O Consello de Contas cuestiona a privatización dos directos da TVG

A Coruña.- O Consello de Contas de Galicia, o organismo que fiscaliza a xestión económica, contable e financeira da Administración autonómica, cuestionou nunha auditoría o procedemento mediante o que a Xunta privatizou, baixo goberno de Alberto Núñez Feijóo, o servizo de produción e transmisión de directos da Televisión de Galicia, incluídos, sobre todo, os dos seus servizos informativos.

Segundo un informe dos auditores do Consello, iniciado a raíz dunha solicitude da Confederación Intersindical Galega (CIG), a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que xestiona os medios públicos de comunicación en mans da Xunta e que foi refundada o ano pasado como Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), incumpriu varios preceptos da Lei de Contratos do Sector Público.

A empresa contratista é Overon, filial do grupo audiovisual Mediapro. O Consello de Contas non cuestiona a legalidade do concurso público a través do cal obtivo as adxudicacións, senón a decisión da CSAG de privatizar o servizo, que a xuízo dos auditores non estaba xustificada porque a Corporación contaba con medios técnicos e humanos suficientes para prestalo. Tamén pon en dúbida a eficacia e a eficiencia financeira da externalización. A empresa, pola contra, sostén que non cabe «dúbida algunha sobre a legalidade» da súa actuación, nun longo comunicado que figura na súa integridade ao final deste artigo.

A dirección da CSAG: «Non cabe dúbida ningunha sobre a legalidade desta contratación, como se desprende do carácter favorable do informe do Consello de Contas e das sentenzas xudiciais»

11,46 millóns en 14 anos

Os concursos analizados polo organismo publicáronse nos anos 2013, 2016, 2019, 2021 e 2023 e sumaban un valor estimado —o prezo inicial de licitación mais as prórrogas contempladas nos dous últimos contratos— de 7,68 millóns. A elas engadiuse outra o ano pasado por un valor estimado de 3,78 millóns. En total, 11,46 millóns de euros en 14 anos.

O Consello de Contas lembra que a dirección da CRTVG, encabezada daquela por Alfonso Sánchez Izquierdo, alegou no seu día que precisaba externalizar os medios e o persoal que realizaba os directos dos seus programas, incluídos os profesionais dos servizos informativos, para cumprir a súa tarefa de «informar a súa audiencia de todas as noticias que se producen en calquera lugar de Galicia a calquera hora do día, realizando conexións cos lugares onde se produzan os acontecementos».

Santiago Alvite (esq), con outros delegados da CIG, diante do Consello de Contas de Galicia / Foto: CIG

A decisión fundamentábase na necesidade de reducir o gasto de diñeiro público, pagando só polos servizos que se utilizasen efectivamente en lugar de manter as infraestruturas e o persoal propio desas coberturas. Resultaba máis barato, aseguraba a dirección, ante «a imposibilidade de proceder a localizacións previas, feitos que fan preciso o recurso ao uso de unidades de transmisión por satélite [DSNG, nas súas siglas en inglés] para facer posible a conectividade entre o lugar da noticia e os estudos da CRTVG».

Ademais, a empresa engadía que a externalización facilitaría o acceso a novas tecnoloxías sen necesidade de acometer grandes investimentos en equipamento técnico, como as propias DSNG, que quedaban obsoletas rapidamente.

Resposta dos sindicatos

Os sindicatos consideraron que a privatización vulneraba a lei dos medios públicos de Galicia porque poñía en mans privadas a realización e edición de informativos que esa norma reservaba ao cadro de persoal de xornalistas, produtores e técnicos da compañía, e interpuxeron unha demanda conxunta de conflito colectivo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, primeiro, e o Tribunal Supremo, despois, rexeitaron. En 2023, a CIG instou o Consello de Contas a fiscalizar o contrato dese ano, e o organismo aceptou a proposta e engadiu os anteriores.

No seu informe, datado en febreiro pasado, o Consello de Contas considera que, aínda que a Xustiza deu por probado que o procedemento de adxudicación estivo dentro da legalidade e resultou «conforme en todos os aspectos significativos coa normativa de aplicación», existen varias deficiencias relevantes.

Concepción Pombo, directora xeral da CSAG / Foto: CSAG

En primeiro lugar, observa a «falta de xustificación suficiente» sobre a necesidade de privatizar os directos e a suposta carencia de medios propios, xa que, aínda que as funcións esenciais dos mesmos, como a edición e control dos contidos informativos, seguían baixo responsabilidade da Corporación, a argumentación para recorrer ao sector privado para substituír os seus medios técnicos e humanos non estaba suficientemente acreditada, o que vulnera a lei de contratos públicos.

Tamén sinala a ausencia de motivación nos criterios da adxudicación e a escasa precisión na súa definición, o que a xuízo do organismo afecta «a principios clave como a transparencia, a obxectividade e a igualdade de trato nos procedementos de contratación». Ademais alerta de que na concesión de prórrogas sen concurso nos contratos de 2021 e 2023 non se respectaron «os requisitos e prazos establecidos pola lei».

Incremento dos contratos

O Consello alerta de que as sucesivas adxudicacións foron elevando o prezo dos servizos a pesar de que a evolución tecnolóxica permite desde hai anos transmitir con tecnoloxías móbiles 4G e 5G. Son moito máis baratas que as unidades de satélite DSNG, que, salvo no caso de directos en zonas illadas con pouca ou ningunha cobertura de sinal móbil, poden ser substituídas por esas mochilas móbiles.

Nese sentido, os autores do informe lembran que na análise de insuficiencia de medios que alegou a dirección da CRTVG para sacar a concurso o servizo, ocultouse —«non se deixou constancia», segundo o Consello de Contas— a existencia dunha unidade móbil DSNG propiedade da Corporación. «Requirida información ao respecto, a xustificación [da empresa] mencionou a baixa [do vehículo] debido a unha reorganización dos procesos operativos da produción da CRTVG. Porén, non temos constancia dunha xustificación idónea da súa baixa nin dunha fundamentación debidamente motivada das causas polas que non se procede á súa reposición», reza a auditoría.

Manifestación en novembro de 2024 en Santiago contra a externalización de servizos e a manipulación na CSAG, antiga CRTVG / Foto: CIG

Finalmente, o informe cuestiona a eficiencia económica do sistema de externalización, que a xuízo dos seus autores adoece de «inconsistencias nos cálculos e na estimación de recursos necesarios» para prestar o servizo, e ao non estar garantido «o axuste do prezo á tecnoloxía efectivamente empregada nin optimizarse os medios propios dispoñibles».

Santiago Alvite, delegado da CIG no comité intercentros da CSAG, considera que as conclusións do Consello de Contas son «demoledoras» e revelan a veracidade das denuncias que veñen realizando desde hai anos sobre o desmantelamento progresivo da compañía, o que ao seu xuízo lesiona «o dereito fundamental a comunicar e recibir libremente información veraz».

Obrigas éticas

«A xestión externalizada do servizo de directos supón que o persoal de Overon intervén na edición de contidos informativos sen estar sometido aos principios éticos e de conduta esixibles ás empregadas e aos empregados públicos», engade.

Ademais, lembra que a CIG realizou dous estudos das escaletas dos informativos da TVG que demostraron que apenas se utilizaban os medios técnicos contratados a Overon. Así, en 53 escaletas analizadas en 2022, o sindicato comprobou que a compañía contratista só prestara o servizo simultáneo ofertado con dúas unidades móbiles en 37 delas, e que en 12 só empregou mochilas 4G. Dun total de 330 servizos prestados nas escaletas analizadas ese ano, máis de 167 foron mediante mochilas e non con unidades móbiles de satélite.

A CIG repetiu o estudo entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2023 e comprobou que a infrautilización dos medios contratados a Overon se agravara: neses 59 días non se prestou nunca o servizo simultáneo con dúas unidades móbiles satelitais, e en 19 xornadas só se utilizaron mochilas 4G.

Resposta da CSAG

Luzes-Público dirixiuse á CSAG para coñecer a valoración da dirección que encabeza Concepción Pombo e formularlle  varias preguntas concretas sobre o contido do informe do Consello de Contas de Galicia. Esta é a resposta íntegra da empresa:

Debemos darlle traslado por escrito de diferentes datos relevantes que, polas súas preguntas, pode que non teña constancia deles. Desta forma deixamos constancia do seu coñecemento.

Primeiro:

Non cabe dúbida ningunha sobre a legalidade das actuacións da CSAG en relación con esta contratación, tal e como se desprende do carácter FAVORABLE con reservas do informe do Consello de Contas, e tamén das sentenzas xudiciais que avalan a correcta actuación da Corporación na contratación deste servizo:

• A sentenza do 20 de decembro de 2018 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

• E a sentenza da Sala do Social do Tribunal Supremo do 27 de xaneiro de 2021.

Ambas recoñecen a legalidade da actuación da Corporación ao contratar externamente “partes” ou “segmentos” da cadea de produción de informativos, como son a produción e a transmisión do sinal de directos, obxecto tamén deste informe do Consello de Contas de Galicia.
Nin o Tribunal Supremo nin o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nin tampouco o Consello de Contas, poñen en dúbida a legalidade destes contratos.

Segundo:

A eficacia do sistema e a optimización dos recursos internos e externos están fóra de toda dúbida á vista dos datos reflectidos nos informes. O custo deste mesmo servizo, contratado no ano 2005, ascendía a 1.342.589 euros, mentres que en 2025, vinte anos despois, contratouse por 954.242 euros. Isto supón un aforro próximo aos 400.000 euros, e iso sen contar o IPC acumulado de dúas décadas, con todos os prezos á alza.

Terceiro:

Un dos principios fundamentais que promulga a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014, é o principio de publicidade e transparencia.

Á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia élle de aplicación esta normativa, sen prexuízo das especificidades propias derivadas da súa natureza xurídica, que determinan que sexa un poder adxudicador sen ter carácter de administración pública. Isto tamén determina que a execución, efectos, cumprimento e extinción dos contratos se rexa polo ordenamento xurídico privado.

Así, conforme aos principios e á normativa aludida, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia publica no portal de Contratos Públicos de Galicia todos os expedientes suxeitos a licitación pública cos seguintes datos mínimos: a memoria xustificativa; o informe de insuficiencia de medios —nos contratos de servizos—; a xustificación do procedemento; os pregos de cláusulas administrativas particulares (PCAP) e de prescricións técnicas (PPT) ou documentos equivalentes; a aprobación do expediente; o obxecto detallado, a duración, o orzamento base de licitación e o importe de adxudicación —incluído o IVE—; os anuncios de información previa, convocatoria, adxudicación e formalización e, de ser o caso, de modificación de contratos —e a súa xustificación—; os anuncios de concurso de proxectos; os medios de publicación do anuncio e as ligazóns a esas publicacións; o número e identidade dos/das licitadores/as participantes; as actas das mesas de contratación ou resolucións; os informes de valoración de criterios cuantificados por xuízos de valor de cada unha das ofertas e os informes sobre ofertas anormalmente baixas; a resolución de adxudicación do contrato e o contrato; a decisión —de ser o caso— de non adxudicar o contrato ou de non celebralo; a desistencia do procedemento; a declaración de deserto ou os procedementos anulados; a interposición de recursos e a eventual suspensión temporal dos contratos pola súa interposición, e a composición das mesas de contratación.

Esta información é de acceso público e aberto e calquera cidadán pode consultala sen ningún tipo de restrición no portal de Contratos Públicos de Galicia da Xunta de Galicia.

Trasladado isto:

Ao respecto das súas cuestións:

• A canto ascendeu a adxudicación a Overon do servizo de produción e transmisión de sinal de directos desde 2018 ata a actualidade?

Están á súa disposición estes datos no portal antes indicado para cada un dos contratos.

• Mediante que procedemento se licitou o servizo?

Na memoria e nos pregos dos distintos expedientes recóllese e xustifícase a elección do procedemento que, en todos os casos, foi o procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada, conforme ao prescrito pola Lei de contratos do sector público como procedemento ordinario.

• Que opina a dirección da CSAG da valoración do Consello de Contas sobre a insuficiente xustificación da falta de medios propios e da necesidade de recorrer a contratos externos para prestar o servizo e da falta de motivación na elección dos criterios de adxudicación aplicados?

A Lei de contratos do sector público establece que no contrato de servizos, que é o caso que nos ocupa, debe constar no expediente, entre outros moitos documentos, un informe coa xustificación da insuficiencia de medios, así como os criterios de adxudicación e a súa motivación.

A suficiente ou insuficiente xustificación é unha cuestión interpretativa e, nese senso, a CSAG discrepa da interpretación efectuada polo Consello de Contas, tal como se expresa nas alegacións que se presentaron ao seu informe provisional e que constan no informe definitivo, que, como sabe, pode consultar no portal web desa entidade.

• Por que se concederon prórrogas extraordinarias nos contratos de 2021 e 2023 “sen respectar os requisitos e prazos establecidos pola Lei de contratos”, segundo o informe, e non se lles deu publicidade?

A Lei de contratos do sector público establece no seu artigo 29.4 a posibilidade de prórrogas de carácter extraordinario do contrato. Por conseguinte, o proceso de  prórrogas ás que vostede alude teñen pleno amparo legal, sen prexuízo de que o Consello de Contas recomendase licitar os expedientes noutros prazos.

• Por que non se someteu a concorrencia ata o ano 2021 a contratación do segmento satélite?

A Corporación, en mostra da boa disposición e colaboración co Consello de Contas, incorpora de forma paulatina -e na medida das súas posibilidades- as suxestións que ofrece este organismo nos seus informes  como foi este caso concreto a partir de 2021. Unhas implemetacións  que en nada invalidan a legalidade da actuación anterior a ese período como queda reflectido nos propios informes do Consello.

• Como valora a CSAG a análise do Consello de Contas que pon en dúbida «a eficiencia global da externalización, ao non quedar garantido o axuste do prezo á tecnoloxía efectivamente empregada nin optimizarse os medios propios dispoñibles»?

O informe final do Consello de Contas é favorable con reservas, non é desfavorable. O Consello de Contas é un órgano polo que temos o máximo respecto e a Corporación vai implementando as súas suxestións na medida das súas capacidades e posibilidades.

O Consello de Contas emitiu un informe favorable e expresou as súas interpretacións, como as reflectidas na pregunta, das que a CSAG discrepa e así o expresou nas súas alegacións que son un dereito no procedemento e están formuladas correctamente en ton, fondo e forma.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail