O exvoto electoral

Votarías por alguén que che garantise que non ías cruzarte de novo co teu (ou a túa) ex…?

A pregunta é seria, porque a estas alturas xa saberedes que iso –o de non volver toparte coa túa antiga parella– é outra das características dese incomparable* madrileñian-way-of-life do que alardea Díaz Ayuso facendo gala dun supremacismo que, polo menos a min, resúltame incompatible coas invasións que recibimos cada verán deses seres que o pobo soberano bautizou, na súa inmensa sabedoría, como fodechinchos.

Ayuso e Aguado negociando o pacto de goberno na Comunidade de Madrid.

Porque a ver se iso de que en Madrid se vive tan ben vai ser tan real como o de que teñen a mellor sanidade do mundo; ou o mellor marisco do mundo (ese que din os mitos que elixen na lonxa e marcha en camións cruzando a Meseta mentres aínda é noite); ou a mellor auga da billa do mundo (son da área metropolitana de LaCoru, onde se fabrican a Coca Cola e a Estrella Galicia: a que queres que che gañe, neno…?).

(*Unha gralla fixo que na primeira versión do artigo, no canto de incomparable puxese incomprable. Pois iso).

O dos ex vén a conto porque levaba bastante tempo matinando –nas horas mortas, tampouco todo o tempo– en que pode ser o que de verdade decida o voto da xente, e as omnipresentes (e polarizadas, non esquezamos o de polarizadas!) eleccións nese-sitio-do-que-vostede-me-fala non fixeron máis que aumentar as dúbidas.

Igual lembrades aquela praceira que, co PP en Moncloa, saíra pola tele dicindo que non podía estar peor: que o negocio ía mal, que os fillos estaban en paro ou emigrados, que era todo un desastre… e cando o xornalista lle preguntaba a quen ía votar respondía sen dubidar: «A Rajoy!», como se calquera outra opción fose unha tolemia. Lembreino hai pouco cando me contaban o caso dun grupo de mozos, traballadores dunha coñecida empresa pontevedresa de distribución que, mentres festexaban como o soldo medrara uns centos de euros traa a subida do SMI, insistían en que a eles «o Coletas e os comunistas non nos gustan…».

Foto: Comunidade de Madrid.

Por tanto, se non é a economía (xa non digo a do país, senón a propia!); se, como demostrou a pandemia, non é a sanidade; se non é a educación, nin os servizos sociais nin os dereitos civís… que decide realmente a papeleta que metemos na urna? E ollo, que eu entendo –e respecto, sobre todo cando enfronte está o fascismo– que se vote en contra, pero en contra de quen ataca a túa economía, a túa sanidade, a túa educación, os teus servizos sociais e os teus dereitos civís!

Will McAvoy, o protagonista de The Newsroom (esa serie que fixo tanto dano entre os xornalistas como Borgen na clase política), dicía que no seu informativo só se tratarían aqueles temas que tivesen importancia real para os espectadores á hora de decidiren o seu voto. Con iso pretendía indicar que no programa non habería espazo para frivolidades nin lercheos; pero, en realidade, McAvoy (quen se consideraba a si mesmo parte da «elite dos media») falaba daqueles asuntos que el consideraba que terían importancia real para os espectadores. Que non é o mesmo dicir «penso, logo existo» que «penso que penso, logo penso que existo». E o que McAvoy cría que era real non tiña por que selo.

Tamén pode ser que todo veña porque Will vivía en Nova York e alí –independentemente de quen goberne– é aínda máis doado que en Madrid non volver toparte co teu (ou a túa) ex. A menos que o teu xefe e mellor amigo a contrate como produtora do teu programa de noticias. Pero esta, claro, é outra historia, e xa a contou Sorkin.

PD: Explica isto, dalgún xeito, o resultado das nosas propias eleccións pandémicas? Se non o fai, quizais axude un estudio de marketing do que me falaba un colega reconvertido –sen demasiado esforzo– de asesor político a publicista: en períodos de recesión coma este, as marcas que manteñen o investimento en publicidade gañan cota de mercado. «É unha obviedade», engadía: as marcas pequenas, no primeiro que recurtan é en publicidade e perden presenza pública, co que os grandes se fan máis grandes.

Cal das nosas marcas políticas, sen necesidade de aumentar o seu investimento, viu como medraba a súa cota de pantalla durante a precampaña e a campaña? Exacto, a que logo obtivo os mellores resultados. Quen ía pensar que a publicidade e a propaganda tivesen tantos aspectos en común…?

Se alguén o fixo, seguramente foi MAR. Ou quizais Mar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail