A era da fangirl

A palabra «beatlemania» foi creada no ano 1963 para definir o fenómeno fan sen precedentes do grupo británico The Beatles. A prensa comparou a intensidade do seu entusiasmo ao fervor relixioso ou a unha fantasía masturbatoria feminina. Nos concertos en directo, a música do grupo non se podía escoitar por mor dos berros das miles de fans.

Hoxe en día, case sesenta anos máis tarde, The Beatles é considerado un dos mellores, senón o mellor, grupo da historia, e a beatlemanía pasou a terse como un detalle anecdótico do seu impacto inicial e un exemplo máis de rapazas adolescentes perdendo a cabeza por un cantante que lles gusta. E eu, con 14 anos e unha misoxinia interiorizada para parar un tren, proclamaba aos catro ventos que me encantaban os Beatles (o cal era certo) pero odiaba os Jonas Brothers (vin a súa serie, as súas películas e ata o reality show de Kevin Jonas coa súa muller Danielle, e teño un dos seus álbums en físico) ou que os One Direction me producían indiferenza (sei todas as súas cancións).

Daquela, eu xa sabía distinguir as categorías de intereses: hai intereses nobles, válidos e correctos, e intereses superficiais, ridículos e menores. As cousas de mozos e as cousas de mozas. E xa chovera desde os días de berros adolescentes en estadios e todo o mundo estaba disposto a esquecer as primeiras fans dos Beatles, así que xa transcendera; os Beatles eran «bos», porque os Homes decidiran que eran bos.

Porén, que me gustaran os Beatles e que máis tarde desenvolvera certo interese polo rock clásico e o grunge non me salvou do escrutinio masculino. Cada vez que ousaba levar unha camiseta dun grupo de rock diante dun home, empezaba o exame: «¿Cómo se llaman los miembros? ¿De dónde son? Dime 5 canciones que no sean singles». Acusábaseme constantemente de finxir o meu interese (xenuíno!) cara a estas bandas porque, supoño, o meu pobre cerebro de moza non tiña a capacidade biolóxica para apreciar a Boa Música. Por sorte ou por desgraza, sempre fun unha persoa con moita curiosidade por todos os aspectos das cousas que me gustan e xeralmente era capaz de aprobar estes exames. Ese aprobado dábame unhas farangullas da validación masculina que tanto se nos ensina a desexar a aquelas persoas socializadas como mulleres.

Fans dos Beatles agardando a chegada do grupo nos 60’s en Australia (Foto: GAB Archive/Redferns).

Tiveron que pasar dez anos e tiven que deixar de ser unha adolescente para finalmente ver a luz: a «fangirl», esa rapaza que berra e chora nos concertos do seu grupo favorito, que enche as paredes do seu cuarto con fotos e pósters do seu ídolo, que sabe todas as cancións e que non esconde a súa paixón por un interese «de moza»… sempre tiven máis en común con ela que con eses homes aos que intentaba impresionar. Elas, co seu entusiasmo inacabable e a súa paixón xenuina, pareceron entender moito antes ca min que as rapazas adolescentes sempre serán ridiculizadas polo que fan ou din, a pesar de que como grupo demográfico son as mellores preditoras de tendencias. E o que é máis importante, parecían saber que non lles debían nada a ninguén.

Dúas das máis grandes estrelas da música no panorama internacional, Olivia Rodrigo e Billie Eilish, son rapazas adolescentes que se definen orgullosamente como «fangirls». Billie fala da súa época de «believer» (fan de Justin Bieber) cun sorriso na cara, e Olivia proclama o seu amor por outra muller que no seu día foi outra grande estrela adolescente, Taylor Swift, sempre que ten a oportunidade. Olivia e Billie escriben as súas propias cancións, falan de corazóns rotos e da súa relación coa fama batendo marcas todos os meses. E eu, 10 anos máis tarde daquela época na que escondía o meu amor por cousas de rapazas, digo que benvides á era da fangirl!, na que nos gusta o que nos gusta. Alabadas sexan as k-popers, as directioners e as swifties, por non ceder ante a presión dunha sociedade misóxina que devalúa todo o que sexa tradicionalmente feminino ou aqueles intereses que atraen a moitas rapazas. Que o seu entusiasmo se estenda e nos toque a todes ata que nos liberemos do noso sentido do ridiculo e poidamos, por fin, admitir que as fangirls sempre tiveron razón.

Imaxina as rapazas adolescentes desaparecidas do noso mundo
e o rápido que suplicariamos polo seu regreso,
o agradecides que estariamos polo seu ruidoso entusiasmo
e habilidade de facer crop tops con calquera cousa.

Olivia Gatwood, «When I Say We’re All Teen Girls».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail