O mundo non pode ser unha colonia do tecnocesarismo

Dicía Anthony Burgess sobre FalsTaff, o personaxe de Shakespeare: «O gordo libertino, o Sócrates de taberna, representa todo aquilo que fica fóra do poder do Estado, como depositario da civilización e cifra da liberdade humana».

Ese é un lugar onde hai que colocarse en relación coa turrada da IA. O territorio Falstaff. Unha boa taberna, cun Sócrates popular de conversa. Se a síndrome contemporánea é o FOMO, Fear of Missing Out, o medo a ficar fóra, pois hai que ir pensando que é un bo lugar. O ficar fóra. Hai outra síndrome contemporánea masiva, o burnout, a do traballador queimado. Outra boa razón para ficar fóra, nesa taberna secreta que non figura en Google Maps.

Se non pode ser con Falstaff e co paisano Sócrates, gustaríame conversar na taberna do Oeste con Bernie Sanders. Hai xente que fía moi fino coa endiañada maquinaria da IA, esa arañeira tan mesta que vai envolvendo o mundo de tal xeito que se fosemos conscientes xa non poderíamos abrir os ollos.

Por que Bernie Sanders, un estadounidense socialista é demócrata?

Creo que propón algo mellor que ficar fóra de todo. Pola contra, a súa proposta cambia por completo a conversa sobre a intelixencia artificial e os seus efectos tal como se formulou até o de agora. Falando en prata: «Se a ferramenta (a IA) se basea no coñecemento colectivo da humanidade, a riqueza que xera debe beneficiar a toda a humanidade». A serie de preguntas que presenta Sanders son de puro sentido común e comunitario. Por exemplo: axudaranos a IA a erradicar a pobreza, aumentar a calidade de vida e resolver a crise climática? Ou o futuro da humanidade estará determinado por un puñazo de multimillonarios que desenvolveron a IA sen participación democrática, por medio do espolio, e están a piques de facerse máis ricos?

A proposta de crear un fondo soberano cos beneficios sería o propio dunha sociedade de común decencia. O que están a facer agora o señores tecnoimperiais é tratar o planeta enteiro como unha colonia a explotar e esquilmar.

Cómpre unha revolución cidadá. Como dixo Howard Zinn, «o problema noso non é a desobediencia civil, o problema é a obediencia civil».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail