Socialistas, liberais, Comisión Europea, Goberno francés… ata Matteo Salvini, o populista ultra que dirixe o Ministerio de Interior italiano, se pronunciou sobre as eleccións españolas. Uns felicitando a Pedro Sánchez pola súa «fermosa vitoria», outros dando a noraboa ao PNV «por ser a forza máis votada en Euskadi» ao tempo que celebraban os «moi bos resultados de Ciudadanos e Albert Rivera».
Todos? Non. Unha formación política resistiuse na noite electoral, ao longo do luns e aínda agora o segue facendo, a dar a benvida ao novo escenario político español. A vida non é sinxela cando es un conservador europeo, un membro da familia continental do PP, o maior partido de toda a UE, e o teu curmán Pablo Casado perde 71 escanos, tres millóns e medio de votos e protagoniza unha caída histórica, que nin dende os cantís de Estaca de Bares ou os de Normandía.
Escóitano? É o silencio do PP europeo. O do bávaro Manfred Weber en campaña electoral para ser o vindeiro presidente da Comisión Europea. O da canciller Ángela Merkel dende Berlín. O de todo o aparato demócrata cristiá en Bruxelas. Nada, nin un mísero chío, nin unhas verbas públicas de apoio a Casado nestas duras horas, tampouco a felicitación aos vencedores da noite ou pola alta participación dos comicios. A máis absoluta indiferenza.
A viraxe cara a dereita extrema de Casado en temas como o aborto, os seus coqueteos con Vox ou a súa equidistancia co autócrata húngaro Orbán chocaban co stablishment comunitario representado polo social conservador Jean Claude Juncker ou coa campaña de Weber, quen tenta amosar unha imaxe fresca e europeísta
Hai un mar de fondo en forma de importante discrepancia política e sobre táctica electoral que podería explicar semellante desprezo. A viraxe cara a dereita extrema de Casado en temas como o aborto, os seus coqueteos con Vox ou a súa equidistancia co autócrata húngaro Orbán chocaban co stablishment comunitario representado polo social conservador Jean Claude Juncker, actual presidente da Comisión Europea, ou coa campaña de Weber, quen tenta amosar unha imaxe fresca e europeísta para suceder no trono ao luxemburgués ao tempo que se esforza por combater a Salvini e Marine Le Pen, aliados de Vox, aliado á súa vez de Casado en Andalucía. E non nos esquezamos de Gonzalez Pons. Si, aquel azote socialista da primeira época mariana, hoxe xefe de filas dos populares españois no Parlamento Europeo, peso pesado na bancada de Weber, relegado por Casado a un segundo posto na lista electoral das eleccións europeas cando, precisamente, arelaba suceder ao bávaro como xefe de tódolos conservadores na Eurocámara.
Non será que Casado e o seu equipo se crearon en poucos meses demasiados rivais na capital comunitaria?
Quen non tiña dúbidas sobre o inimigo nestas pasadas eleccións era a Comisión Europea. «Os resultados amosan que unha maioría abraiante do pobo español optou por partidos políticos claramente pro europeos», dixeron logo dunhas horas no executivo da UE. E que é unha maioría abraiante para a Comisión? Pois tampouco tiveron problemas en aclarar que «un 90%». É dicir, todas as formacións políticas agás Vox. Si, tamén son boa tripulación do barco comunitario eses indepes cataláns tan perigosos ou a extrema esquerda de Podemos.
Ao tempo, en Bruxelas felicitaban a Pedro Sánchez pola «súa vitoria clara» e confiaban en que «sería quen de formar un goberno estable e proeuropeo que permitirá a España seguir xogando un rol importante na UE». Por se fora pouco, dispararon outro torpedo baixo a liña de flotación argumentativa dalgúns partidos durante a carreira electoral alertando sobre os perigos dun goberno de esquerdas para a estabilidade do Estado e o benestar dos cidadáns, tamén contra as presións do mundo bursátil ou bancario que xa xermolan contra esa opción. «A democracia xamais nos provoca medo», conclúen en Bruxelas.
Se Emmanuel Macron, amigo de Sánchez, tamén forza que os liberais se decanten polos vermellos para así obter outros postos europeos viviríamos o primeiro cambio de cor na gran cadeira da UE en 15 anos
As eleccións xerais deixan tamén un vencedor na política europea. Chámase Frans Timmermans. Memoricen o nome. É neerlandés, antigo ministro de exteriores dos Países Baixos, agora actual vicepresidente primeiro da Comisión Europea. Loita con Weber por suceder a Juncker como cabeza dos socialistas europeos e nas enquisas ía por debaixo, mais dous movementos de fondo están a trocar o mapa político do continente.
O retraso do Brexit ata despois das eleccións europeas fará que o Reino Unido as convoque e que os laboristas británicos, preto de vinte, non marchen das filas socialistas. Menos perda de escanos nese grupo parlamentar en paralelo coa crecente caída dos populares españois e a subida dos deputados de Sánchez. Tanto o péndulo español como a parálise británica van aparellar ámbalas forzas socialdemócratas e conservadoras mentres que hai apenas uns meses a vitoria era dos populares.
Timmermans xa lle sopra na caluga a Weber e contará cos votos verdes para acadar a Presidencia da Comisión. Se Emmanuel Macron, amigo de Sánchez, tamén forza que os liberais se decanten polos vermellos para así obter outros postos europeos viviríamos o primeiro cambio de cor na gran cadeira da UE en 15 anos, dende antes da chegada do nefasto Durão Barroso. Un tremor de impacto continental que propagaría novos silencios.