O Consello de Contas censura as contratacións a dedo de Feijóo

O organismo independente encargado de fiscalizar a actividade económica da Xunta cuestiona no seu último informe a xestión do PP en materia de función pública e advirte de que os recortes manteñen o emprego público na comunidade por baixo do nivel do 2009

A Coruña.- O Consello de Contas de Galicia emitiu un informe no que advirte da falta de control na contratación de persoal da Xunta e as súas entidades dependentes descentralizadas, e no que pon en cuestión a falta de transparencia nos nomeamentos a dedo na Administración dirixida por Alberto Núñez Feijóo, que sumaban no 2019 un total de 880 postos de traballo.

O Consello de Contas é o organismo encargado de fiscalizar a actividade económica e financeira da administración autonómica. E no seu último informe de análise dos gastos de persoal do período 2014-2020, pon en dúbida que a xestión da función pública do Goberno do PP se adecúe ás regras de garantía, control e transparencia.

O informe, publicado o pasado 10 de novembro, asegura que as resolucións do Executivo de Feijóo para adxudicar postos de traballo na Xunta mediante o procedemento de libre designación non plasman «a motivación dos criterios concretos aplicados para decidir» eses nomeamentos nin as «cualidades profesionais consideradas nos funcionarios nomeados».

«Non chega con exteriorizar frases abstractas e estereotipadas» para xustificar os nomeamentos, advirte o Consello.

Os sindicatos levan anos denunciando que o Goberno de Feijóo utiliza a súa capacidade para designar discrecionalmente persoal da administración para situar en distintas posicións de poder a persoas afíns ao Partido Popular de Galicia cuxo mérito máis destacable sobre o resto de candidatos é a súa proximidade a esa formación.

Feijóo, durante unh rolda de prensa.

O Consello de Contas lembra ademais á Xunta que hai dous anos emitiu varias recomendacións, que levaron ao Parlamento autonómico, para evitar que se prolongasen no tempo esas situacións de abuso e arbitrariedade.

O profesorado universitario caeu dos 35.551 de 2009 aos 32.071, do 2019. Un recorte do 9.8%, o maior de todo o Estado despois de Murcia (13,6%), e moi afastado do crecemento do 3% da media española

Así, a Xunta aínda non tería establecerdo «criterios mínimos xustificativos» da necesidade de cubrir determinados postos mediante a libre designación, nin normas específicas sobre os «criterios de idoneidade para a cobertura de cargos específicos», nin o réxime legal que garanta que os empregados críticos que denuncien irregularidades «non sufrirán ningún tipo de represalias por parte da Administración».

O Consello de Contas alerta de que «non existe unha publicidade adecuada dos méritos e dos criterios de valoración considerados na persoa candidata seleccionada e a comparación con respecto aos restantes» aspirantes, e que as memorias xustificativas non expoñen, «nin sequera de maneira sucinta», os méritos destes últimos. «Non chega con exteriorizar frases abstractas e estereotipadas» para xustificar os nomeamentos, advirte o Consello.

Das conclusións do informe tamén se desprende que Feijóo mantivo sostidamente no tempo os recortes derivados da crise financeira do 2008 que levaron a non cubrir nin sequera as taxas de reposición de funcionarios, o que provocou non só que o emprego público en Galicia non alcanzase aínda os niveis que tiña no 2009, senón que estea un 2,5% por baixo dos dese ano.

Imaxe dun Consello da Xunta

A situación resulta paradigmática na educación non universitaria, onde, segundo o Consello de Contas, o número de efectivos caería desde os 35.551 dese ano aos 32.071, do 2019. Un recorte do 9.8%, o maior de todo o Estado despois de Murcia (13,6%), e moi afastado do crecemento do 3% da media española.

A delegación galega da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIC) valorou o informe do Consello de Contas e asegura en comunicado que das súas conclusións despréndese unha censura «á práctica totalidade da xestión» do Goberno de Feijóo en materia de función pública.

Segundo CSIF, o Consello de Contas, ademais de nas materias antes citadas, pon en dúbida a xestión da Xunta noutras pola «falta de adecuación» das ofertas de emprego público ( OPE) ás necesidades reais da administración; a excesiva duración dos procesos selectivos, que provocou que a finais do 2019 aínda estivese abertos procesos da OPE do 2015; a «inoperatividade» dos concursos de traslados, e o abuso e a «falta de control» na contratación temporal, que ten provocado que só no 2019 1.452 empregados da Xunta fosen declarados indefinidos por sentenza xudicial, .

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail