A perda da tentación galega

Galiza perde unha voz exterior coa desaparición do Centro Galego de Bruxelas, La Tentation, logo de corenta anos de vida. «Unha referencia de moita humanidade», segundo unha das súas voces históricas, lar e refuxio para a comunidade galega emigrada a Bélxica dende os anos 60 e 70, sala de concertos, recitais e bailes, de xuntanzas e comidas, berce de grupos musicais como Galicia Baila ou Ialma.

La Tentation pecha as portas, anuncian os seus xestores, por atoparse «sen saída despois de experimentar varias dificultades nos últimos anos» pola perda de público e a caída da participación nas súas actividades, incapaz de afrontar unhas obras colosais ante as demandas veciñais contra o ruído, ao estar «nunha situación financeira insustentable».

La Tentation, o edificio que acolle o Centro galego de Bruxelas, na Rue de Laeken.

As obras suporían un gasto de «300.000 a 400.000 euros», confirma Marisol Palomo, antiga presidenta do centro, filla do presidente. «Penso que si poderíamos ter seguido pero coas denuncias era imposible, coa ameaza de que estivesen chamando continuamente á policía non se podía», explica para Luzes a tamén integrante de Ialma.

As obras terían suposto modificar a estrutura interna dun edificio «de pedra e madeira, construír un novo muro, iso serviría para un restaurante pero non para La Tentation», lamenta  esta galega-belga, quen recoñece que sen elas «había que renunciar ás grandes actividades de alugueiro que fan a recaudación, como o Festival Compostela», a gran cita a comezos de xuño da música galega e o folclore doutras partes do Estados, un referente que todos coñecemos en Bruxelas.

La Tentation, nome da segunda sede pola antiga tenda de teas, é un grande edificio de varios pisos cun fermoso interior de madeiras nobles, «unha sala de ata mil persoas como non hai no centro de Bruxelas», onde nace unha grande escaleira que nos leva a toda una planta balconada. O corazón da cidade leva anos sendo reformado, peonalizado e humanizado co peche do tráfico rodado e a creación de bulevares e zonas verdes, circunstancias que os xerentes culpan tamén como causante de que os socios e participantes non se acheguen ás actividades.

É o último dos grandes centros galegos espallados por Europa que morre nos últimos anos, «unha referencia para todos os de Europa onde tocaron Fuxan os Ventos, Uxía, Milladoiro ou Narf», cita Palomo, quen como algunhas das persoas consultadas lembra a segunda inauguración que fixera Fraga Iribarne. Tempos diferentes aos que estaban por chegar.

Antes caeron a Promoción da Cultura Galega de Zúrich, A Nosa Galiza de Xenebra e o Lar Galego de Róterdam, o único centro europeo que editara obras ao neerlandés como Adeus ríos, adeus fontes de Rosalía de Castro ou Cancións do Lusco ao Fusco de Manuel María. Amáis, en Francia só queda outro e en Alemaña desaparecerá o centro galego de Fráncfort, mentres que os de Hamburgo, Bohn ou Nuremberg subsisten como poden.

«Onde está a Xunta agora mesmo se realmente tanto interesa esta nova onda da emigración?», pregúntase Alejandra Plaza, fundadora de embaixada.gal, encontro virtual para a diáspora galega. Esta emigrada orixinaria da Costa da Morte tamén atende a chamada de Luzes e amplifica unha reflexión que lle chega dos centros e comunidades galegas.

«Hai referencias a que Europa está nun segundo plano ou non interesa, a diferenza dos centros galegos que están ao outro lado do charco. Por que pechan os centros europeos e alá se segue viaxando? É un toque de atención de que algo está pasando».

«Nos últimos oito anos houbo un descenso» das axudas galegas, denuncia Plaza como voz destes centros que nos representan no estranxeiro, que difunden a nosa cultura e lingua e achegan Galiza ás poboacións doutros países. «Non hai un belga que non coñeza Galicia, por aquí pasa o Camiño de Santiago e La Tentation era unha ponte», explica Palomo. Plaza apunta tamén a unha Lei de Galeguidade que lles esixe «maiores requisitos e unificacións» á hora de conceder subvencións aos centros.

La Tentation recibira a finais do 2018 uns 15.000 euros da Xunta en subvencións, segundo os seus responsables. Acudindo ao DOG pódese comprobar a veracidade dos datos. A súa entrega coincidiu con coa polémica polo concerto de Valtonyc en decembro pasado. O rapeiro condenado pola Audiencia Nacional, fuxido en Bélxica, rematou queimando unha imaxe do Rei e entre o público estaba Carles Puigdemont, expresident da Generalitat.

O rapeiro Valtònyc. Instagram.

«Para este xa ano falabamos de 10.000 euros e foi a primeira vez que nos pediron facturas de absolutamente todo, claro que si houbo un endurecemento» da postura da Xunta, lamenta Palomo, que explica como «coincidindo co corenta aniversario do centro para o festival Compostela desde ano invitárase a todas as institucións, o Instituto Cervantes, embaixada, representantes políticos… e non foron. Houbo xente doutras institucións que nos recoñeceu que recibiu unha carta para non acudir».

O Goberno de Feijóo acusou ao centro de «recadar fondos para a causa independentista catalá», mentres se acumulaban os problemas económicos e os meses de negociacións coas autoridades belgas na procura dunha solución imposible ás obras. A guerra sucia foi aínda máis lonxe segundo unha voz anónima, que explica como houbo funcionarios preguntando directamente a representantes culturais sobre a súa participación no concerto.

Cartel do festival celebrado o pasado decembro na sala La Tentation.

A miña tentación

Tiña ido algunha vez á sala de festas, pero lembro como se fose onte aquela na que fun por ser centro galego. Era o 2016, nun recital organizado por Couto Mixto, organización cultural de Bruxelas integrada por escritores como Ramón Neto, Xavier Queipo ou Daniel Ugarte, profesionais das institucións ou da burbulla europeas con moitos anos aquí, persoas que dedican tempo, esforzo e diñeiro do seu peto para sacar adiante proxectos da Galiza.

Era un recital multilingüe en homenaxe a Manuel María, un 19 de maio, xa que ese ano as Letras celebraban ao chairego máis internacional, aquel que sendo militante socialista obtivo a bendición informal do gran rabino de Xerusalén. Anécdota que me contaría sendo eu aínda un cativo, nunha lírica confidencia na súa casa, ao tempo que ensinaba a fotografía que probaba o encontro entre as dúas personalidades.

Fun para lembrar de novo a Manuel. Había que subir os tres pisos de La Tentation e chegar ao pequerrecho e renovado faiado, descoñecido por moitos, agochado, coa intimidade que nos proporcionaba o teito baixo, exercendo de morno invernadoiro no sol primaveral. E escoitei os seus versos na nosa lingua, mais tamén en neerlandés, en francés e ata en turco grazas á poetisa Kader Sevinç.

Dende entón, achegueime varias veces máis ao centro galego de Bruxelas, sen dúbida menos das que debería. Probei queimadas e escoitei gaitas e ata foi a despedida dunha parella de compañeiros correspondentes, ela andaluza, el catalán, que decidirán escoller ao refuxio galego para o derradeiro brinde no seu periplo comunitario acompañados dunhas decenas de xornalistas, políticos e funcionarios comunitarios.

Todo iso se perde co peche de La Tentation. Son só unhas poucas lembrazas persoais tras un lustro en Bruxelas. Imaxinemos a profunda dor de todos os que a construíron e viviron, dos que creceron, se namoraron, cantaron, choraron e riron alí dentro. Un patrimonio cultural que perde Galiza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail