O galego cóase no debate sobre a oficialidade do asturiano no novo Estatuto de Autonomía de Asturias

O Goberno de Adrián Barbón e a Academia da Llingua Asturiana rexeitan a reclamación da Real Academia Galega de que a variante do galego que se fala entre Navia a desembocadura do Eo tamén sexa lingua oficial en todo o territorio do Principado.

A Coruña.- O galego coouse no debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias despois de que a Real Academia Galega (RAG) reclamase por escrito ás institucións desa comunidade que a lingua de Galicia sexa tamén oficial en todo o territorio do Principado, en pé de igualdade co español e o asturiano.

A proposta foi rexeitada polo Goberno do socialista Adrián Barbón e pola Academia da Llingua Asturiana (ALLA), que consideran que se trata dunha inxerencia que podería embarrar as negociacións políticas sobre a reforma da norma, actualmente atrancadas.

A reforma require tres quintas partes da Xunta Xeral –o Parlamento asturiano–, é dicir 27 de 45 deputados. Entre o PSOE (vinte actas), Podemos (catro) e Esquerda Unida (dúas) suman 26, polo que Barbón pretende pactar a reforma con Foro Asturias, que ten dous escanos nun hemiciclo no que tamén sentan o PP (dez), Ciudadanos (cinco) e Vox (dous).

Ría de Ribadeo / Foto: turismo.gal.

A RAG aprobou a principios deste mes un informe no que manifestaba o seu desexo de que a Xunta Xeral incluíse na reforma do Estatuto «a declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano», e de que o galego «sexa oficial en todo o territorio do Principado de Asturias, para que os seus falantes teñan os mesmos dereitos que os do asturiano».

O informe, que foi enviado en galego, español e asturiano á Xunta Xeral, ao Goberno de Asturias e ao seu presidente, sostén que «hai un problema que afecta a todas as variedades da lingua galega, sexa cal for a beira do Eo que se considere: a súa supervivencia».

O eonaviego é un neoloxismo que denomina o idioma que se fala nas zonas costeiras do occidente de Asturias, xunto á fronteira con Galicia, entre a desembocadura do río Eo e o municipio de Navia, onde viven unhas 40.000 persoas. Segundo a RAG, trátase dunha variante do galego, pero segundo a ALLA é unha lingua «con características propias que comparte trazos co galego e co asturiano», en palabras do presidente desa institución, Xosé Antón González Riaño.

«Con todo o respecto e o agarimo cara a Galicia e a súa lingua, a Real Academia fixo unha formulación pintoresca, unha ocorrencia que sucede xusto no momento en que os partidos políticos estaban a debater o contido do novo Estatuto», explica o presidente da ALLA, quen defende que o eonaviego sexa cooficial no territorio onde se fala, pero non en toda Asturias. «Como vai ser oficial o galego nas concas mineiras, en Oviedo ou en Llanes?», pregúntase.

Real Academia Galega / Street View.

O Goberno de Barbón non respondeu formalmente á proposta da RAG máis aló dun chío en Twitter no que o propio presidente deixaba entrever certo anoxo: «A reforma do Estatuto de Autonomía negóciase en Asturias de acordo ao sentir dos grupos políticos, entidades e asociacións asturianas. Ninguén nos dirá, desde calquera outra comunidade e por moito respecto que lles teñamos, o que temos que recoller no noso Estatuto».

En Galicia, con todo, as cousas vense de forma distinta. «En absoluto se trata dunha inxerencia, as academias son academias da lingua e teñen por obxecto defendelas, a elas e aos seus falantes. As linguas non coñecen de fronteiras», subliña Henrique Monteagudo, académico e vicesecretario da RAG, quen cre que o Principado «sempre coartou calquera medida en favor do galego» someténdoo a un proceso de «dialectización» que inclúe denominalo como «eonaviego».

«As linguas que se falan en Navia son unha variedade do galego. Eonaviego? Esa denominación non existe en ningún manual», sostén.

O novo traballo de Ugia Pedreira, Segmento cantábrico (2021), e é o primeiro que asina co seu apelido. O tema 11 leva por título «Ribeiras del Eo».

Para algunhas persoas, a discusión está a converter a lingua nun elemento de separación cando na realidade funciona como un nexo de unión. «Podemos chamalo como queiramos, pero o certo é que as persoas que vivimos na fronteira entre o Occidente de Asturias e A Mariña lucense falamos un mesmo idioma que non nos separa, senón que, ao contrario, nos une», di a compositora e intérprete Ugía Pedreira, nacida en Foz (Lugo), residente en Castropol (Asturias) e autora de A comuna del Barruzo (A Central folque, 2019), o primeiro disco-libro composto na variedade do idioma que se fala entre Navia e o Eo.

Pedreira tamén lamenta que o debate impida poñer de manifesto a riqueza do galego: «Non entendo como os asturianos non se dan conta de que o galego lles abre as portas a un patrimonio inmenso que forman millóns de falantes de galego e portugués, de Mozambique ata Brasil», argumenta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail