O xuramento da eclipse

Unha das principais promesas electorais de Donald Trump foi a de que evitaría a guerra como xeito de mangonear o mundo. America First, iso si. O magnate sería un rei Midas, un Gran Feirante, un golfista en xefe admirado do seu propio swing. Mais como barruntou o raposo da fábula antes de subirse á Arca de Noé, «aquí cheira a can!». E de que xeito. O pau de golf era a funda da espada.

O que está a vivir o mundo non é só unha guerra de dimensión incerta. Hoxe imos sabendo o que significa incerteza: unha política internacional como guerra de aparencia intermitente, mais permanente. Un xeito de intimidación no que na balanza desaparecen as medidas do xusto e o do inxusto.

O que estamos a vivir é unha Eclipse Total do que aínda había de civilización, do dereito internacional, e unha extinción por inanición dos organismos laboriosamente erguidos despois da Segunda Guerra Mundial. Nesta Eclipse Total programada hai un obxectivo central a escurecer e desnaturar a Unión Europea. Con deficiencias e avarías sociais, si, mais o espazo referencial no mundo para manter o horizonte dunha sociedade decente, onde se entrelacen como hélices dun ADN a democracia e o benestar.

A guerra ten outros escenarios, pero Europa é verdadeira obsesión da internacional Ultra. Dende hai décadas, é o atranco que cómpre desaparafusar, ese fogar onde aínda non se humilla o corazón da humanidade. A desorde imperial vixente é un xeito de orde. Un novo absolutismo. O que se está a impor é a tríade de Hobbes: a guerra, a espada e o poder económico.

O 12 de agosto deste ano 2026, durante dous minutos, poderemos ver a Eclipse Solar. Galicia será un dos mellores miradoiros para este agasallo da natureza. Un intre engaiolante. Un espectáculo senlleiro que non pide nada a cambio. Mais estamos a vivir outra Eclipse Total, que se vai espallando como unha época de tebras, de acelerado retroceso, e de pulsión destrutiva para a humanidade e para a natureza toda.

Así que a Eclipse Solar pode ser un bo intre para un xuramento contra a Eclipse Total. Non dar, endexamais, o noso consentimento ao absolutismo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail