O Goberno declara ilegal a condena a un compañeiro de Reboiras e recoñece que foi torturado

Xosé Manuel Pavón González, que fora un dos máis activos militantes da UPG nos anos 70, amigo e compañeiro de Moncho Reboiras, fora condenado en 1976 polo Tribunal de Orden Público (TOP, o tribunal franquista encargado de reprimir a disidencia política, antecedente da Audiencia Nacional) e estivo encarcerado na vella prisión de Pontevedra.

Agora, o Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, en nome do Goberno de España, acaba de publicar unha declaración de recoñecemento e reparación persoal no que se declara ilexítimo o tribunal que o condenou e tamén ilexítima e nula a condena, sanción ou resolución, tanto penal como administrativa que recaeran sobre el. A declaración non só admite que Pavón padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas na ditadura. Neste caso, de forma excepcional, recoñece que tamén foi obxecto de «torturas e malos tratos durante su detención por la Guardia Civil y la Brigada Político Social (BPS)».

Xosé Manuel Pavón (Abuíme, O Saviñao, 1949) entrou moi novo en contacto cos ambientes antifranquistas, daquela arredor do PCE, da zona, na que actuaba o mítico guerrilleiro José Castro Veiga O Piloto. Axiña, en 1966, entrou a militar na recen creada UPG, da man de Reimundo Patiño. En Lemos,  recollendo os vellos activos do PC e con novos militantes, a UPG chegou a ter un núcleo moi activo. Compañeiro de Moncho Reboiras, segundo a biografía deste (Reboiras, o camiño da rebeldía. Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez. Aira Editorial) fora inicialmente elixido para dirixir o comando que finalmente liderou Reboiras. Non obstante, foi Pavón quen o ocultou cando Reboiras foi sorprendido preto de Monforte por un control da Guarda Civil, e quen organizou a súa saída da zona. Pavón zafou da caída de militantes da UPG cando a morte de Reboiras, e foi detido ao ano seguinte da xunto con Lois Ríos (que estaba con Reboiras no piso de Ferrol cando foi asasinado, e que tamén foi obxecto de reparación estes días), cando tentaban roubar unha fotocopiadora nunha reitoral en Tebra (Tomiño). Segundo contaba en Reboiras, o camiño da rebeldía, recibiu tal malleira que cando os seus irmáns se cruzaron con el, camiño do cárcere, non o recoñeceron.

Pavón foi dirixente sindical na comarca de Lemos, e logo concelleiro e membro do goberno municipal do BNG en Monforte, onde tiña a responsabilidade de Obras. Na actualidade está xubilado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail