Errejón, Wilde e Lord Acton

Entre os apotegmas de Oscar Wilde, un resulta particularmente acaído no caso Errejón: «Neste mundo todo vai de sexo, agás o sexo. O sexo vai de poder». A semana pasada Iñigo Errejón, líder da hipótese populista que traduciu o 15-M en Podemos, dimitiu desencadeando una onda de consternación e indignación. Caía o último mohicano de Vistalegre I.

O caso é un inequívoco exemplo de escándalo político. A Fernando Jiménez correspóndelle o mérito de traballar o tema desde unha óptica politolóxica. No seu libro, Detrás del escándalo político, apuntaba unha idea que o caso Errejón verifica sen ambaxes: os escándalos non teñen maior ou menor relevancia por uns feitos obxectivos nunha escala de danos ou agravios, senón polo que removen na sociedade.

En termos de análise política, o acontecido é un escándalo. E, como tal, implica unha sacudida da moral pública e dispón dunha xenealoxía propia. No terreo moral o caso está a indicar un conservadorismo salientábel na recriminación de certas pautas de conduta que se derivan das testemuñas polo de agora coñecidas grazas ao labor de Cristina Fallarás. Sobre esta dimensión queda aínda moito por debater, mais aparecen xa críticas de todo tipo que haberá que ler e pensar.

Vaiamos coa dimensión política. Desde Maquiavelo en adiante sabemos que, nas cousas do poder, a decisión sempre antecede a calquera consideración moral. Xa que logo, a política debe ir primeiro se queremos entender a que se refería Wilde cando dicía que no mundo todo é sexo, menos o sexo, que vai de poder.

Ao longo destes días, moi en particular a raíz da publicación detallada das agresións, tivemos a oportunidade de ler distintos perfís psicolóxicos. Nunha lóxica comprensíbel que opta por psicopatoloxizar o agresor, emerxe a cuestión de poder. Oscar Wilde require aquí da presencia de Lord Acton, ben coñecido por outra máxima: «O poder corrompe e o poder absoluto, absolutamente».

Porén, vou primeiro cunha nota persoal. Coñecín a Iñigo cando aínda estaba no instituto. Presentoumo Pablo Iglesias un día que foramos visitar un deses lugares de peregrinaxe para xoves activistas: o arquivo dos movementos sociais de Ramón Adell. O seu apelido érame familiar, pois compartira percorrido militante co seu pai. Iglesias falaba marabillas do potencial do rapaz. Daquela época é unha ben coñecida fotografía que se fixo viral hai un tempo. Así os lembro eu, e non podo dicir que con menor agarimo do que consternación agora.

En pouco tempo amosouse que aqueles rapaces da nova xeración activista, incorporados ao activismo nos días do altermundialismo, estaban feitos dunha madeira especial. Viñeron despois América Latina e o xiro populista, logo de atopar en Laclau unha saída ás súas inquedanzas. Cousas das rimas da vida e a Historia, o día despois do 15-M Íñigo doutorábase e xuntos entramos naquela praza ateigada da Puerta del Sol. A hipótese populista acababa de arrancar, mesmo para quen (coma min) alí estabamos perante a máis spinoziana das multitudes.

Conto todo isto para conxurar a consternación, mais tamén para sinalar a xenealoxía do que viría no futuro sen por isto caer na psicopatoloxización. Hoxe hai quen sinala que todo isto xa estaba presente nos tempos de Contrapoder, o colectivo estudantil, futuro do «núcleo irradiador». Acho que é un razoamento teleolóxico e falaz. Foi preciso un 15-M e o posterior suceso da hipótese populista. A súa gramática política estaba moito mellor preparada para capturar o momento.

Con Errejón non só caeu unha figura pública desenmascarada por confesións, decisións e relatos. O que se derrubou foi tamén todo un concepto do político do que fomos como mínimo partícipes de xeito total ou parcial (ou mesmo escéptico) polo suceso evidente e máis inmediato. O problema teórico hoxe subsiste, mais tamén unha oportunidade única para resolvelo. Cómpre para isto remontar no tempo, identificar heurísticas, debates, prácticas teóricas.

O paradoxo de Iglesias e Errejón é que entusiasmaron cun cambio de paradigma: gañar era posíbel; o realismo no político era a alternativa ao perfeccionismo moral. Porén, impulsados pola historia como poderes absolutos nos seus universos relacionais, perdéronse absolutamente polo camiño. O problema sempre estivo presente ao longo de todo o proceso: a institucionalidade, a falla (ironías do tempo) dun auténtico contrapoder. En Vistalegre II non foron quen de ser un o contrapoder do outro. Agora xa é tarde, demasiado tarde.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail