradas galegas de Lomax. Seis cancións gravadas nese periplo publícanse primeiro na Columbia World Library of Folk & Primitive Music. No 2002 serán trinta os temas incuidos no álbum The Spanish Recordings: Galicia, con Rounder Records, unha peza de culto, que pronto se esgota. É parte dunha serie de oito compactos de audio da estadía en territorio estatal, editados e coordinados por Judith Cohen.

Afectado pola trombose, Lomax falece pouco despois de ver a luz o CD galego, pero Cohen encárgase de que asista ao tratamento do material, coa axuda da súa filla Anna Lomax Wood. «Tiven o privilexio de pasar o último Nadal con eles. Xa non podía ler, estaba nunha cadeira de rodas, falaba pero coa afasia era difícil entendelo, aínda que Anna o comprendía perfectamente. Ensineille as entrevistas que lles fixera aos artistas que el gravara ou aos seus descendentes, e prestou moita atención. Foron uns días emocionantes», lembra a propia Cohen.

Nese traballo de campo coa xente que cantou para Lomax e aparece no documental The songhunter é importante a chega das músicas e docentes galegas Belén Mato e Leni Pérez. Esta última, tamén coñecida por dirixir o concurso de baile galego «Vai de baile» do Luar, comenta que a cadea de transmisión oral deste legado «rompeu xa nos nosos avós». «Temos o deber de achegarnos a eles e tentar transmitilo, aínda que xa non sexa de xeito natural. Eu levo nove escolas de canto tradicional e pandeireta nas que ensinamos estas cancións e maneiras de tocar».

Lomax na súa visita a Galicia

Primeiro paso: a Festa da Istoria

No ano 1973 a autoestopista canadense Judith Cohen visita por primeira vez Galicia, no seu roteiro polo mundo en busca de cancións, ao xeito de Lomax. Chega no coche dun mozo catalán que a recolle en Calatayud. Alguén lles di que teñen que coñecer o pai do cantautor da Terra Chá Xosé Luís Rivas Cruz, Mini —a metade do dúo Mini e Mero—, a quen buscan nas Casas Sindicais. Efectivamente, alí están o pai, a nai e o irmán de Mini, e todos cantan «unha serie de cousas preciosas, algunhas das cales sigo a interpretar, e até en Canadá gravei nun CD a súa versión de O Afiador».

Judith Cohen regresa en 1993 para dar un concerto en Vigo como performer de música sefardí, querenza que inicia vinte anos atrás en terras galegas. «Un gaiteiro regaloume entón o meu primeiro disco sefardí, o de Joaquín Díaz». A aquel concerto achéganse «tres ou catro galegos simpáticos que vivían en Ribadavia, onde organizaban un festival-congreso sefardí. Cantei alí no verán do 1994 coa miña filla de oito anos, e volvín varias veces porque comecei estudar a construción dunha identidade medieval sefardí e a música nese contexto, así que me tocaba a Festa da Istoria».

En 1998, un dos organizadores fálalle dunhas vellas gravacións feitas por un profesor inglés. «O de inglés despistoume un bo tempo —tal vez a confusión vén de que Lomax vivía en Inglaterra nos 50 e viaxa a España desde alí—, pero unha vez que me decatei de que se refería a Lomax, contactei co centro en Nova York e o verán seguinte fun alí, aínda non era tan frecuente enviar cousas por Internet».

En Ribadavia, precisamente, Lomax gravara o gaiteiro lendario Modesto Sánchez con Gabriel González Adam ao tambor un pasacorredoiras. Aínda que o gaiteiro lle explica a Lomax que o mellor estilo para a gaita é o pechado —no que se tapan parcialmente os buratos—, el toca a maioría do gravado en aberto.

A primeira gravación en Galicia

Anos antes de que Lomax pisara Galicia, alguén pasara xa por estas terras para gravar as súas melodías, os seus sons, as súas cancións. Tratábase do folclorista alemán Kurt Schindler e as súas gravacións datan de 1930. Mais hai unha diferenza entre ambos os dous proxectos: o de Lomax é o primeiro traballo de campo feito dun modo sistemático, con criterios musicolóxicos.

Ese é o gran valor do esforzo de Lomax e así o recoñece Luís Costa, director do Conservatorio de Pontevedra, a quen Cohen convidou como coordinador especial. Ao escoitar o material, Costa sente «un desconcerto estimulante, acostumado a examinar recompilacións de campo nesgadas polo parámetro do ruralismo e do mito da orixinalidade». «Non está contaminado polos tópicos do folclorismo. Quero dicir que se eu vou gravar hoxe e, por exemplo, hai alguén cantando Ana Kiro, desbótoo como tradicional. Lomax esquiva iso coa ollada inxenua, clarificadora e veraz. Por iso hai algún tema máis ou menos tradicional. Hai un corte a tres voces que non é tradicional galego, corresponde seguramente a mozos que veñen de facer a mili. Esta desmitificación da música tradicional e superación de clixés ideolóxicos tivo influencia en grupos galegos, como Treixadura».

Desde o 30 de xaneiro de 2012, día que Lomax cumpriría 97 anos, vaise abrindo ao público o seu vasto legado en formato dixital na web da Association for Cultural Equity (Culturalequity.org). Máis de 5.000 horas de son, miles de relatos de viaxe, 150.000 metros de película e 5.000 fotografías. Forma parte da base de datos Jukebox Global, un monumental intento de organizar os achádegos antropolóxicos e musicolóxicos coa guía da «equidade cultural».

O termo condensa a concepción social pola que Lomax loitou por difundir e que Cohen resume deste modo: «Ficou entusiasmado coa música que atopou en Galicia, escríbeo no diario, pero tamén con moitas outras, porque cada cultura merece ser tratada con comprensión, dignidade e admiración, non só cara a música senón cara aos seres humanos que a crean, escoitan e viven».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail