Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Alugar unha casa para vivir ou unha furgo para unha finde estupenda é algo comunmente aceptado. Botas contas domésticas e se che dan os números falo coma quen pilla o tren ou se peina con gomina. Un acto ordinario, doméstico e socialmente normalizado.
Mais a cousa do alugueiro complícase cando es varón e o que desexas é ter un fillo da túa estirpe sen manter unha relación de convivencia na que alomenos unha persoa sexa muller. Os ventres de alugueiro entraron coma un furacán nos debates LGTBI+ hai xa anos e aínda hoxe son bastantes os que manteñen a controversia apoiados na simpleza do comercio liberal: a solución para as parellas gay consiste en contratar unha muller necesitada para parir un fillo cos teus xenes. Coma se elas fosen hoteis.
Pois non. Nin hoteis nin xenerosos seres reprodutores ao servizo do novo machismo gay. Ningunha muller fai iso por gusto, senón por necesidade. E se aportamos ese tipo de solucións para normalizar a vida ou a independencia económica das mulleres, estamos deshumanizándoas, equiparando os seus corpos, a súa intimidade, con bens de natureza material que poden comprarse e venderse.
Mercadear co corpo das mulleres é un paso atrás nas súas conquistas de normalización. Un gravísimo paso no seu lento camiño pola igualdade, pola equiparación material e social cos homes. Supón nada menos que revitalizar o esquema «macho paga, muller pare», cun contrato remunerado.
Por certo, todo isto non o digo eu. Faino o feminismo, que nos está axudando a todos a converternos en mellores persoas. Hoxe é o grandísimo baluarte contra a barbaridade de considerar a muller como un contedor ocasional de liñas masculinas de ADN. As delas importan aos clientes só relativamente. Como o que paga escolle, seguro que non lles serve calquera. As febles, feas, negras ou baixas quedarían desbotadas, non vaiamos mesturar o noso potente sangue caucásico con calquera mesquindade.
Non sei se preferir ter descendencia masculina cunha descoñecida antes que adoptar un ser vivo será unha patoloxía mental, pero socialmente non parece moi san e roza o que podemos chamar un racismo de estirpe
Grazas ao feminismo, as mulleres avanzan en igualdade material, simbólica, verbal e laboral. Grazas a elas, confío en que esteamos ademais feminizando os homes, separándoos da violencia verbal e física, do comportamento fatuo e indolente, do falso cumprido, da caspa que vive entre nós. Levará anos. Pero ese é o camiño. Que ningunha teña que alugar o seu corpo para conquistar a súa independencia e por conseguinte a súa liberdade.
Agora imos coa clientela. Os homes que constitúen unha familia sen mulleres. Gays, solteiros ou mesmo os que deciden vivir divinamente coa súa cabra. E incluso os heteros que, por circunstancias dun ou doutra, non poden reproducirse naturalmente ou coa axuda da ciencia. De todo este grupo, sen dúbida, máis do 95% son homes. Que move a algúns deses homes a desexar unha descendencia medio propia en pleno século XXI? Que parte do seu comportamento como ser social lles impide adoptar persoíñas que viven en circunstancias difíciles para convertelos nos seus fillos?
Non sei se preferir ter descendencia masculina cunha descoñecida antes que adoptar un ser vivo será unha patoloxía mental, pero socialmente non parece moi san e roza o que podemos chamar un racismo de estirpe. Con tanto que sabemos de sobrepoboación mundial, contribuír á natalidade por capricho xenético, embrutecendo as relacións humanas por medio dun contrato de alugueiro, a moitos resúltanos indignante.
Claro que tamén tiñamos que falar das empresas intermediarias que explotan o turismo uterino, dese negocio paralelo chamado prostitución, do desesperante e incómodo acceso á adopción e de moitos matices que conflúen neste asunto que aflixe a algúns homes liberais, de boa posición neste mundo farto e que deciden aproveitarse das facilidades que o capitalismo lles ofrece sobre mulleres pobres, propietarias dun útero en idade fértil e ás que queren poñer a parir. Literalmente.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán