Os poetas da guerra

Nos premios NME do ano 2004, The Libertines gañaron o premio á mellor banda británica do ano. Ao subiren ao escenario, os seus cantantes comezaron o discurso de agradecemento recitando o poema do británico Siegfried Sassoon «Suicide in the trenches» (Suicidio nas trincheiras, 1918). Carl Bârat e Pete Doherty recitaron os versos do poema alternativamente por primeira vez nesta cerimonia, pero rematou por ser común escoitarllo facer nos concertos.

A escolla do poema parece que ten moito que ver cos gustos literarios de, polo menos, Pete Doherty. Alumno particularmente avantaxado no campo das letras, gañou un premio de poesía aos 16 anos que o levou a Rusia nunha viaxe organizada polo British Council e a estudar Literatura durante un ano na University of London para despois deixalo para dedicarse á música. Na actualidade, ten un libro de poemas e escritos publicado, The Books of Albion: The Collected Writings of Peter Doherty (Orion Books, 2007) se ben a meirande parte das súas publicacións están dispoñibles en Internet. Todo este potencial literario tamén está presente nas letras das cancións de The Libertines, e nas escollas de temas e imaxes non deixa de haber un certo paralelismo, precisamente, con aqueles de Siegfried Sassoon mesmo se o grupo británico non viviu, pola xeración á que pertencen, ningunha guerra en primeira persoa.

Siegfried Sassoon e Robert Hanmer en 1916 (via The Independent).

Sassoon foi un poeta británico que adoita incluírse no grupo dos «War poets», autores que dedican boa parte da súa obra a falar dos conflitos bélicos contemporáneos a eles. A vida e obra de Sassoon estiveron marcadas pola súa participación na Primeira Guerra Mundial movido polo patriotismo, o que motivou un cambio na súa poesía, que virou cara á denuncia do conflito armado a través dunha descrición detallada, escura e inquedante dos episodios que pode chegar a vivir un soldado. Sassoon foi especialmente crítico coa distanza desde a que os altos mandos e a propia opinión pública vían o campo de batalla, inconsciente dos horrores que nela sucedían. A película Benediction (Terence Davies, 2021) mostra con bastante virtuosismo como a vida de Siegfried Sassoon logo de volver condecorado da guerra se move entre o luxo das altas esferas e o efecto psicolóxico que ten sobre el o conflito armado, no seu interior só parezan existir o medo e as ruínas. Jack Lowden no papel de Sassoon leva o peso da narrativa e é o gran responsable de que se flúa coa cadencia coa que o fai. Precisamente, o poema escollido por Bârat e Doherty para recoller o premio NME á mellor banda británica en 2004, ilustra con bastante acerto o rexeitamento de Sassoon a respecto da Primeira Guerra Mundial.

SUICIDE IN THE TRENCHES

I knew a simple soldier boy

Who grinned at life in empty joy,

Slept soundly through the lonesome dark,

And whistled early with the lark.

In winter trenches, cowed and glum,

With crumps and lice and lack of rum,

He put a bullet through his brain.

No one spoke of him again.

You smug-faced crowds with kindling eye

Who cheer when soldier lads march by,

Sneak home and pray you’ll never know

The hell where youth and laughter go.

SUICIDIO NAS TRINCHEIRAS

Coñecín un soldado raso

que sorría á vida con alegría baleira,

durmía profundamente na oscuridade solitaria

e silbaba cedo xunto á laverca.

En trincheiras invernais, intimidado e triste,

con bombas e piollos e ron ausente,

meteu unha bala na tempa.

Ninguén volveu falar del.

Vós, masas vaidosas con ollos incendiados

que vitoreades cando desfilan os soldados,

ide á casa e rezade para non saber nunca

o inferno ao que a xuventude e a risa van.

Tendo este poema en mente, e aínda resoando tanto a vida depresiva e acorralada do soldado como a inconsciencia colectiva que apoia o poder, podemos ver nas historias que The Libertines contan nas súas cancións un certo fío condutor que, dado que chega xa aos primeiros anos do século XXI, amosa a perda de fe presente en Sassoon ao dirixirse ás masas. Hai un recoñecemento dunha forza dominante que oprime e manipula, pero neste caso en lugar de ás masas, o narrador lírico diríxese a unha segunda persoa singular na que se individualiza o automatismo de comportamentos e que reforza o papel da autoridade. Vémolo en «Tell the king» (The Libertines, 2004):

TELL THE KING

I’ve got a little secret for ya

Even now there’s something

To be proud about

You come up the hard way

And they’ll remind you every day

You’re nothing

Oh my words in your mouth

Are mumbled all about

You’re like a journalist

How you can cut and paste and twist

You’re awful

Tell it to your king

Tell him everything you know

Tell him you know how I feel

Tell him you know how I feel at the palace gates

Oh I’m all levered off my face

And just to work out what it’s on about

And see snakes in eyes

And danger signs

DILLO AO REI

Teño un pequeno segredo para ti

Mesmo agora hai algo

do que sentirse orgulloso

Tiveches unha vida dura

E recordarancho todos os días

Non es nada

As miñas palabras na túa boca

son balbuceadas

Es como un xornalista

A maneira en que cortas e pegas e retorces

Es horrible

Dillo ao teu rei

Dille todo o que sabes

Dille que sabes como me sinto

Dille que sabes como me sinto ás portas do palacio

Estou tremendamente borracho

E só entender cal é o problema

E ver serpes nos ollos

E signos de perigo

Neste caso, o suxeito que sofre é o mesmo que o que enuncia, e fala de rexeitamento (algo tamén presente na vida de Sassoon pola súa orientación sexual). Moitas veces, o contexto que rodeaba a The Libertines deu máis que falar que a súa música e logo de ler este extracto concreto resulta difícil non pensar no trato que recibiu ao longo dos anos o comportamento e vida de Doherty, fortemente ligados ás súas adiccións.

Pete Doherty e Carl Bârat, The Libertines.

Pese a tratarse de dúas persoas moi afastadas en tempo e circunstancias, tanto Sassoon como Doherty empregan a súa capacidade artística para falar, en primeira ou terceira persoa das súas propias traxectorias vitais e do sufrimento que arrastraron ao longo do tempo. E mesmo se sofren por motivos diferentes, parten de lugares diferentes e definitivamente chegan a sitios moi distintos o un do outro, hai dous elementos comúns na orixe do seu malestar. Dous elementos que adoptan formas diferentes e se manifestan de xeito distinto en función da conxuntura, do espazo, do lugar e da situación pero que son o foco do seu malestar: a violencia e a inconsciencia. En ambos casos os suxeitos líricos, que non deixan de ser ata un punto as voces dos propios autores, conversan arredor destes temas por seren aqueles que lles afectan directamente. Sassoon é un «poeta da guerra» por ter como eixo central na súa produción a Primeira Guerra Mundial; Pete Doherty na súa lírica loita contra unha violencia se cadra máis sutil que a dun conflito armado, menos evidente pero igualmente presente e mesmo moito máis estendida: o seu papel de  «poeta da guerra» de comezos do século XX.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail