Altri si, Altri non

O proxecto de instalación dunha macrocelulosa no medio de Galicia enfronta a varios Goliats (Xunta, multinacionais, capital financieiro, lobbys) cunha chea de Davides (veciños, ecoloxistas, alcaldes e algúns partidos políticos). Unha guerra que está a marcar a lexislatura en Galicia e cuxo desenlace vai depender do resultado de varias batallas en distintos ámbitos.

1 Unha rede mesta de contestación social. As primeiras mostras de desconformidade con aquela proposta de biofábrica de fibras téxtiles a carón do río Seco, na confluencia de Palas de Rei, Santiso e Melide, que anunciou Alberto Núñez Feijoo —antes de marchar a Madrid na primavera de 2022— viñeron do movemento ecoloxista. Para cando o primeiro partido da oposición, o BNG, fixo público o seu rexeitamento logo das autonómicas de 2024 e da publicación do proxecto no DOG, os colectivos veciñais levaban meses de traballo. Meses de procurarse asesoría científica e de tomar nota de experiencias como a loita contra Ence ou contra a mina de Touro. Buscaron a complicidade tamén Ulla abaixo e na Arousa. Como sucedera dúas décadas atrás con Nunca Máis, á xente de Ulloa Viva acusárona de ser violenta. Polo de agora, están a funcionar as demostracións de forza multitudinarias, mais tamén as romarías, foliadas e as pequenas reunións informativas. A capilaridade do movemento percíbese mesmo nos bises dos concertos, onde se pide «outra si, Altri non».

2 A máis que previsible xudicialización. En xullo de 2024, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, recoñeceu na Cadena Ser que o proxecto é susceptible de ser xudicializado, en virtude do elevado volume de alegacións —23.000— presentadas. Foi a sociedade Impulsa Galicia, creada pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para —afirman— «axilizar proxectos tractores», quen acudiu na busca de socio para lle propoñer un investimento que se ligou daquela á necesidade dunha industrialización (sic) da provincia de Lugo, toda vez que o futuro de Alcoa na Mariña se barruntaba incerto. A Altri, que se acompaña de Greenalia como socio local menor, púxoselle unha alfombra vermella na forma de proxecto estratéxico industrial, un mecanismo aprobado pola porta de atrás nunha lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta e que rebaixa os requirimentos e prazos. O presidente do TSXG sinalara entón que o paso previo a que o proxecto chegue aos tribunais é a súa autorización pola Xunta, punto do que non dubidamos logo da filtración a La Voz do informe favorable de Augas de Galicia. Ningunha empresa devece por instalarse onde non a queren, din desde Altri, nin quere tampouco o desgaste dos xulgados. Contamos cun antecedente ben próximo nas 60 suspensións cautelares de parques eólicos tramitados pola Xunta que leva o TSXG.

3 Que se visibilice disidencia no PPdeG. Na presentación da gala dos Mestre Mateo que se celebra este 15 de marzo en Lalín, o seu alcalde, Xosé Crespo, anuncioulle á xente do audiovisual de Galicia que os recibiría «un concello que aínda non está moi contaminado; a ver o que dura». «Aínda o eucalipto non chegou a colonizar alí moito. E non é fácil aguantalo, polo tema económico, pero si que é certo que a nosa comarca, a Terra do Medio…». O primeiro edil dezao deixou a frase sen rematar. Na Terra do Medio, os municipios da Ulloa, Melide e Deza afectados máis directamente, o PP só goberna nos concellos de Palas, Lalín e Monterroso (neste caso, en minoría absoluta). Ata o de agora, o máis achegado nas ringleiras do PP a unha posición crítica foron estas declaracións vagas de Crespo, mais de portas para adentro non existe unha postura monolítica entre a militancia local. O que si teremos por seguro é que se vai facer un casus belli dos resultados das municipais de 2027 en Palas de Rei, o único de todos os concellos da contorna onde non houbo unha alternancia política desde 1983.

4 Unha (o)posición contundente do PSdeG. O exalcalde socialista de Monterroso, Antonio Gato, foi a primeira voz ligada ao PSdeG que se ergueu contra Altri. Fíxoo nunha tribuna aberta en El Progreso. Altri chegou ata Impulsa e á Xunta da man de Acento, a consultora do exministro socialista José Blanco. Teiman na Ulloa que se «Blanquito», candidato dúas veces á alcaldía palense, non fose veciño e soubese que o finado de Leandro Quintas se fixera con 800 parcelas ata xuntar un terreo que supera as 250 hectáreas entre Santiso e Palas, nunca ninguén miraría cara ao lugar da Vacariza, na parroquia de Remonde. Tanto as Xuventudes Socialistas de Galicia como as voceiras de Palas, Melide ou Arzúa, e edís de ata 20 municipios no curso do Ulla, ata a ría de Arousa, manifestaron axiña a súa contrariedade. A elas suman versos libres, como Pablo Arangüena ou Xosé Benito Reza. Con todo, o ascendente de Blanco é aínda importante en Madrid, Galicia e Bruxelas, e a militancia de base do PSdeG non oculta o seu descontento coa falta de contundencia do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, nin dos presidentes socialistas nas deputacións de Lugo e A Coruña. Besteiro, con todo, foi quen anunciou que o Goberno de Pedro Sánchez non incluirá no plan 2025-2030 do Ministerio para a Transición Ecolóxica a subestación eléctrica coa que Altri contaba para garantirse o subministro de enerxía que precisa a súa actividade.

5 Que non cheguen as axudas públicas. Nos primeiros días de febreiro deste ano informaba Greenfiber —a sociedade participada por Altri e Greenalia para levar adiante o proxecto Gama, que é o nome que lle puxeron á iniciativa de macrocelulosa— de que está a tramitar unha axuda directa de 250 millóns de euros co Ministerio de Industria, xa que a liña 4 (descarbonización) dos fondos europeos Next Generation chegou con «moito menos orzamento do agardado». Alega a empresa que, en 2023, Arcelor recibiu 450 millóns de euros —aos que renunciaría— no marco do PERTE de descarbonización, mais que vai descarbonizar Altri na Ulloa se aínda non ten actividade ningunha? Altri e Greenalia, que prevén investir mil millóns, demandan un cuarto do orzamento para que o proxecto sexa rendible, polo que serán determinantes as decisións do Ministerio de Industria e da Comisión Europea. Non semella que unha factoría que consome tanta auga como toda a provincia de Lugo cumpra co principio de non causar un dano significativo que se esixe para contar co visto e prace da UE. Neste punto, á Xunta sérvelle tamén a narrativa do agravio, do malo que é o executivo de Pedro Sánchez con Galicia.

6 A falta de unanimidade no sector. Unha enquisa da Asociación Forestal de Galicia deixaba en evidencia en abril de 2024 que a unanimidade no sector sobre as pretendidas bondades de Altri non é tal. Así, un 52% amosábase favorable, un 40% rexeitábao frontalmente e só a un 30% lle parecía que o emprazamento é axeitado. Por moito que empresa e Xunta teimen no greenwashing, o proxecto Gama nin é de economía circular nin pecha ningún ciclo, xa que a industria da moda galega (Inditex, vaia) deslocaliza toda a súa confección, sobre todo no sueste asiático. Sobre este aspecto, Canopy, a principal consultora do sector téxtil no mundo, avoga pola reutilización de tecidos e pediu a finais de 2024 a paralización definitiva do plan para Palas.

7 A presión doutras empresas. Serán determinantes tamén as suspicacias que está a causar esta iniciativa estrela apadriñada pola Xunta no ecosistema patronal galego. A todopoderosa Inditex aposta por un grupo téxtil finés que, na liña de Canopy, promove a reciclaxe. Sabemos que Naturgy, concesionaria do encoro de Portodemouros do que se pretende obter a auga, presentou alegacións. Así mesmo, a nova pasteira promovida para Palas entraría en competencia directa con Ence, que ostenta unha posición crucial no mercado forestal en Galicia. Practicamente o groso das «exportacións» do eucalipto galego diríxense tan lonxe como a Navia, a planta que Ence posúe no occidente de Asturias.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail