Na procura dos cumes

Temos un importante clúster editorial en Galiza. Sempre nos parecerá que non é abondo pero non podo deixar de relativizar este pesimismo teimoso cando comparo as cifras doutros países con máis poboación, lingua de seu e capacidade de publicación e venda de libros, en contextos nos que se compite con outra lingua dominante. Non quero cansar con porcentaxes: están ao alcance de quen as queira manexar con sangúguel como convidado permanente na pantalla do ordenador, smartphone, ou máquina semellante de uso continuo. Só quixera abondar na conversa que mantiña hai un par de días cun dos libreiros de máis sona de Galiza, a quen gardarei a identidade para poñelo a cuberto dalgunha reacción non desexable.

Ía eu mercar a recente novela de Manolo Gago e levaba no bolso a última de Ramón Nicolás. Ambas as dúas inscritas no xénero da novela histórica. Ambas as dúas con autores relativamente novos e relativamente maduros. Ambas as dúas de boa factura e lectura grata. Ambas as dúas cun nivel abondo por riba do que se adoitaba publicar hai algúns anos cando todo o monte era ourego. E facendo este comentario na mitade da conversa, sempre cautelosamente por se incorríamos nalgunha inconveniencia, coincidíamos en que algo estaba marchando mellor, malia todo… 

Reconfórtame confirmar a sospeita da elevación do nivel das obras publicadas nestes anos de crise fatal

Facer e demandar literatura en galego ten moito a ver coa nosa subsistencia -tamén coa poética-, e reconfórtame confirmar a sospeita da elevación do nivel das obras publicadas nestes anos de crise fatal. Vexo a expectación que producen novos autores como Pedro Feijóo, Eli Ríos ou Emma Pedreira. A confirmación dos que xa viñan de atrás con calidade recoñecida, como Antonio García Teijeiro ou Marilar Aleixandre. A naturalidade con que autoras coma Inma López Silva ou Ledicia Costas, publican en castelán obras que previamente se lanzan no mercado galego. Literatura abranguente a eidos antes menos explorados: dramaturxia, ensaio, divulgación científica. A inxente cantidade de premios literarios para a lingua galega, algúns con importes que non son frecuentes nin siquera en castelán. A existencia dunha vizosa Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega que organiza tanto unha Gala anual do libro galego, como múltiplas actividades durante todo o ano. A eclosión dos clubes de lectura. A actividade das Feiras do Libro, que cansa só con repasar o almanaque de eventos. A poesía anovada que prende en autoras e autores recén saídas do forno. Pero, sobre todo, vese a calidade. Esa calidade na factura e no plantexamento que vimos atopando como unha constante e que teremos que poñer no frontispicio das boas novas. 

E como unha xa vai velliña e leva na mochila moitas historias para contar, lembro agora unha que vén a conto.  

Andaba eu nunha entrevista que estabamos a facer a Álvaro Cunqueiro o Perozo e mais eu. Sería a finais dos 70, na súa casa da rúa Marqués de Valladares, en Vigo. Seica eramos dos poucos que se atrevían a ter unha relación frecuente cun autor estigmatizado pola esquerda por razóns históricas que ninguén vai negar, pero a quen teño por unha cimeira das letras ibéricas de todos os tempos. Desde a súa autoridade, poño en valor a resposta que nos deu a unha pregunta típica e tópica naqueles anos en que o galego comezaba un novo rexurdimento: 

-E por que pensa vostede que non se dá publicado unha novela longa -e de calidade-, en galego?. 

Precisou moi pouco tempo para respostar. Non lembro a literalidade pero si o sentido.

-Porque para que un monte resulte elevado, sobresaínte, precisa estar no medio de moitos outros máis pequenos. Só cando haxa moita produción en galego aparecerán cumes que se significarán sobre o resto. 

É dicir, que onde non hai cantidade é difícil que agrome a calidade. E así é. Ou a min, parécemo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail