María Lionza e Antonio Pacheco han baixar cargados de flores

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

17 de Decembro

Non todos os días son o primeiro das antigas Saturnais romanas, e o aire semella gardar memoria daquel tempo en que a orde social se invertía.

O Sol sae ás 09:02 h e ponse ás 17:59 h.

A Lúa mingua xa cara a un escuálido 9%. Paréntese que pecha unha frase aberta semanas atrás.

🍂 No calendario micorestacional do Xapón dentro da estación da «Neve Maior» segue o ko 鱖魚群 Sake no uo muragaru «O salmón xúntase e remonta os ríos».

Na Galiza, tempo da marcescencia. Moitos carballos novos agárranse ás folliñas secas, da cor da cobre, negándose a deixalas caer por moito que zoe o vento. Resistencia pasiva da natureza galega: non quedar espido ante o inverno até que os gromos novos empurren. Nas cidades, a fenoloxía é a dos esqueletes de paraugas que colapsan os contedores de lixo, o bafo nos vidros do autobús.

☪️ O Calendario Islámico, a diferenza do noso solar, é estritamente lunar. O 17 de Decembro de 2025 corresponde ao 26 de Jumada al-Thani de 1447.

🇫🇷 Calendario Revolucionario é 27 de Frimario, día dedicado á Cortiza (Liège). A pel da árbore. Que acerto dedicar un dos días máis escuros ao material que illa, protexe e conserva

O calendario de santos galego lémbranos o día de San Lázaro de Betania, o resucitado a quen a morte cuspiu de volta —o santoral é un catálogo de traumas, e dise que Lázaro nunca máis volveu rir logo de ver o que había no alén—. Día de agradecer a crioxénese natural, esa ciencia da vida suspendida que lles permite ás sementes e aos bulbos durmir no frío sen morrer, agardando a termodinámica milagreira da primavera.

🎨 Pangalaicotone do día. Facendo honra ao calendario republicano e á terra mollada, a cor é o Pardo Cortiza (Cork Brown). Non un marrón calquera; é a cor da suberina, substancia cerosa e impermeábel que as sobreiras Quercus suber fabrican para protexerse do lume e da desecación. Sutil enxeñería biolóxica da natureza: unha armadura de celas mortas cheas de aire que a árbore constrúe, ano tras ano, para non morrer de sede nin arder do verán. O Pardo Cortiza é unha cor de resistencia intelixente. Lembra a textura rugosa dos vellos troncos nas devesas e a calidez que garda o espírito do viño. Un ton que nos di: «Protéxete, íllate, e garda o teu calor interior para cando. Para cando».

María Lionza e Antonio Pacheco han baixar cargados de flores

para a xente boa que amei e me quixo en Venezuela

para o meu fillo maior, Y.,

xardín de camiños que me bifurcou

 

Co transcorrer dos días e da órbita terrestre este Almanaque do Advento foi perdendo pé, tacón, punta tacón, e converténdose nun Almanaque do Viravento. Pero seguimos no Asombro. Iso caducar, non caduca nunca.

Na previsión estaba que o 17 de Decembro o pensamento sería para Venezuela, país ao que, como moitas galegas, estou vencellada. É o día que conmemora a morte de Simón Bolívar, día da carne no intre de facerse bronce.

  1. 1. Electrocardiograma e asombro (2005)

Viaxei a Venezuela por vez primeira en 2005. 206 anos antes Alexander von Humboldt zarpaba do porto da Coruña o 5 de xuño rumbo a Sudamérica, tras medir as diferenzas de temperatura nas augas do Seixo Branco. El, a bordo da fragata Pizarro. Eu, na aeroliña Santa Bárbara que, tras saltar a ponte de poldras do Caribe, aterra na Guaira.

Vivín semanas nunha familia media no barrio de San Bernardino, en Caracas: preto da Cota Mil, nas abas do Waraira Repano -o Cerro Ávila, electrocardiograma do verdor violento-. Unha casa media dunha familia media, con reixa no portal exterior, reixa no segundo portal, reixa no ascensor e reixa na porta da vivenda. E 3 ou 4 chinchorros (hamacas) dentro, para arrolarse como nunha matriz chea de chaves.

O barrio recendía a cambures e mangos, unha dozura que sen permiso entraba.

Sen turismo apenas, nos mercados escoitábanme con asombro: Tonse… eres gocha? ( do occidente do país e tamén, en ton pexorativo, pailana). No, gallega. Gallega de España. Alí había maracuchos, portugueses, italianos, xudeus, un barrio de galegos, a Candelaria, coas cachapas e os jugos de guanábana máis saborosos, estatuas xefas da María Lionza, muller mítica a lombos dunha danta, animal que tampouco coñecía…

Naquela familia aínda chavista a bisavoa do meu futuro fillo, Mercedes Borges, prepara dulce de lechosa (papaia) e papelón. É unha canaveira miúda que le a Chéjov e discute de política: yo no soy café con leche, mi niña. Yo soy negra.

Como negarllo a ese talle fibroso de 1’50 que sacara adiante, soa, catro fillos varóns e moitas sobremesas tres leches. Unha reina pepiada matriarca da familia, sabia, humilde, sen se impor.

Gústanme esas afirmacións cuánticas nas que quen observa non se esforza en definir o obxecto; é o obxecto quen se define a si mesmo sen esforzo. Mercedes Borges, fuches o que quixeches ser.

Estatua de María Lionza, Caracas

{Naqueles anos de explosión petroleira e PDVSA nacional o coeficiente de Gini, que mide a desigualdade, comezaba a reducirse. O parámetro entre 0 e 1, en 2005 rondaba o 0,49. A lastrada fenda social tentaba corrixirse. Eran os anos de gasto social, misións bolivarianas… Os anos do Sistema Nacional de Orquestras baixo a dirección de José Antonio Abreu no que, entre outros, se educaban Gustavo Dudamel ou un curmán daquel fillo meu por vir…}

  1. Naturgemälde apalpadora

Subín ao Ávila para ver zamuros trazando círculos sobre min e sobre un megacilindro fantasmal de cemento armado ao que chamaban Hotel Humboldt. Ignoraba o que ese país veneraba a Humboldt até que escoitei o seu nome en correntes frías, avenidas, barrios, universidades, estatuas…  Nin sequera sabía moi ben daquela quen era Humboldt, un naturalista alemán? Si, un que quedou fascinado co país. Chegara a Cumaná o 14 de xullo de 1799 xunta o botánico francés Aimé Bonpland e corría «como un tolo de aquí para aló» sen moito focus porque en canto apañaba un raro exemplar, descubría outro aínda máis curioso, e outro máis alá…

Conta Andrea Wulf en A invención da natureza que o espectacular Naturgemälde de Humboldt do Chimborazo, o volcán do Ecuador, era «unha asombrosa imaxe da natureza como un entramado no que todo estaba relacionado».  En palabras de Humboldt, «un microcosmos nunha páxina». El mesmo, un alemán, vía recantos xermánicos entre a fronde inaudita de Venezuela. O brión dos Alpes nos liques dos Andes.

Naturgemälde, Alexander von Humboldt

Nos fríos e as decembras, das montañas do Caurel en Galiza baixa o carboeiro Apalpador, un barómetro do benestar nutricional das crianzas, e agasalla froitos secos e xoguetes de madeira; alá, no Warairarepano sinaláronme unha aldea, Galipán: de alí baixa Antonio Pacheco cos seus burriños cargados de flores até a cidade dos teitos vermellos, escapando da friaxe.

Ya bajó Pacheco significa xa chegou o frío. Que aí advén o Nadal.

{Humboldt documentou pozos e afloramentos de petróleo en Venezuela, Agosto de 1799 na península de Araya. 200 anos despois, o país depende demasiado deses pozos de cobiza. PDVSA asóciase axiña a escándalos de corrupción. O soborno rexe as relacións. Entre 2012 e 2021 desparecen 3.500 millóns de dólares. Tamén case 8 millón de persoas nun éxodo que segue}.

  1. Caribe é unha fermosificación da palabra caníbal?

Humboldt e Bonpland recolectaron e secaron máis de 6.000 especimes de plantas durante a travesía polo Orinoco e en Cumaná, Caripe e Los Llanos, nun herbario equinoccial. Tamén catalogaron unha ave peculiar, específica, o guácharo (Steatornis caripensis). Caripe é Caribe? Que é Caribe?

Caribe podería significar, segundo Americo Vespucio, home sabio. Hai quen o traduce como home forte, bravo, das Antillas menores e costas sudamericanas. Os europeos adoptaríano para nomear a rexión, asociándoo a guerreiros navegantes e ás súas prácticas de antropofaxia, por oposición aos pacíficos pobos taínos da zona. Os españois puideron connotalos como caníbales para xustificar a escravitude legal desde 1501. As palabras, canto importan. Cando non están reportando están transportando o pole do sentido a quilómetros.

Penso no Caribe no Caio Boca Seca, en Morrocoy, tras unha viaxe nun carro do mesmo azul turquesa dese mar marabilloso, viaxe na que rebentou un caucho (neumático). Só hai turismo de interior, dos propios venezolanos que poden permitilo. Para min, que aborrezo o turismo extractivo de exhibición como forma-de-estar-no-mundo, é unha perla na boca seca, un tesouro polo que mergullo.

  1. Con pólvora e frailejones

En Mérida, a paisaxe case cántabra ascendía até eses monxes de veludo vexetal, os frailejones Espeletia schultzii, asteráceas endémicas dos páramos andinos. O teleférico Mukumbarí sóbenos até o Pico Espejo, a case 5000 m. Toco neve en Agosto. Todas as microestacións se afinan nese país.

Frailejón, acuarela e tinta de Nacho Muñoz Cano

Abaixo, na vila, sinto estouros. Están de festa? —Son disparos, m’hijita.

Tanto alí como en Caracas recomendábannnos quitar zarcillos e aneis. Polos malandros. Non podo crer que con ese nome sexan algo máis que túzaros mangantes, malandríns. Estes van armados e disque tanto lles ten túa vida a cambio dun par de nikes. Algúns viven nas quebradas dos ríos secos; outros, nas abas do Ávila.

Foi do primeiro que me amosaron na noite caraqueña, mentres eu buscaba sen éxito a Osa Maior e a estrela polar, a 10º sobre o horizonte, case raiándoo, imposíbel velas: cada lucecita de aquellas es una casa, ves? Un ranchito de chapa y zinc. Son outras constelacións, tacholadas por unha taxa de pobreza que eclipsaba do 40% ao 80% da poboación.

Lévanme ao Sambil, un mall estrondoso con recendo a canela onde podes mercar roupa invernal de Zara a prezos do Juan Flórez coruñés, mentres fóra o bolívar se derrete e a temperatura non baixa dos 24º.

Por poñer algo de calma, no cine vemos Secuestro Express, filme patrio sobre as prácticas violentas urbanas. Anos despois, secuestrarían a un amigo. Visitamos outro amigo que vive nunha quebrada. Petare, La Yaguara, Catia…a carón de Las Mercedes, Los Palos Grandes, Altamira… Quebrarse en desigualdade é a socioeconomía do país.

{A taxa de homicidios en Venezuela, entre as máis altas do mundo, acada os 81,4 por cada 100.000 persoas en 2018.}

  1. Bifurcación en Y (2009)

En 2009 regresei por última vez. A miña vida xa non discorría en liña recta, era un xardín de camiños que se bifurcaran cun cromosoma Y a grelar no centro. Un fillo galego que me colle febres en Trincheras. No centro ambulatorio rimos con monos capuchinos roubando cenouras na cociña. Un médico cubano dáme xaropes para o neno, que acabará curando somerxido entre os corais de Morrocoy. Albisco cascudas paseándose como negras enfermeiras prehistóricas polo xardín dun hospital. Chigüires de carácter zen. Turpiais feitos faíscas fartas de seren fotografadas. Na boca levo buguinas de carne deliciosa e mollo de ají que se venden a pé de estrada, rumbo ao esplendor silente de Mochima.

En Caracas o Museo de los Niños, un espazo educativo estupendo nos anos 80, parecía fosilizado desde os 80. Onde van os cartos de todo ese petróleo, toda esa fronde xeolóxica de país?

Os cartaces da propaganda política locen acabados de pintar, impecábeis. Podo admiralos mentres nos detemos a cambiar outro caucho picado máis, o terceiro. O petróleo non dá para manter un bo asfaltado. Como fósil pegañento que é, o cru serve para dúas cosas: mover o mundo e deter o tempo. Nese país fai ambas á vez.

{Entre 2012 e 2021, Venezuela experimentou unha caída do 80% no seu PIB, unha das crises económicas máis severas da historia moderna. O PIB per cápita, que alcanzara os 12.688 dólares en 2012, colapsou até os 3.659 dólares en 2023. O salario mínimo quedou conxelado en 130 bolívares desde Marzo de 2022, uns 3,50 dólares, mentres as pensións oscilan entre 40 e 90 dólares mensuais}.

  1. O futuro dura menos e custa máis

A dorsal mesoatlántica separa as beiras do Atlántico a unha taxa de entre 2 e 4 cms. cada mes. Con toda aquela enerxía que nos afastaba aos poucos, visitei a Hermandad Gallega e a editorial Monte Ávila. Nesta recibiume o director, cunha amábel perplexidade. Levaba comigo uns poucos poemas dunha antoloxía que logo nunca publiquei, Energía oscura. O enigma cosmolóxico que acelera o proceso de afastamento.

{Venezuela posúe 303.000 millóns de barrís de petróleo en reserva. Malia isto, a produción caeu a niveis de 1940.

A inflación en 2018 chegou ao 130.060%. Cento trinta mil por cento. Cando o número de ceros fai que a economía se volva astronomía.

En marzo de 2019, o país desconectouse: un apagón nacional de 5 días deixou ás escuras ao 80% do territorio. O resultado non foi só o silencio, senón a morte térmica: hospitais sen xeradores, comida podrecendo en neveiras. Segundo Cáritas (2024), o 30% dos nenos presenta hoxe un atraso no crecemento por desnutrición crónica. 7 de cada 10 menores de cinco anos están en risco. O futuro dura menos, está caro o futuro.}

  1. Brancanegra

Venezuela non é un lugar no mapa para centos de miles de emigrantes que en Sada, en Vigo ou Compostela resetean a vida con diplomas sen homologar, mercan folla de plátano para cociñar hallacas, pan de jamón e entoar o burrito sabanero cada Nadal. Tampouco para min. É un pretérito que che estala na cara en pleno presente. Todos estes anos criei un compás de 6/8 que atravesou o océano nun barco de escravos, un yagrumo, un yacaré. Rompín augas de Miño e Orinoco. Por puro microquimerismo, sábeme a pel a casabe.

{A Gaita de Furro non é só música: é o metrónomo do Nadal. Unha conta atrás que arrinca o 18 de Novembro e non para até a Candelaria, xusto cando en Galiza os paxariños deciden que é hora de casar}.

Ninguén de fóra dese hipnótico país pode arranxar ese hipnótico país. Ten que rexenerarse por dentro, da víscera. Seguir a María Lionza, purificarse na montaña de Sorte, dar o Salto Ángel, cantar cos médanos brancos de Coro e co Silbón, abrir a súa orquídea branca de Nadal (Masdevallia tovarensis), a orquídea negra (Masdevallia rolfeana) que é violeta escuro en verdade…

{Desde 2017, Washington despregou unha estratexia de «máxima presión» que bloqueou as arterias do sector petroleiro e os activos de Caracas no estranxeiro. O obxectivo era forzar un cambio político pechando o acceso ao crédito e ás divisas internacionais. Pero o asedio económico, sumado ás fendas dun sistema xa erosionado, acabou por coutar a entrada de bens esenciais, convertendo o illamento diplomático nunha asfixia que hoxe pagan, antes ca ninguén, as de sempre: as outras nós.

Venezuela é América. Parte de. Ningún país só é América. A metonimia é ignorante. A metonimia quere converter Venezuela en useña, como dicía Mercedes Borges. Un goberno monicreque para deixar meter man aos ricos recursos naturais. Vendéronnos que o propio vocablo Venezuela era unha pequena Venecia eurocéntrica e colonial, pero resulta que seica é a auga grande de Maracaibo en lingua arahuaca. Non temos puta idea de case toda América}.

…ten que arrastrarse até os 2.000 millóns de anos dos tepuis, baixo o alustro do Catatumbo carbonizarse, chorar a fantasma dos glaciares perdidos, untarse no seu cacao excelso, bailar joropo coa Sayona de saia branca e cabelos negros…

Até que as flores de Antonio Pacheco volvan baixar nun burriño polos cerros do Ávila, desde alí onde me sinalan hai 20 anos, desde a aldeíña de Galipán, ves?

 

Capaz aquí todos estamos muriendo la misma

muerte sin darnos cuenta. Claro, no va a salir en primera

plana. Nadie va a reportar esta muerte larga y niña,

toda hecha de números flacos. No es noticia.

Nadie quiere enterarse del trabajo quebradizo de los números,

¿me sigue? Pero igual termino preguntándome cómo

lo logran. Cómo cuentan esos gramos de

pólvora, impactos de bala,

avemarías y señortenpiedad, kilos de carne

inmóvil, litros cúbicos de sangre aturdida sobre el asfalto

y todos esos granos de sal que son la única

materia del alma. ¿Cómo no enloquecen un buen día,

los números?

Fragmento de Salvocoducto, Adalber Salas Hernández, 2015

Libraría El Buscón, Las Mercedes, 2009

Nota final: Este almanaque debería rematar o 24 de decembro, pero como a órbita terrestre e as promesas políticas, ás veces as cousas non pechan cando deberían. Seguimos no Almanaque do Asombro e do Advento Viravento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail