Errejón é unha decepción grandiosa. O wunderkind que manexaba as palabras coma dagas resultou ser un chasco e un fan do harakiri. O xenio feminista que falara do acoso verbal e físico, que falara tamén do abuso como outra forma de violación dunha maneira que se diría que tiña cona, caeu en picado. As mulleres que tiveron a mala sorte de ter unha relación sexual ou afectiva co paladín da esquerda quedaron magoadas e decepcionadas para sempre.
Levo moito tempo lendo o Instagram de Fallarás. As denuncias anónimas de machismo, acoso, abuso e violación son arrepiantes. Eu nunca teño dúbida de que son absolutamente verdadeiras. Errejón non é o peor, pero tamén é un deles. Hai pais, irmáns, tíos, avós, veciños, maestres, amigos dos pais… que abusaron de nenas pequenas, das súas fillas, das súas sobriñas, netas, irmás, veciñas… Sempre sen nomear os machitos, hai tamén denuncias a homes con poder, como Errejón, directores de periódicos, cantantes, xornalistas famosos, profesores, etc. Un listado que é unha cartografía do que significa ser muller e ser nena nun mundo feito e gobernado por leis deseñadas a medida dos collóns do patriarcado. O que me molesta moitísimo do comportamento de Errejón e que, para ter sexo co corpo dunha muller, usara a súa popularidade, a súa personaxe de feminista de esquerdas, deses pouquiños que entenden o que é ir pola vida mirando sempre para atrás.
Diríase que as mulleres temos que ter os ollos aos lados da cabeza, coma os cervos, sempre pendentes da besta que poida saltarnos enriba. Errejón coñecía a súa popularidade, sabía que a quen non lle gusta sentar a falar e tontear cun famoso atractivo e intelixente, que ademais é feminista declarado. Pois iso. Errejón comportouse coma un verdadeiro cabrón, deses aos que a palabra feminista lles provoca un proído. Deses que din que tiveron a mala sorte de ter unha filla, deses para os que a muller ten que estar disposta sempre, porque para iso casou.
Nas denuncias no Instagram de Fallarás relativas a este persoaxe non hai delito, excepto probablemente nas dúas que ata agora foron denunciadas na policía por Elisa Mouliáa e Aída Nízar. Na maioría dos casos non hai un delito punible pola lei. Os cabróns son así, saben andar nas puntas dos pés, manipular as cordas da falta de autoestima e da educación patriarcal que sufren moitísimas mulleres, para convencelas de «deixarse» foder polo hombresito famoso. Unha mágoa, unha merda de home. Un depredador que sabía ben cales eran as mulleres máis vulnerables: mozas de esquerda que mostraban admiración pola súa personaxe/persoa, mulleres que aínda crían que o seu labor é seguir as regras que lles marcan os psicópatas. Errejón é unha vergoña, unha decepción, unha pena. A denuncia das mulleres que estiveron con el é un regalo que nos fan á sociedade enteira. Grazas infinitas a elas, ás que estiveron co Madelman e grazas eternas a Fallarás, por facer público o que (parece) que moitos xa sabían. Iso de saber que o tipo era máis falso ca Xudas e quedar calado é outra aberración.
Non obstante, a virulencia do odio e da forza co que se publicara nas redes o machismo de Errejón, e a súas preferencias de drogas ou de posturas sexuais, paréceme máis un linchamento (por ser quen é) ca unha busca de xustiza. Lembremos que, ata agora, a maioría das historias machistas de Errejón son unha mostra da hipocrisía e psicopatía deste personaxe, mais non un delito. Con isto non quero dicir que sinta empatía por este personaxe ou por algún machista acosador. Iso nunca. Pero penso que hai moitos homes violadores e acosadores que se merecerían moito máis que o que lle está caendo a Errejón. Ademais de ser crucificados en público, tiñan que ir presos por décadas.
Por exemplo, os pedófilos empresarios de Murcia: José Jara Albero, Antonio Morales Nicolás, Juan Castejón Ardid, Juan Peque Álvarez, José Antonio Arce López, Antonio Giménez Pelegrín e Juan Martínez Fernández. Aínda que admitiron que pagaron por ter sexo con menores de idade, non van ir ao cárcere. Non só non van ir presos, senón que a indemnización que lles van pagar ás rapazas é ridícula. Se lles arruinaron as vidas a estas nenas, o mínimo que pode esperarse é que os pederastas queden só coa roupa que levan posta, e que os cartos que teñen sexan para as súas vitimas.
Pero parece que fixeron un compromiso de non delinquir máis (incrible!). E tamen é que son xubilados: un é diabético e ten a muller con alzhéimer, un ten un marcapasos, e outro dixo que tiña fillos. O tema destes tipos, pederastas, que van vivir o resto das súas vidas tranquilos e coma se nada, é a definición exacta da inxustiza. Tamén é unha nova violación dos corpos e os dereitos destas nenas. Eran rapazas (RAPAZAS!) que van quedar co trauma para toda a súa vida. Máis aínda sabendo que os seus vellos violadores ricos non van pagar polo que fixeron. Pregúntome: os pederastas quedan libres por ser vellos e empresarios ricos ou porque a maioría das rapazas son latinas e non naceron aquí? (Os galimatías legalistas de que o caso tardou moito en ter un xuízo e por iso os acusados bla, bla, bla… non deberían aplicar a esta falta de xustiza).
Grazas a algo moi parecido a un linchamento, todo o país coñece o caso de acoso e as prácticas sexuais de Errejón, pero quen sabe os nomes destes empresarios pederastas de Murcia, culpables de violación de menores?, quen sabe os detalles do que fixeron estes porcos coas rapazas?, quen sabe cantas veces foron violadas, con cantos vellos, se usaban condón, se lles pegaban, se as obrigaban a facer cousas dolorosas, tomar drogas ou recibir ameazas? O que si sabemos é que estes pederastas declarados culpables van vivir tan libres coma vostede e coma min. E o personaxe de Errejón? Quen sabe. En resumo, paga a pena preguntar: Que merda de xustiza desequilibrada é esta?