Benvidos a Villar del Río

Soan por Europa adiante os ecos dunha lenda de hai setenta anos, os dun éxito político e económico que permitiu ao continente erguerse das súas cinzas e construírse de novo, o xermolo do que hoxe coñecemos como Unión Europea.

Volve do máis alá o European Recovery Program, máis coñecido como Plan Marshall. O continente necesita un novo, din aos catro ventos os dirixentes comunitarios, para recuperar as súas economías paralizadas polos confinamentos, para rescatar a milleiros de cidadáns desempregados cando baixe a incidencia contaxiosa do virus e as súas empresas e clientes xa non estean, para axudar ás miles de familias sen recursos e sen seres queridos.

David Sassoli, presidente do Parlamento europeo, durante un encontro por videoconferencia cos líderes da UE a respecto da Covid-19.

E niso andan os gobernos europeos dende hai un mes. Negociando en teleconferencias dos ministros de Economía, entre liortas italianas, portuguesas, alemás e holandesas sobre se endebedarse entre todos para dispoñer de miles de milleiros de euros cos que reactivar a economía ou se cada un dos 27 socios comunitarios fai a guerra pola súa conta.

Soa tamén por Europa que xa está aprobado medio billón de euros e que caerá outro billón máis, polo lo menos. Terano escoitado. Un diñeiro que se xa nos parecía moito en pesetas, imaxinen en euros. Soa que por primeira vez Bruxelas non é o brazo executor da troika impulsada por Berlín. Que a chanceler Merkel, en retirada política e aplaudida como artífice do éxito xermano na loita contra a Covid-19, abriu a man da facenda do seu país para gastar máis e así axudar ao sur de Europa. Coa mesma vontade que «los americanos del norte, y más exactamente los delegados en España del Programa de Recuperación Europea, del European Recovery Program, o más sencillamente Plan Marshall» ían chegar a Villar del Río, segundo lle comunicaban a aquel gran alcalde interpretado por Pepe Isbert, como «unos buenos amigos, los representantes de un gran pueblo, que no vacila en ayudar a sus hermanos de más escasa fortuna». Grazas, chanceler.

Videoconferencia nunha das comisións parlamentarias.

Os fondos comunitarios entregaranse por toda a UE, entre rexións e vilas, pequenas empresas, agricultores e os máis novos, para reactivar unha economía en hibernación. A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, se cadra influída polos seus anos vividos nos Estados Unidos, di que será un novo Plan Marshall, como antes prometera dar un xiro de 180 graos na política enerxética e medioambiental da UE falando dun New Green Deal, unha versión ecoloxista do plan económico lanzado por Franklin Delano Roosevelt nos anos 30.

Pero se entón había cartos e créditos directos que pagaban grandes presas, estradas ou novos barrios onde só quedaban esqueletos de madeira e ferro das fábricas e edificios bombardeados polos aliados, agora chegarán garantías e préstamos con avais multiplicados pola enxeñaría financeira. Cartos, o que son cartos novos e reais, haberá os do fondo para o emprego da Comisión Europea, cos que pagar, por exemplo, o gastos dos ERTES españois. E os préstamos do Banco Europeo de Inversións ás pequenas e medianas empresas, un diñeiro que sempre está. E tamén os fondos estruturais, de pesca ou agrícolas que levan chegando dende hai 30 anos.

Debate coa presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, e o do Consello, Charles Michel, sobre a resposta coordinada da UE á Covid-19, con participación remota.

O resto dese máis dun billón e medio de euros, é dicir, igual ata un 90% de todo o gran plan económico europeo, será como o final da película de Berlanga.

Mientras tanto, eso sí, hay que pagar entre todos sin echar la culpa a nadie lo que se ha gastado en este carnaval. Los que no puedan contribuir con dinero, pagan con especies. Da igual, el que hace dos días pedía un tractor, apenas sí puede hoy entregar un saco de patatas. En realidad, son unas peticiones al revés, y nadie se guarda rencor y, sobre todo, nadie está triste

Hai setenta anos xa o xenio valenciano foi quen de explicar con sinxela ironía costumista a irracionalidade de ofrecer préstamos cos que reactivar as súas economías a países sobre endebedados, en dificultades para atender a crise sanitaria do coronavirus. Como van devolvelos se son máis débeda? Iso é o que sairá e se obterá das arcas comunitarias para loitar contra o Gran Confinamento.

Mais non lle boten a culpa a Bruxelas senón á ruindade dos gobernos europeos ao deseñar a política económica. A diferenza da película, o valor da solidariedade na UE de hoxe non é o mesmo, Don Luís. Entón todo se entregaba de corazón e agora só por intereses económicos ou políticos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail