Os sindicatos non serven para nada

Hai uns días escoitei esta sentenza na sala do profesorado dunha escola da montaña lucense, falando das eleccións sindicais do ensino público que terán lugar o vindeiro 1 de decembro. Pronunciouna unha compañeira a quen coñezo no marco dunha asemblea sindical: «Os sindicatos non serven para nada». Pregunteille o porqué. «Porque non, ti mesmo, paseando polos centros, para que? Moito defender os traballadores, pero quen defende a escola? A escola está igual que hai vinte anos», dixo.

Mais da miopía que con seguridade podemos padecer quen exercemos temporalmente labores sindicais –pois volveremos ás nosas escolas e relevarannos outras compañeiras–, non está libre tampouco quen desenvolve con honradez, esforzo e entrega o seu labor nos centros educativos, nas aulas. Afianzarnos nas nosas tarefas –as sindicais ou docentes e viceversa– non debe impedirnos ser conscientes de que precisamos de cada un do resto de axentes da comunidade educativa. Dependemos unhas dos outros máis do que pensamos, pois a escola é un ecosistema fráxil, pero rico, e require de todo o seu elenco.

Da miopía que con seguridade podemos padecer quen exercemos temporalmente labores sindicais –pois volveremos ás nosas escolas e relevarannos outras compañeiras–, non está libre tampouco quen desenvolve con honradez, esforzo e entrega o seu labor nos centros educativos, nas aulas

Pero o caso é que certas afirmacións categóricas poden facerse de case todo: «A escola non serve para nada», «o profesorado non se esforza», «o alumnado ten un nivel baixísimo», «as familias pasan de todo», «os interinos son uns vagos», «antes se enseñaba más»…

«Os sindicatos non serven para nada».

A sublimación do cuñadismo. Porque sendo afirmacións, non son certas. As situacións flutúan e cambian, para mellor e para peor. E aceptar esa variábel de frustración e esperanza que acompaña calquera proceso histórico é o elemento fundamental para poder soster un debate minimamente construtivo. Porque os avances non están exentos de retrocesos polo medio, do xeito en que unha barca pode ser arrastrada pola corrente cara a atrás e logo remontar de novo, tantas veces como sopre o vento ao seu favor.

Nos últimos vinte anos houbo avances moi importantes no ensino público galego, fundamentalmente no período do bipartito de PSdeG e BNG: daquela, os sindicatos foron quen de chegar a acordos significativos coa Consellería; nese tempo, as mesas de negociación –a Mesa Sectorial de educación e as Xuntas de Persoal– fixéronlle xustiza ao seu nome porque se acordaban cousas e negociábanse cuestións que despois se materializaban en realidades tanxíbeis que lle fixeron ben ao ensino público. Isto derivou nun marco de dereitos laborais que ademais tivo implicacións para unha mellor atención ao alumnado con máis dificultades e propiciou unha maior calidade do ensino público.

CCOO Ensino.

Ao tempo, avanzouse no funcionamento máis democrático e autónomo dos centros, progresouse noutros aspectos como a coordinación pedagóxica, pero tamén en cuestións fundamentais como a lectura ou o apoio ao libro en galego. De igual xeito, nese mesmo período, avanzouse de xeito significativo no eido da normalización lingüística e houbo unha sensibilidade moi distinta á actual coas escolas do rural. Ou directamente: hóuboa, ao contrario que agora.

Nos últimos vinte anos houbo avances moi importantes no ensino público galego, fundamentalmente no período do bipartito de PSdeG e BNG: daquela, os sindicatos foron quen de chegar a acordos significativos coa Consellería

Se temos en conta a agresión sistemática ao ensino público galego máis cruenta que se lembra en democracia, a que Feijóo executou dende a súa chegada á Xunta –ao abeiro da Lei Wert, probabelmente a peor e máis retrógrada lei de educación dende a ditadura–, co galopante recorte de dereitos laborais, recursos humanos e materiais, peche de unidades e eliminación de postos de traballo, ademais da progresiva privatización de servizos complementarios esenciais e a substanciosa adxudicación aos grandes grupos empresariais dunha restra infinda doutros servizos, cobra sentido en parte a sentenza inicial: «os sindicatos non serven para nada». Unha parte do profesorado que se incorporou á función docente a partir do 2011 descoñece a realidade do ensino previa a esa data, pero ese exercicio de memoria é fundamental tamén.

De xeito paralelo, promoveuse dende a Xunta unha constante campaña de propaganda e desinformación: talvez o exemplo paradigmático da mesma fose o lanzamento dun ambicioso Programa de apoio emocional post-pandemia (dicían que pensado para o alumnado con máis necesidades) que contrastaba clamorosamente, na práctica, co recorte de efectivos e recursos para a atención á diversidade.

Promoveuse dende a Xunta unha constante campaña de propaganda e desinformación: talvez o exemplo paradigmático da mesma fose o lanzamento dun ambicioso Programa de apoio emocional post-pandemia

A maraña de aplicacións, protocolos, burocracias e requirimentos que en nada contribúen a poñer o acento educativo no alumnado é outro dos grandes lastres que sofre o ensino público galego. Contribúe a acentuar a frustración de moitas compañeiras e compañeiros no seu quefacer cotián, abafadas por todo tipo de prazos e obrigas deste tipo que as arredan do valor tradicional de acompañamento afectivo e pedagóxico que se lle atribuíu historicamente á función docente, na mellor liña dos movementos de renovación.

Escola contra Covid (2020) | CIG.

O carácter complexo da realidade, tamén a educativa, non admite moitas simplificacións. Require un esforzo por comprender o contexto contraditorio e esgotador en que nos encontramos. «Es que en la pública os quejáis por vicio, teníais que venir a la empresa privada». E si, con toda seguridade sexa no eido da empresa privada onde máis se vulneran os dereitos das traballadoras pero, doutra banda, poucos eidos son tan determinantes para artellar a nosa sociedade como o é o ensino público, de aí a importancia de defender cada conquista no mesmo que no futuro pode estenderse tamén a outros eidos. E, sen embargo, cada día podemos escoitar quen interioriza e propaga ese discurso clasista cando non participa de ningún dos valores sociais, económicos ou políticos que loce quen o formula.

O desafecto polo sindicalismo non é nada novo. O sindicalismo resulta con frecuencia sospeitoso. «Nido de vagos y maleantes». Pero o certo é que implica moverse e tomar partido. Pola contra, quen non o fai, non erra. Non comete equivocacións. Non ve cuestionados os seus principios e valores, nin supeditada a súa acción á do colectivo. Vai ao seu e con iso parece abondar, «os sindicatos non valen para nada».

Porque a implicación social, tamén a sindical, non é con frecuencia algo grato. Implicarse nalgo –o mesmo ca nun proxecto educativo ou nun grupo de traballo– comporta a posibilidade de perder, bater coas limitacións persoais e colectivas; implicarse significa a posibilidade de fracasar –non conseguilo, o que sexa–, non ter razón. E significa, con frecuencia, ter a sensación de «perder» o tempo dun en beneficio dunha causa colectiva, moi incerta na súa concreción. Tamén significa ás veces tensar as relacións con xente coa que se comparten afectos e ideais, ou que a voz dun non sexa moi tida en conta cando un pensaba que era imprescindíbel. Por riba, esa implicación non garante obter nada e probabelmente nunca sexa recoñecida tampouco cando remate.

O desafecto polo sindicalismo non é nada novo. O sindicalismo resulta con frecuencia sospeitoso. «Nido de vagos y maleantes». Pero o certo é que implica moverse e tomar partido. Pola contra, quen non o fai, non erra

Pero implicarse si garante unha cousa: garante exercer unha tensión, mesmo nun desequilibrio flagrante de forzas con quen ostenta o poder político; permite ofrecer unha resistencia a este ou mesmo vencelo –con menos frecuencia da desexada, iso si– e incidir sobre o estado de cousas. Non se trata, exactamente, desa liberdade ayusiana de novo cuño que non rende contas a ninguén nin ten efecto transformador ningún. Non, é un acto libre que ten implicacións para quen o exerce e para o resto. E pode saír ben ou pode saír mal. Cando? Non o sabemos.

En xeral, as ideas mellores teñen dificultades para ser aceptadas pola sociedade e requiren tempo para cristalizar. A quen non lle pagaba as vacacións aos empregados tampouco lle pareceu boa idea despois ter que facelo. Por iso as xornadas de descanso das traballadoras non se acadaron enviando unha solicitude polo rexistro. No rebumbio dos tempos do phono sapiens, onde a forza manual do traballo perde vixencia en favor da «hiperinformación» e a resistencia transformadora é substituída polo xogo lúdico da tecnoloxía que non incide na realidade, a clase traballadora corre o risco de perder a súa conciencia e virar soamente en masa consumidora.

No rebumbio dos tempos do ‘phono sapiens’, onde a forza manual do traballo perde vixencia en favor da «hiperinformación» e a resistencia transformadora é substituída polo xogo lúdico da tecnoloxía que non incide na realidade, a clase traballadora corre o risco de perder a súa conciencia e virar soamente en ‘masa’ consumidora

Cultivar a flor da derrota é poñer rumbo á esperanza. A esperanza é rebelde porque avanza sen agardar a saber. E podemos poñerlle todas as eivas que queiramos ás organizacións sindicais, desconfiar delas, deostalas… Son os vellos reproches que tamén sofre a escola, como se ambas as dúas cousas escapasen do que somos en calquera outro ámbito. Porque somos clase traballadora, nunca se nos regalou nada. Por iso precisamos defender a escola pública (dende os centros, dende os sindicatos, como individuos e como colectivos) como se fose unha dínamo da utopía contra quen pretende borrala e así perpetuar o seu statu quo. Supoño que todos pensamos que sabemos cousas que as outras non saben. Dicir que «os sindicatos non serven para nada» é dar por boa a construción do inevitábel. É cómodo non mirar o que non se ve. Pero que gañamos con deixar de camiñar cara a alí?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail