As traballadoras da tele autonómica de Galicia chaman a unha nova mobilización contra a manipulación dos medios públicos

A Coruña.- O comité intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) anunciou que prepara a convocatoria de novas mobilizacións sociais contra o que considera unha deriva cara á privatización e a manipulación política da TVG e da Radio Galega. A representación da traballadoras denuncia o avance das externalizacións, a redución progresiva do persoal propio e a introdución de contidos de opinión en favor do Partido Popular nos espazos informativos e de actualidade dos medios públicos galegos.

Entre as novidades que cuestiona figura o arranque do programa Bos Días, que, segundo os traballadores, incorpora un espazo no que «se reproduce cada mañá como pura opinión o argumentario do Partido Popular». O comunicado estende a crítica ao espazo As claves do día, da Radio Galega, e aos diferentes programas de debate, onde, a xuízo do comité, «xa non existe entre as tertulianas unha pluralidade de voces». E sinala ao programa O Termómetro, cuxa privatización xa foi contestada o pasado ano mediante varias xornadas de folga. Segundo a representación sindical, utilízase para «colocar de raspallón na axenda das preocupacións cidadás as estratexias partidistas do PP».

O comité denuncia ademais o progresivo desprazamento da produción propia en favor de produtoras externas e asegura que se está creando «unha redacción paralela que controla os espazos informativos», e alerta de que co avance das externalizacións «xa case non quedan minutos de radiotelevisión pública libres de inxerencias». A esa situación suma a redución do persoal: das 831 prazas existentes na CSAG, as traballadoras denuncian que 110 están sen cubrir por xubilacións ou falecementos.

O comité intercentros convocou ás organizacións que participaron na plataforma en defensa dos medios públicos que protagonizou a manifestación do 6 de novembro de 2022 en Santiago de Compostela para preparar unha nova mobilización para reclamar o «rescate da CSAG» e frear a «perigosa deriva dos medios públicos». A representación social da Corporación alude tamén á campaña Liberemos A Galega, a iniciativa lexislativa popular promovida por esa plataforma en 2025 que foi rexeitada pola maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia. Luzes-Público dirixiuse á dirección da CSAG para solicitar a súa valoración da denuncia do comité intercentros, pero á hora na que se terminou de redactar este artigo non recibira resposta.

Resposta da CSAG

Con posterioridade á difusión deste artigo no xornal Público, a dirección da CSAG fixo chegar este texto:

«As acusacións e as actuacións do Comité Intercentros enmárcanse no calendario dos próximos meses en España e en Galicia.

Desde o respecto ás súas mobilizacións, a Corporación condena que o Comité Intercentros poña na diana, con nomes e apelidos, aos seus propios compañeiros e compañeiras.

A Corporación lamenta que o Comité Intercentros continúe o seu ataque ao sector audiovisual galego e que amplíe a súa ofensiva contra os traballadores e as empresas galegas que fan posibles programas como O Termómetro, A Penaltis, Galicia viaxeira ou En boa onda.

O cadro de persoal da CSAG está estabilizado ao 100%, os procesos selectivos en curso están perfectamente regulados e os tribunais das listaxes de contratación temporal acórdanse coa parte social.

Pola contra, fai falta lembrar que a maioría do comité intercentros negouse a asinar a consolidación de 255 postos de traballo. Con iso non respectou nin os seus propios acordos nin o acordo alcanzado por máis do 90% da asamblea de traballadores.

É a Corporación quen defendeu, defende e promove o emprego estable na CSAG, e quen defende que as empresas produtoras do sector audiovisual galego poidan traballar en Galicia no mesmo réxime de competencia que no resto do Estado».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail