FOTOS: Amoedo Loira e Xosé Iglesias
BRUXELAS.- A finais dos noventa na Unión Europea que medraba grazas ao Tratado de Maastricht falábase dun comisario de Agricultura e Pesca en guerra persoal contra o seu propio sector. Era Franz Fischler, impulsor dunha reforma da Política Agraria Común (PAC) que afectou especialmente a Andalucía ou Castela a Mancha pola redución no volume das subvencións adicadas aos extensos campos de olivares, os seus labregos e as empresas de procesamento do aceite.
En paralelo á súa ambiciosa reforma, o austríaco reducía os centos de miles de toneladas de leite ou aceite que a Unión Europea permitiría producir. Un dobre ataque contra o campo que durante moitos meses tivo alporizados a labregos e gandeiros, empresarios agrícolas e pequenos e grandes propietarios. Para tentar convencer a este centroeuropeo das súas posicións trabucadas, a Fischler invitábano ás explotacións a que comprobase pé en terra os beneficios dunha cultura agraria centenaria, sostible, pegada ás comunidades locais e responsable de miles de empregos nun sector en crise dende había décadas. El sorría e mesmo quixera probar unha oliva directamente da árbore. Pero toda esta diplomacia rural e gastronómica non moveu as súas posicións e el tirou cara a diante cunha política agraria europea orientada a subvencionar as técnicas sostibles, os pagos por superficie de cultivo e non por volume de produción e sen intervencións nos mercados.
A súa reforma foi cualificada como un disparate, e Fischler, posto na diana pública dos medios e contra o sector, acusado de entregarse aos azos do ecoloxismo radical e de ser un centroeuropeo ignorante do campo. Poucos anos antes, xa Manuel Manquiña berrara naquela tola película La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos que só viñan de «Europa virus, insectos e drogas» por culpa dos «protestantes invertidos», unha xustificación do canibalismo no que se vira embarcada a súa familia pola perda das vacas e o declive do rural no mundo moderno.
Vinte anos despois reprodúcense as críticas ante a política emprendida por outro comisario e tamén as invitacións para visitar as comunidades locais. Agora, o protagonista é o responsable europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, o inimigo número un para as frotas pesqueiras do continente. A mala relación xa vén de lonxe, de cando o político letón recibiu de varias organizacións ecoloxistas a petición cidadá con máis de 150.000 sinaturas contra a pesca de fondo, acompañada dun cómic no que aparecía como salvador dos ecosistemas mariños xunto a un vicepresidente da Comisión Europea. Dende entón, Sinkevičius carga coa penitencia de ter unha «visión única ambientalista da pesca» e este prexuízo acrecéntanse pola nova situación creada tralo brexit, que obrigou a reducir as capturas dos barcos europeos ao ter que negociar e compartir caladoiros comúns cos británicos. Cada mes de novembro, a Comisión propón as cotas pesqueiras do ano seguinte e, dende a marcha do Reino Unido, abundan os recortes en importantes especies como a pescada, o xurelo ou o linguado mentres se manteñen vedas noutras, como a cigala. O sector culpa ao comisario de ser o responsable directo das contas, sen importar as análises científicas nas que se basean ou o traballo dos equipos de funcionarios europeos.
No medio deste fogo cruzado atópanse os gobernos de España, Francia, Portugal ou Irlanda, os países coas frotas pesqueiras máis importantes da UE e as máis afectadas polos recortes das capturas, obrigados a defender os seus mariñeiros polo medo ás protestas en localidades e rexións concretas como Galicia ou a Bretaña, nas que o sector segue a ter importancia económica, social e cultural.
Esta guerra política de baixa intensidade levábase quentando nos últimos meses baixo a ameaza de que a Comisión Europea estaba disposta a vetar as artes da pesca de fondo en importantes caladoiros da costa atlántica continental. E cando chegou setembro, se había algunha ponte de entendemento entre as partes, esta estoupou ao executar Bruxelas a prohibición en 87 áreas mariñas que van dende o norte de Irlanda até Xibraltar, en profundidades entre os 400 e os 800 metros, un total de 16.419 quilómetros cadrados nos que hai 57 zonas con ecosistemas vulnerables e outras trinta onde poderían existir. Dende entón, o enfrontamento que se vive en Bruxelas é máis propio das habituais liortas entre gobernos europeos para obter millonarios fondos comunitarios ou xestionar doutro xeito as crises económicas, coa Comisión espremendo normas para impor a súa visión e varias capitais alporizadas con ela mentres os lobbies empresariais, neste caso os armadores, xogan tamén o seu papel.
Un palangre non é unha rede de arrastre
O regulamento que aprobou a Comisión para vetar a pesca de fondo en 87 ten dous puntos principais de conflito para os dous bandos: primeiro, a non diferenciación entre diferentes artes, fixas ou móbiles, de longas ou curtas redes; e segundo, a catalogación de todas esas zonas mariñas como protexidas.
Redes de arrastre, palangres de fondo, ou nasas quedaron prohibidos neses caladoiros, sen diferenciar entre o seu impacto no fondo mariño ou o funcionamento e capacidade que ten cada arte. Un palangre, como instrumento artesanal, está formado por varias liñas de anzois de 2,5 metros de lonxitude unidas nunha mesma malla, mentres que as redes de arrastre van dos sesenta aos cen metros de longo formando unha enorme malla que, durante varias horas, captura miles de peixes. Redes tan altas como un piso de tres plantas e anchas como un campo de fútbol que desbrozan ao seu paso todo o fondo mariño. Bruxelas inclúe a todas estas artes dentro da mesma prohibición malia as reiteradas protestas do sector.
«Todas as redes de fondo están vetadas en profundidades superiores aos catrocentos metros», insistiu o xefe da Dirección Xeral de Mar da Comisión nun intenso debate cheo de acusacións cruzadas no Parlamento Europeo. «Non temos marxe para diferenciar. A regulación afecta a todas, calquera que sexa o seu impacto», advertiu o funcionario comunitario, xustificando a decisión segundo as recomendacións dos informes do ICES, o Consello Internacional para a Exploración do Mar, responsable das avaliacións científicas sobre o estado dos stocks e dos ecosistemas.
Esta versión é desmentida polo sector e por políticos como Francisco Millán Mon, eurodeputado galego do PP e membro do Comité de Pesca da Eurocámara. «A Comisión fixo unha resposta preguizosa, cunha aplicación indiscriminada porque o informe científico de Copenhaguen [o do ICES] si pode distinguir entre artes», asegura o popular.
Ás críticas súmase a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. «Métense tipos de artes como o palangre e sen ningún plan para paliar os efectos dunha decisión así, é un golpe da burocracia e da ignorancia», afirma a a nacionalista. E o socialista Nicolás González Casares, tamén eurodeputado, amplía o abano dos reproches ao considerar que «é inaceptable que sen ningún tipo de valoración, sen un contraste científico, sen un estudo de impacto socio-económico se permita tomar este tipo de decisións».
Tradicionalmente enfrontados no Parlamento Europeo, os tres representantes galegos en Bruxelas fan fronte común na defensa dos intereses da frota pesqueira e critican o veto ás artes de fondo nesas 87 áreas mariñas como unha decisión «totalmente arbitraria» que xera «moitas dúbidas e incertezas» e afecta a 1.000 barcos expulsados desas augas, 200 deles galegos.
«É unha ruína para a frota galega, unha decisión unilateral que cuestiona o dereito a producir, a nosa soberanía alimenticia como nación», lamenta Miranda, sinalando o aspecto social da decisión, outra das críticas que se lle fan á Comisión por non ter incorporado un estudo de impacto socio-económico como adoita facerse en calquera lexislación comunitaria. «Por moito que se diga que eses espazos son pequenos, a nós parécennos inmensos e suficientes como para que moitos barcos e moitas familias deixen de ter un traballo», advirte González Casares. Con este veto, as perdas anuais para Galicia calcúlanse en 800 millóns de euros e impacto de preto de 4.400 postos de traballo.
Os tres políticos galegos participaron nun debate parlamentario específico sobre a pesca de fondo xunto a outros colegas vascos, andaluces, irlandeses ou portugueses e cos representantes da Comisión Europea no que se escoitaron críticas directas a España e a súa xestión pesqueira. Se hai zonas vedadas que non deberían estar, se faltan as probas de que nelas non existen ecosistemas mariños vulnerables, é por culpa da lentitude do goberno español, veu dicir o representante de Sinkevičius. «Imos catro anos tarde para sacar esta lexislación e os datos do ICES do 2018 e 2019 foron revisados, pero houbo un problema cos españois e estivemos agardando por eles», criticou o xefe da Dirección Xeral de Mar. Unha acusación pública diante das cámaras nada habitual nos debates comunitarios, onde se soen gardar as formas cando representantes das diferentes institucións sentan na mesma mesa. Unha acusación que caeu como o demo entre os diplomáticos españois responsables dos temas pesqueiros. Un deles presenciaba en directo o debate e ao seu remate sinalou directamente como mentiráns aos representantes da Comisión.
Na superficie abrollan algo máis que 87 zonas
As pontes voaron e a denuncia do Estado español diante do Tribunal de Xustiza Europeo contra todo este regulamento enlama aínda máis unhas relacións necesarias para a primavera, cando a Comisión decida se o revisa, aínda que sexa parcialmente.
Bruxelas, e non os Gobernos ou a Eurocámara, ten a autoridade para modificar ou retirar, algo que semella imposible, a súa prohibición á pesca de fondo cando reciba antes de fin de ano novas avaliacións sobre a situación dos ecosistemas mariños e das artes de pesca, comezando logo un proceso de consultas coas capitais, o Parlamento Europeo e, finalmente, as frotas pesqueiras. Só entón podería rematar co veto dalgunha das zonas.
Agora mesmo son 87 áreas das costas atlánticas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Conformarían unha liña mariña varias ducias de millas mar adentro que iría bordeando a costa dende Xibraltar ata o Atlántico Norte, fronte ás augas irlandesas de Derry. Nelas atópase o Mar Céltico e o Talude do Golfo de Gascoña, augas fronte ás costas de Bretaña, incluídas na lista das dez zonas mariñas europeas máis expostas á pesca con artes de fondo.
A patronal española do sector, Cepesca, critica o veto destes 16.500 quilómetros cadrados porque a lexislación europea «xa ten pechados hoxe en día todos os lugares do mundo onde existen ecosistemas vulnerables» á pesca de fondo. Dende Oceana, unha das organizacións ecoloxistas recibidas polo comisario Sinkevičius, contradín ao sector e denuncian que «as redes de arrastre son aínda tan predominantes en Europa que representan un 32% do total de peixe desembarcado», algo máis de sete millóns de toneladas de peixe. Segundo os cálculos de Oceana, a metade dos fondos mariños das augas europeas, entre eles as 87 zonas afectadas, sofren estas prácticas pesqueiras.
Só no período que vai do 2015 ao 2019, os barcos que empregan as artes de fondo terían tirado pola borda unha tonelada de peixe por non ser das especies desexadas. As organizacións ecoloxistas denuncian que este tipo de aparellos destrúe os hábitats mariños matando accidentalmente organismos vivos das profundidades, como os invertebrados, e causando danos físicos nos sedimentos. O tempo que tardaría un destes ecosistemas en recuperarse logo do paso dunha rede de arrastre de ducias de metros sería de sete a quince anos.
Nicolas Fournier, responsable de campañas mariñas de Oceana Europa, relaciona este problema de sobreexplotación do mar co cambio climático que vive o planeta. «Abandonar este tipo de métodos de pesca destrutivos é esencial para que Europa cumpra cos obxectivos climáticos e de biodiversidade, tendo en conta o alto consumo de fuel, así como o seu impacto na vida mariña e na almacenaxe de carbono no fondo oceánico», explica Fournier. As grandes pradeiras mariñas, os manglares e os bosques de algas recollen anualmente unha décima parte de todo o dióxido de carbono que absorben os océanos, formando ecosistemas capitais para a loita contra o quentamento global.
Europa está atrapada nunha malla de intereses económicos, presión social ante o cambio climático e compromisos políticos no interior e cara ao exterior mentres quere situarse na cabeza da carreira contra reloxo global pola sostibilidade. Na vindeira década converxerán as súas axendas climáticas e da biodiversidade, o que implicará impor estritos límites de emisións ás frotas pesqueiras, ademais de trasladar dun xeito definitivo o debate sobre a captura de CO2 aos ecosistemas mariños ante a necesidade de reducir as emisións con efecto invernadoiro. A supervivencia destes ecosistemas semella crucial e a Unión Europea ten como mandato a protección do 30% da súa área mariña, obrigatoriedade recollida na súa Estratexia de Biodiversidade e na Directiva para unha Estratexia Mariña.
Un mar en perigo
Nos últimos setenta anos a frota pesqueira europea evolucionou e minguou de xeito considerable. Durante as décadas dos cincuenta e setenta, o número de barcos activos rexistrados aumentara rapidamente e superaba as 10.000 embarcacións, pero dende mediados desa última década o sector comezou un lento declive. Hoxe en día, o número total de barcos de pesca profesionais é semellante ao que había cando rematou a Segunda Guerra Mundial, pero a súa diversidade en canto a aparellos mudou radicalmente.
Hai medio século a meirande parte dos barcos traballaban con métodos como os palangres de fondos. Se ben estas artes tradicionais seguen como as máis empregadas, a súa presenza xa non é maioritaria e as redes de arrastre ou as grandes de rodeo gañan importancia en embarcacións que, hoxe en día, emiten á atmosfera tres veces máis dióxido de carbono que as pequenas e tradicionais.
Un informe de hai un ano da WWF, baixo o título de «Impactos socio-económicos de Política Común Pesqueira (PCP) da UE», expoñía abertamente que «hoxe, o emprego de redes de pesca prohibidas e o fracaso ao informar sobre as capturas son os problemas máis significativos do non cumprimento da PCP nas augas domésticas dos Estados Membros». As anguías, xa en perigo de extinción e que representan un 10% do capturado con estas grandes artes de fondo e desembarcado nos portos, o bacallau, a solla ou o merlán son especies que rematan nestas redes sen pertencer ás capturas procuradas inicialmente.
«A aplicación da Política Pesqueira Común está a afrontar desafíos significativos», advirte a organización ecoloxista, «xa que numerosos stocks peixeiros fican sobreexplotados e centos de miles de especies mariñas están ameazadas por prácticas insostibles». E máis aló das 87 vedadas do Atlántico Norte, o Mar Adriático e as augas entre Reino Unido, Dinamarca e Noruega son as máis afectadas.
Isto é o que acontece nos propios caladoiros da Unión Europea, onde os nosos barcos van con GPS e instrumentos mariños de localización, existe un control exhaustivo das súas artes de pesca e as frotas deben informar polo miúdo das súas capturas ao chegar a porto, entre outros motivos para cumprir coas cotas pesqueiras anuais de cada país para as diferentes especies. Malia esta vixilancia, a denuncia sobre as irregularidades das frotas é firme. Lonxe das augas europeas, a nosas frotas non sempre traballan coa mesma responsabilidade. A metade dos barcos europeos implicados en prácticas ilegais de pesca fóra das fronteiras comunitarias terían empregado aparellos de arrastre e fondo prohibidos, «o que ten devastado os ecosistemas mariños», denuncia WWF.
Abrindo o obxectivo da análise, a fotografía global do mar é preocupante, cun 60% dos caladoiros do planeta explotados ou completamente esquilmados, segundo cálculos desa organización. E a práctica da pesca de fondo coas prexudiciais redes de arrastre está estendida. As costas de Australia e Nova Zelandia, de Arxentina e Brasil ou da África do Sur están entre as máis afectadas. Alí, as mallas xigantes de tres pisos de alto e cun ancho dun campo de fútbol tamén arrasan os fondos mariños sen pararse nas fronteiras.
Malia as caricaturas, desprezos xeográficos e a loita política na que gobernos e lobbies van da man, Europa avanza na vangarda da sostibilidade mariña, ameazada a longo prazo nas augas do vello continente e nas de todo o globo. O mar e os medios de vida das poboacións costeiras están en risco, o seu futuro xógase na burocrática Bruxelas igual que o da nosa alimentación e saúde.