Debate a sete en Galicia: a esquerda únese e acapara o encontro fronte a Feijóo

A pasada noite do luns tivo lugar o único debate de campaña entre candidatos á Xunta organizado pola radiotelevisión galega (CRTVG). Nel participaron tanto forzas con representación no Parlamento como as que non, como Ciudadanos e Vox.

O debate comezou ás 21:30 e terminou tres horas despois. Foi retransmitido pola radio e televisión galegas e reuniu na súa cita aos denominados «grupos representativos», aqueles con escanos no Parlamento e tamén aos que non, cualificados como «grupos significativos» segundo a Junta Electoral. Do primeiro participaron Alberto Núñez Feijóo (PP); Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE); Ana Pontón (BNG) e Pancho Casal (Marea Galeguista). Do segundo, Antón Gómez-Reino (Galicia en Común); Beatriz Pino (Cidadáns) e Ricardo Morado (Vox).

O debate dividiuse en catro bloques temáticos: xestión do coronavirus, políticas económicas, políticas sociais e fórmulas de gobernabilidade. Estivo moderado e conducido polas xornalistas Marta Darriba e Alejandro López. Durante as tres horas os candidatos das principais forzas políticas galegas utilizaron o seu tempo para tentar convencer á poboación indecisa, con momentos nos que era complicado escoitar as propostas ao encerellarse. O debate inaugurouno o presidente da Xunta de Galicia e tamén o pecharía máis tarde co seu minuto de ouro.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Inesperadamente e aínda a pesar de que as sondaxes do 12 de xullo sitúano favorito, Feijóo mostrouse na súa intervención inicial máis nervioso, algo inusual na súa figura por unha longa traxectoria política. Nas súas primeiras palabras referiuse á fragmentación da esquerda galega: «Ou un multipartito ou un goberno que goberne desde o primeiro día», comentou. Ademais, tamén lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en saír do estado de alarma e durante todo o debate fixo alusión á súa xestión da pandemia a través da Xunta.

Por inercia, o coronavirus marcou os contidos do encontro, centrado principalmente na grave situación das residencias, onde se produciron a metade das mortes na comunidade. A candidata do BNG, Ana Pontón, aludiu á poboación que «foi abandonada» polas institucións autonómicas e sostivo que a crise da COVID-19 mostrou a necesidade de «modificar o sistema de residencias». O presidente da Xunta contestou nunha das súas intervencións que se algún dos candidatos estivese á fronte da pandemia «non falarían con tanta lixeireza». Tamén aproveitou para cargar nalgunha ocasión contra o Goberno central, ao que achacou de cometer erros «imperdoables» á vez que presumía da anticipación da Xunta e defendía o seu mandato. «En Galicia non se deu nin unha soa vida por perdida», engadiu, e sinalou ao Executivo central pola xestión dos centros de maiores.

Antón Gómez Reino, o candidato por Galicia en Común, empregou o seu tempo no bloque económico para referirse a Alcoa e para prometer que, de chegar ao Goberno, haberá unha intervención pública da planta de aluminio a través do artigo 30 do Estatuto de Autonomía. «O balance económico e social de Galicia é terrible. Hai unha interminable lista de empresas que pecharon ante a sistemática inacción do Goberno de Feijóo», reprochou.

Tamén mostrou simpatía co PSdeG-PSOE e co BNG para encarar un goberno progresista á fronte da Xunta de Galicia, pelota que non lle veu de volta. Caballero pretende liderar o cambio en solitario: «Xogámonos se saímos da crise pola esquerda ou pola dereita», postulou. Tamén pediu máis debates na televisión pública e insistiu nun cara a cara con Feijóo, pero o presidente non acepta a petición. O socialista criticou a manipulación dos medios de comunicación en Galicia, tamén o BNG, e censurou a utilización das institucións públicas a favor dos intereses do PPdeG.

A oposición tamén reclamou que Feijóo manteña os centros de día pechados pero que á vez se permitan verbenas. Ao ataque sumouse Marea Galeguista e a súa cabeza de lista, Pancho Casal, formación que non conseguiu liderar o debate e que pediu por exemplo a derrogación do decreto de plurilingüismo, unha reforma da Xunta que limita o ensino en galego a un terzo das horas lectivas.

Nesa discusión entrou tamén o candidato de Vox, Ricardo Morado, que defendeu a libre elección de idioma dos pais para os seus fillos a través do pin parental. Casal preguntoulle se ía pedir desculpas sobre as declaracións do seu compañeiro de partido, Ortega Smith, acerca de Castelao, ao que o ultradereitista respondeu lendo unha cita de Sempre en Galiza para xustificar os insultos.

Ciudadanos chegou ao debate con varios papeis debaixo do brazo para levantar no alto, un deles as papeletas do BNG cando concorreu ás últimas europeas xunto a Bildu e ERC. Tamén tickets de peaxe, que rompeu en directo. Beatriz Pino tentou marcar no principio da cita distancia coas crispacións entre os participantes, pero non tardou en acometer contra o BNG e o PSdeG-PSOE fundamentalmente, e aínda que evitase apuntar de maneira directa ao presidente, caeulle algún «zasca» por parte de Feijóo.

O presidente agradeceu o apoio de Ciudadanos, pero considerou que os seus apoios son «votos perdidos» xa que ningunha sondaxe lle dá escanos no Parlamento de Galicia. «Galicia necesita un goberno unido, un presidente que non estea secuestrado e que colla as prioridades de Galicia», manifestou Feijóo. O bloque da esquerda defendeu unha maioría social progresista e PSdeG-PSOE, Galicia en Común e BNG mostraron compatibilidade, e tamén Marea Galeguista engadiu que apoiaría ás formacións de ser necesario.

Vox, cuxo candidato foi o único que utilizou o castelán en toda a súa intervención, pediu o voto para ser «dique das políticas nacionalistas de Feijóo». Tampouco dubidou en soltar algunha perla sobre o feminismo. Engadiu que «a violencia non ten xénero» e que «ninguén» lle ten que dar leccións de feminismo. Pino, de Cidadáns, defendeu que «ser muller non é fácil» e que iso quedaba reflectido no plató, con cinco homes fronte a dúas mulleres para a presidencia. Un tema escapóuselles aos candidatos á Xunta de Galicia, un ámbito moi castigado pola crise do coronavirus: a cultura. Terán oportunidade de prestarlle atención os cabezas de listas provinciais nos próximos debates.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail