O estudo epidemiolóxico de Feijóo: «desorde» e sobrecarga de traballo para o persoal sanitario

O persoal sanitario critica a falta de información e formación á hora de realizar o estudo de predominancia da Covid-19 en Galicia. Consideran que o test escollido non é o axeitado xa que mide os anticorpos totais. Desde os seus postos senten que están a facer «a campaña electoral a Feijóo».

A semana pasada empezou o estudo epidemiolóxico da Xunta de Galicia, que destinará 100.000 test para «coñecer os niveis de inmunidade ao coronavirus» da poboación galega. O venres pasado chegou o aviso do comezo das probas aos centros de saúde e as enfermeiras tiveron que empezar o mesmo día o estudo sen ningún tipo de «formación e información», onde xurdiron varios problemas informáticos. Non se fían da viabilidade dos test ao ser unha proba que mide os anticorpos totais e os sanitarios séntense uns «mandados» porque pensan que están «a facer a campaña a Feijóo».

«É o estudo máis grande que se fixo en toda a historia do Sergas», destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que continuou defendendo a análise aínda despois da negativa de Pedro Sánchez, cando lle respondeu «con todo o respecto» que era competencia do Goberno central. É a única comunidade que decide iniciar o seu estudo epidemiolóxico da Covid-19 e Feijóo cre que proxectará «datos imprescindibles» para abordar a desescalada, presumindo de que Galicia sexa unha das comunidades «que fai máis test». Tamén asegurou que compartirá co Ministerio de Sanidade os resultados.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

 

Desta maneira realizaranse máis de 100.000 test de inmunidade a unha mostra de poboación representativa –elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE)– por trazos de idade e elixida aleatoriamente a partir da tarxeta sanitaria. O estudo desenvolverase en dúas fases «separadas polo menos por 4 semanas», o que «servirá para estimar a permanencia de inmunidade» da poboación galega fronte ao virus SARS-CoV_2, segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así, seleccionouse a un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas, e distribuíronse os restantes test segundo a súa poboación ata chegar a «50.925» galegos, os que conforman a primeira e presente fase de análise.

«Aquí non hai nada definitivo. Poderá darnos unha fotografía do momento actual, pero a historia non acabou. O outono será complicado se non aparece antes unha vacina. Non hai efecto de protección de rabaño e todos somos susceptibles, sobre todo os maiores. Facía falta para isto unha macro enquisa destas características?» pregúntase o médico e epidemiólogo Francisco Vizoso. «Sería bastante máis útil que os test non medisen anticorpos totais», explica.

Se o test dá positivo, o médico de atención primaria non pode asegurarlle ao paciente se xa superou o virus ou se está na etapa na que poden aparecer manifestacións clínicas

A proba serolóxica que empregará o Sergas identifica os anticorpos IGM –aqueles que aparecen na fase inicial de infección– e os IGG –que se producen cando a etapa está resolta–. «Se mides os anticorpos totais, o único que podes saber é que o usuario estivo en contacto coa Covid-19, pero dálle pouca información ao médico», postula Vizoso. De forma que, se o test dá positivo, o médico de atención primaria non pode asegurarlle ao paciente se xa superou o virus ou se está na etapa na que poden aparecer manifestacións clínicas. No caso de dar positivo e sufrir síntomas, o Sergas recuou e realizará probas PCR aos doentes.

As enfermeiras nos centros de saúde teñen unha lista coas persoas seleccionadas aleatoriamente polo IGE para o estudo. A proba é voluntaria e, despois de realizarlles unha enquisa telefónica, fixarán unha cita para que se acheguen ao centro de saúde a facer o test. O persoal sanitario explica que as persoas maiores «rexeitan» achegarse ao centro xa que levan «máis de 40 días confinados» e non queren poñerse agora en risco. Tamén sinalan ter inconvenientes para que a xente nova acuda o ambulatorio xa que «hai unha gran cantidade» que está fóra de Galicia.

Nos centros de saúde teñen unha lista coas persoas seleccionadas aleatoriamente polo IGE para o estudo. A proba é voluntaria e, despois de realizarlles unha enquisa telefónica, fixarán unha cita para que se acheguen ao centro de saúde a facer o test

Miriam Colombo, enfermeira nun centro de saúde en Pontevedra, explica que o venres pasado informóuselles de que comezarían co estudo, sen «ningún tipo de formación». Os problemas empezaron á hora de realizar as enquisas telefónicas. «Hai que facer moitos pasos no ordenador, houbo enquisas que por erros informáticos non quedaron gravadas, tivemos que facelas ata tres veces», conta a Luzes. Colombo explica que realizan entre 40 e 50 probas por día e que teñen que distribuír elas mesmas a axenda, no caso do seu centro, han de testar a 937 pacientes en nove días laborais. Tamén apuntan a cantidade de negativos que están a saír nas probas, o que significaría que o test non funciona ou que o virus aínda non chegou á poboación galega, esperando unha «dura desescalada».

Nun centro de saúde en Pontevedra, realizan entre 40 e 50 probas por día, han de testar a 937 pacientes en nove días laborais. Tamén apuntan a cantidade de negativos que están a saír nas probas, o que significaría que o test non funciona ou que o virus aínda non chegou á poboación galega

Non saben se para a segunda fase do estudo terán que repetir as probas aos mesmos candidatos, «vai todo sobre a marcha», engade Colombo. «Estamos a levalo como boamente podemos, estamos tensos e hai moita desorde». Ademais, tamén insiste en que, aínda que agora a crise sanitaria do coronavirus ocupe os hospitais, lembra que en atención primaria continúan os controis a pacientes crónicos con outras patoloxías.

En canto á viabilidade do test, o persoal sanitario do Sergas postula que «non hai fiabilidade» e que no caso de ter que facelo eles, faríanno «doutra maneira». Tamén están «enfadados» porque non hai test para os profesionais que participan no estudo de prevalencia e cren que o Sergas debería investir máis na contención do coronavirus. Nos ambulatorios síntense uns «mandados». «Parece que lle facemos a campaña a Feijóo, así sae na tele, cóntao e todos contentos», engade unha enfermeira.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail