«Hai un exceso de madricentrismo na política, na economía e tamén na información»

Ana Pontón (Sarria, Lugo, 1977) entrou como deputada no Parlamento de Galicia con 26 anos e desde entón non parou de crecer. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, accedeu á Portavocía Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no 2016, coa formación nun mal momento, doéndose aínda da escisión propiciada pola seu tótem histórico, Xosé Manuel Beiras, e arrinconada pola alianza deste con Esquerda Unida primeiro, e con Unidas Podemos, despois.

Nas súas primeiras eleccións como candidata á Presidencia da Xunta, Pontón obtivo só seis escanos. Logo de catro anos dunha traballada lexislatura na que o Bloque soubo aproveitar o desastre dunha esquerda alternativa desaparecida do mapa parlamentario nas autonómicas do ano pasado, logrou o mellor resultado da historia do nacionalismo galego. Levantouno á condición de segunda forza do país, con 19 escanos, por riba tamén dun PSOE desinflado.
Armada dun carisma do que carecían os seus antecesores e dun coñecemento profundo tanto de Galicia como da súa organización, Pontón renovou ao Bloque e, máis aló de devolverlle forza, ilusión e mocidade á súa militancia, deu coa tecla para lograr que o seu discurso exceda de longo ás bases do partido. Nai dunha nena dun ano e catro meses, di que a pequena non lle permite durmir como querería. Aínda que a impresión que ela deixa na distancia curta é que o que de verdade lle desvela son os vellos agravios que, na súa opinión, padece Galicia. Tanto por parte da Xunta e de Alberto Núñez Feijóo como de Pedro Sánchez e o Goberno de coalición.

Está o BNG no seu mellor momento histórico? Percíbeo vostede así? O BNG está máis forte que nunca, e non o digo só polos resultados electorais, senón porque, como organización, somos a referencia para miles de persoas que cren que en Galicia é necesario un cambio, e que son conscientes de que ese cambio vai vir co BNG.

No outro gran momento do Bloque, cando chegou con Beiras a 21 deputados no Parlamento de Galicia…  Non, foron 18.

Si, é verdade, foron 18. Desculpe. Quería dicir que entón non existía a mesma percepción social da transversalidade que aparenta hoxe o BNG.  Quen pode facerlle fronte como oposición ao Partido Popular é o BNG, pero non só para facer oposición remando á contra, senón como alternativa de país. Vésenos como a forza referencial para que se poida producir un cambio. Hai moita xente que cre que dentro de tres anos vaise esgotar o tempo político do PP e que o BNG está forte para gobernar este país.

Pero para que o BNG poida gobernar este país non abonda con que acumule todo o voto da esquerda, onde os vasos comunicantes parecen conducir sempre ao mesmo teito que permite ao PP repetir maiorías absolutas unha tras outra. Ten que chegar a ese electorado que agora está a votar ao PP. Escoitando a Feijóo neste últimos seis meses dáme a impresión de que pensa que estamos a entrar na súa base electoral. Se non, non se entende que no medio dunha pandemia dedique tantos esforzos ao ataque xa non só contra o BNG senón contra a súa portavoz nacional. A explicación que atopo é que está nervioso porque estamos a entrar nesa base electoral do Partido Popular.

«Dáme a impresión de que a progresía madrileña empéñase en crear un novo Gallardón. E xa sabemos en que acabou Gallardón»

Hai dirixentes e portavoces do PP que en privado falan moi ben de vostede. Pois en público eu só recibo ataques persoais. Convídolle a vir calquera día á sesión de control, poderá escoitar os cualificativos que eu escoitei neste últimos seis meses. Calquera diría que son a presidenta de Galiza. Sorprende que en plena pandemia o presidente da Xunta se teña lanzado a unha ofensiva persoal deste calibre. Pero, insisto, supoño que é por certo nerviosismo que hai no PP por algún motivo que a min se me escapa.

Ana Pontón, o pasado xoves na Coruña / Foto: Miguel Fernández

Para poder gobernar Galicia, ao BNG tamén lle convén que o PSOE estea forte. Non parece moi posible que vostedes soas poidan aspirar á maioría absoluta. Somos conscientes de que en Galiza hai un escenario plural para formar unha alternativa ao PP. Pero a clave para que se produza un cambio está en fortalecer o espazo do BNG.

Feijóo presume de que soubo conter á ultradereita en Galicia, pero esa situación pode lerse no sentido de que a ultradereita xa está dentro do PP de Feijóo. Si, ou no sentido de que á ultradereita gústalle o discurso de Feijóo, o que desmonta esa imaxe do Feijóo moderado que demasiadas veces vemos por parte da progresía madrileña.

Algúns dirixentes do PP español míranse ou se miraban nesa imaxe, coma se desexasen parecerse a Feijóo. Ayuso, Juan Manuel Moreno… Hai un intento por parte da progresía española de crear unha figura moderada dentro do Partido Popular, imaxínome que co obxectivo de danar a Pablo Casado. Pero o que me estraña é que escollesen a Feijóo, que foi o precursor de moitas das medidas máis radicais da dereita. Feijóo chega á Presidencia da Xunta cunha campaña de mentiras e difamación, trumpismo antes do trumpismo, poderiamos dicir. E a súa política foi a de desmantelar servizos públicos, inventarse o pin parental lingüístico, apoiar ás redes antiabortistas, aplicar unha estratexia de opacidade e control dos medios públicos… Nos peores momentos de Telemadrid, o control era menor que o que ten Feijóo sobre a TVG. Iso é Feijóo. E dáme a impresión de que a progresía madrileña empéñase en crear un novo Gallardón. E xa sabemos en que acabou Gallardón.

E o nacionalismo galego de dereitas? Está no PP ou está no BNG? Non sei se é un unicornio, a verdade. Levo anos escoitando falar da posibilidade de que en Galiza exista un nacionalismo de dereitas, pero se non existe é porque non hai esa representatividade. No BNG somos unha forza política transversal e ofrecemos unha alternativa que é boa para os traballadores e para as traballadoras, pero tamén para a pequena e mediana empresa, para os autónomos. Por exemplo, agora estamos a discutir sobre os fondos Next Generation. Quen está a defender que teñen que chegar ás pemes e non a catro multinacionais? O BNG. Quen ten un proxecto económico para fortalecer o tecido empresarial enraizado no país? O BNG. Realmente creo que temos esa transversalidade e que representamos unha alternativa máis ampla.

Agora mesmo, cando falamos [a entrevista realizouse o pasado venres día 21], está a celebrarse a investidura de Pere Aragonés, de Esquerra Republicana de Cataluña (ERC), que conta con esa vantaxe de poder gobernar grazas a que hai un nacionalismo de dereitas que o apoia. A historia de Galiza e a de Cataluña son moi diferentes. Poderiamos facer unha análise histórica de por que aquí non tivemos unha burguesía propia, ou de por que esa burguesía cumpriu outro papel. Somos realidades diferentes, e o BNG non é equiparable a ningunha outra forza política das que hai en Euskadi ou en Cataluña. Temos unha singularidade propia. O BNG responde a unha realidade galega, non somos a imitación de ninguén. Iso explica a persistencia do nacionalismo galego e a súa forza neste momento.

Xa felicitou a Aragonés? Non, pero teño pendente falar con el. Ademais, eu a Pere xa o coñecía dos seus tempos nas xueventudes de Esquerra. Coincidimos na etapa na que eu estaba na dirección de Galiza Nova e el na secretaría xeral das xuventudes de Esquerra. Coñecémonos desde hai moitos anos. Para min é moi relevante que Cataluña teña de novo un presidente de ERC. Así que as miñas felicitacións e os meus mellores desexos para que teña os maiores éxitos e acertos, porque se enfronta a unha situación complexa.

«Seguen vixentes a reforma laboral, a lei mordaza… Cando a esquerda non fai políticas de esquerda, o que fai é fortalecer á dereita»

Coñecéndoo, como cre que vai ser esta lexislatura? É unha persoa moi intelixente e con capacidade para poder levar adiante con éxito un proxecto alternativo. Teñen a obriga de acertar porque acaban de recibir un respaldo social moi importante nunhas circunstancias moi adversas. É un reto non só para o independentismo, senón particularmente para Esquerra, que sexa un Goberno lonxevo e que abra un etapa diferente no liderado do soberanismo catalán.

Antes falabamos do momento que vive o BNG. Cre vostede que no resto do Estado tamén se percibe ao Bloque como unha forza capaz de influír nas políticas do Goberno de coalición? Eu creo que Pedro Sánchez e o Goberno de coalición teñen que facer unha reflexión. Hai un exceso de madricentrismo na política, na economía e tamén na información. Os últimos procesos electorais, e este é un ciclo que se abriu en Galiza, denotan que hai un castigo ao Goberno. Pero o Goberno ten feito unha lectura equivocada das eleccións galegas. O que se está abrindo paso é un castigo a quen non cumpre con Galiza. Tamén o hai por parte da esquerda, porque o Goberno de Sánchez non está a cumprir a súa palabra: seguen vixentes a reforma laboral, a lei mordaza… Cando a esquerda non fai políticas de esquerda, o que fai é fortalecer á dereita. Igualmente, un Goberno que se compromete con que ten que haber un cambio do papel de Galiza no Estado, e non cumpre, tamén ten unha penalización. O Goberno de Sánchez debe volver ao diálogo co BNG e cumprir o acordo de investidura. Máis aló de cuestións que non nego que sexan importantes, como o saneamento da ría do Burgo, na Coruña, ou empezar a desbloquear a conexión co porto exterior desa cidade… Pero para a supresión das peaxes da AP-9, no substancial non vemos cambios.

O Goberno non está a cumprir o acordo co Bloque? É evidente que non. Hai incumprimentos no caso da central térmica de As Pontes, ten que haber unha transición enerxética xusta e temos toda unha serie de cuestións nos que tiñamos que estar a traballar para concretar ese acordo. O Goberno de Sánchez non é que nos estea facendo esperar ao BNG, está a facer esperar aos galegos e ás galegas. En moitos ámbitos están a repetir políticas que non poden ter o noso apoio baixo ningunha circunstancia. Eu lévome as mans á cabeza cando vexo que o Goberno de Sánchez lle toma o relevo ao PP para aplicarnos peaxes nas autovías. Iso non é de esquerdas, nin é verde. É unha política antisocial. Verde é fomentar o transporte público, pero en Galiza, fóra do eixo atlántico, están a desmantelarnos o tren. Non sei que ten de social poñer peaxes nas autovías, que os traballadores e traballadoras deste país, que teñen os salarios máis baixos do Estado, non van poder pagar. Terán que ir por estradas polas que van ter máis accidentes? Podo comprender que esas políticas as impulse o PP, pero sorpréndeme que lles estean dando o relevo e estean a facilitar un marco favorable á dereita, poñendo unha alfombra vermella para que gañe o PP. Porque todo iso xera decepción, e é lóxico, claro.

Como é a interlocución do BNG co Goberno do Estado? Só a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, ou teñen máis canles de comunicación? Temos a interlocución que estaba pautada no acordo: unha comisión de seguimento entre quen o asina, que era a vicesecretaria xeral do PSOE [Adriana Lastra], e o BNG. O PSOE ten que cumprir a súa palabra cos galegos e as galegas, e ten que facer unha lectura adecuada do que está a pasar. Un Goberno que promete e non cumple xenera decepción, e o Goberno de Sánchez non está a cumprir con Galiza e está a manter a mesma discriminación que os gobernos do PP. Equivócanse se pensan que ese incumprimento funciona, ou se é funcional para o PSOE que Feijóo siga gobernando en Galiza. É decepcionante ter que expresar todo isto.

De verdade pensa que ao PSOE ou ao Goberno lles convén que Feijóo siga gobernando en Galicia? Para que? Para que non dea o salto a Madrid? Non creo que teñan medo de que Feijóo se vaia a Madrid, pero o que si lles resulta funcional é manter unha figura que supostamente representa un ala moderada do PP, aínda que non sexa así, para desgastar a Casado. Eu lembro unhas declaracións de Ábalos ao comezo da campaña electoral das autonómicas galegas que, sinceramente, facían pensar que viña facer campaña por Feijóo. Aínda que tamén é normal, se o ministro de Fomento ten a un presidente da Xunta que acepta todas as discriminacións. Ábalos ten que estar encantado, tivo unha reunión con Feijóo na que anunciou que se atrasaba seis meses o acordo para a rebaixa das peaxes da AP-9, e Feijóo, no canto de esixirlle que a rebaixa se aplique canto antes, di que lle parece moi ben e non expón unha axenda de país. Se eu fose presidenta da Xunta, o primeiro que lle diría a Ábalos é que non vou aceptar a discriminación de Galiza. Acaba de condonarlle a débeda ao porto de Valencia, 300 millóns de euros, e con todo non lle condona a débeda ao porto de A Coruña, cando a débeda do porto de Valencia vén dos desmáns e corruptelas dun Goberno do PP, e o de A Coruña é froito dunha decisión do Consello de Ministros para construír o porto exterior. É inaceptable que se nos diga que a débeda de Valencia, si, e a de A Coruña, non. É de todo inaceptable.

Ana Pontón, na Quintana, no Día da Patria Galega / Foto: BNG

«Nós necesitamos producir. O turismo ten que ser un complemento, non a base dun sistema produtivo»

Ábalos tiroulle flores a Feijóo en máis dunha ocasión. Entendo que o faga porque é funcional para manter a discriminación de Galiza no Estado. Mentres tanto, o BNG molesta. Por que? Porque non aceptamos «pulpo» como «animal de compañía». Esiximos que Galiza cumpra outro papel no Estado porque ademais vainos a vida niso. Que vai pasar cos fondos de reconstrución? En dous planos: primeiro, non pode haber recortes sociais, e esa axenda oculta do Goberno, a falta de transparencia, é algo denunciable. Non nos poden dicir que se van a recortar máis as pensións, nin derivar a dentro de dous anos unha axenda oculta de reformas que parece que é o que enviaron a Bruxelas. Pero como non hai transparencia e non coñecemos ese plan, esa opacidade fai saltar as alarmas. Segundo, tamén nos preocupa como se van a distribuír eses fondos, porque parece que o groso xa está en mans de catro ou cinco multinacionais, e que hai un deseño centralista. E cada vez que Madrid decide algo, Galiza perde. Aí o Goberno galego, con Feijóo á cabeza, nin está nin se lle espera. Vai ser un problema, porque eses fondos van ser o único que imos ter para cambiar de modelo. En Galiza tiñamos moitos problemas, pero é que agora nos din que o gran reto é a dixitalización, cando nós temos aí unha posición peor; que vai haber unha transición enerxética que aquí é unha nova reconversión encuberta, e non hai ningún modelo económico de país. Nós necesitamos producir. O turismo ten que ser un complemento, non a base dun sistema produtivo. O grave é que a proposta de Feijóo neste tema é unha carta aos Reis Magos sen estratexia nin proxecto.

«Paréceme inaceptable en termos democráticos a campaña de acoso persoal e mediática que viviu Pablo Iglesias»

Máis aló das demandas específicas para Galicia, o BNG pode ter unha posición activa e decisiva no resto de políticas do Estado? Atender ás necesidades de Galiza é unha política social. Nós necesitamos industria, infraestruturas competitivas, necesitamos enfrontar a transición dixital, enfrontar o reto verde, un ferrocarril que nos conecte entre nós e con Europa… A obsesión sempre foi saír por Madrid, pero a min preocúpame máis como vai quedar o corredor atlántico, se imos ter un corredor de Ferrocarril de Vía Estreita (Feve) que nos permita saír cara a Europa, cales van ser nosas relacións con Portugal, que é un eixo fundamental de desenvolvemento económico, cunha das eurorrexións máis dinámicas de Europa e coa que teriamos que aproveitar sinerxias… Aí temos retos moi importantes. Pero se vostede le o noso acordo de investidura co señor Pedro Sánchez, verá que aí estaba a derrogación da lei mordaza, acabar coas reformas laborais que están precarizando a miles de traballadores, fundamentalmente xente nova e mulleres, que son quen máis están a padecer esa situación… Temos disposición a dialogar, pero se alguén cre que imos aceptar migallas ou que imos calar se se discrimina a Galiza, equivócase.

Que pensa da saída de Pablo Iglesias do Goberno e do seu posterior abandono da primeira liña política? Paréceme inaceptable en termos democráticos a campaña de acoso persoal e mediática que viviu Pablo Iglesias. Excedéronse moitas liñas vermellas e quero mostrar, desde as diferenzas políticas, o meu respecto pola súa figura. El entendeu que esgotara un ciclo, e cando alguén toma unha decisión desas características, é completamente respectable.

Que opina do crecente protagonismo da vicepresidenta terceira, Yolanda Díaz? Vostede coñécea ben, compartiron plenos no Parlamento de Galicia durante varios anos. Teño moi boa relación con ela, levámonos moi ben. Pero hai que esperar primeiro a ver as decisións que toman Podemos e o seu espazo político. Parece que hai unha decisión interna sobre a que eu non teño nada que dicir. O que si desexo é poder felicitar a Yolanda Díaz por acabar coa contrarreforma laboral do PP.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail