Cadriños en tempos de mudanza

Desbotada a idea de escribir unha historia xeral da banda deseñada en Galicia que arrincase mesmo coas estampas ilustradas en cadriños seriados das Cantigas de Santa María de Alfonso X, ou cos cantares de cego que entretían ao pobo nas feiras, ou que se detivese nos debuxos creados por algúns autores anteriores á guerra civil como Castelao, Manuel Torres ou Álvaro Cebreiro, ou que analizase para Galicia a posible influencia ideolóxica dos tebeos haxiográficos do franquismo tipo El Guerrero del Antifaz, Xulio Carballo –autor de Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), (Xerais, 2019)–  céntrase neste libro nun período relativamente curto pero que será fundamental no devir desta arte no noso país.

Un tempo de mudanzas sociais, culturais, económicas etc., reflectidas tamén na recepción de novas correntes –o comix underground norteamericano, a ficción científica europea– que introducirán no estancado mundo do tebeo hispano as novidades da cultura beatnick e hippy, a distribución a través de canles alternativas ou a vontade de crear un produto popular e con vocación artística a un tempo.

Con este contexto de pano de fondo, Xulio Carballo sinala como auténticos pioneiros da BD galega ao coruñés Reimundo Patiño, integrante daquela do grupo Brais Pinto, e mais ao ferrolán Xaquín Marín. Ambos formarían o colectivo Fusquenlla (en referencia aos irmandiños de idéntico nome), «chamado a ser o artífice do nacemento da banda deseñada galega» (p. 25).

Patiño, pintor da escola informalista cunhas circunstancias vitais que lle permitían estar ao tanto das últimas tendencias artísticas (era empregado de banca en Madrid e tiña familia en Bos Aires da que recibía información), introducirá en murais como os d´O home que falaba Vegliota (1972) a estética do novo comic con grande acerto e expresividade.

Pero será o extraballador de Astano, Xaquín Marín, quen, en 1971, debuxe O emigrante, a que pasa por ser a primeira historieta galega en senso estricto. Un traballo que, como sucedera noutras artes (caso do cinema ou a pintura), terá na figura do galego que parte por motivos económicos o seu primeiro leitmotiv.

«2 viaxes» de Xaquín Marín e Reimundo Patiño

Alén destes dous autores, a historia da BD galega continúa co Grupo de Cómic do Castro, integrado por Xesús Campos, Luís Esperante e Xosé Rosendo Díaz (fillo de Isaac Díaz Pardo). Un colectivo  fortemente influenciado polo maxisterio de Reimundo Patiño e identificado con postulados antiautoritarios e comprometidos co idioma galego. O Grupo de Cómic do Castro, comezaría a organizar exposicións de banda deseñada –tendo non poucos problemas coa censura franquista– co fin de dala a coñecer polo país adiante, sorteando así a falta de canles distribuídoras e de industria editorial. Ademais, este grupo sería quen de editar, en colaboración con colectivos organizados da emigración galega en Suíza (novamente a emigración xogando un papel decisivo na cultura galega), a primeira revista de banda deseñada de noso: A Cova das Choias.

Na altura, o modelo das exposicións de BD será asumido tamén por dúas das máis importantes asociacións culturais creadas na Galicia da época: O Galo e O Facho. O que nos dá a medida –e non debería darnos tamén a inspiración para o grisallento tempo presente?– do fundamental e inxente traballo que levou a cabo aquel asociacionismo de base en todos os eidos culturais e sociopolíticos.

A cova das choias

Ademais de dar fe das mudanzas radicais que se estaban a producir na sociedade galega coa progresiva industrialización, españolización e abandono do mundo rural, todos estes autores destacan pola contemporaneidade do enfoque dado aos temas tratados. Así, a alerta contra a destrución dos ecosistemas e a visión distópica do que os teóricos de Frankfurt chamaban a «sociedade administrada» do tardocapitalismo (iso nun país que nos anos 70 aínda contaba cun sector agrario moi extenso!) é recorrente nas historias; un discurso que se ía modelando á calor das loitas concretas que se estaban a dar a pé de corredoira: p.e. a loita contra a pretendida Central Nuclear de Xove.

Na segunda metade do libro que nos ocupa, Xulio Carballo emprende unha exhaustiva revisión da presenza das viñetas de todos estes pioneiros, e doutros máis novos como Pepe Barro ou Pepe Carreiro, nas páxinas da prensa galega (destacando o xornal El Ideal Gallego pola súa temprana aposta polo xénero). O emprego da lingua galega na prensa escrita –exceptuando os casos de A Nosa Terra ou Teima– se relegaba a estas exiguas aparicións testemuñais –situación non moi diferente, infelizmente, da que temos hoxe–, algo que Xaquín Marín non tiña empacho en denunciar nas súas viñetas publicadas nesa mesma prensa.

Sexa como for, coa aparición en 1979 de Xofre, o primeiro fanzine sobre cómic no que despuntarán autores hoxe recoñecidos como Miguelanxo Prado ou Fran Jaraba, esta concepción das viñetas como simple aderezo ou anécdota verase aínda máis cuestionada.

O libro péchase cuns breves capítulos que abordan o tema da banda deseñada histórica en Galicia e o diálogo entre a BD e outros medios artísticos como poida ser o teatro, o gravado ou a fotografía.

O libro de Xulio Carballo fará as delicias daquel segmento dos afeccionados á banda deseñada con máis curiosidade por coñecer a xénese desa arte na nosa terra así como aos seus principais protagonistas. En paralelo, o libro é unha excelente introdución para analizar como estes intelectuais e creadores plasmaron nas súas obras os traumas e o malestar cun tempo de cambio histórico profundo que habería de introducir, case que sen solución de continuídade, ao vello país campesiño na posmodernidade.

O traballo de Carballo é máis descriptivo que crítico, porén, unha posible tarefa a emprender  sería sopesar canto do teorizado por algúns daqueles pioneiros (especialmente por Reimundo Patiño) arredor da posibilidade de que a BD se erixise nunha arte comprometida, popular, liberadora e intelectualmente esixente se viu colmado finalmente. Traballos como os de Thomas Frank sobre a contracultura nos EEUU non son demasiado optimistas ao respecto, pero dado que a cultura galega no seu conxunto –derivado do seu carácter subalterno– é case que unha contracultura en si mesma, se cadra o papel destas experiencias non ten por que coincidir coa experiencia norteamericana.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail