Fractais dos movementos

Que comparten (e como o comparten) as loitas contra Altri ou as manifestacións contra o turismo?,  o Nunca Máis e as contracimeiras altermundialistas, as folgas xerais e as celebracións do Orgullo ou do 8M?, as accións do Xurelo contra os verquidos radioactivos e as protestas das Encrobas…? E así tantas e tantas outras expresións da política de movemento.

Hai moitos anos xa cando menos desde a investigación de Sidney Tarrow sobre as loitas obreiras dos sesenta e setenta italianos, sabemos que a dinámica da contenda política responde a certos patróns de desenvolvemento cíclico. Isto a nivel científico, claro; pois entre os saberes sen formalizar que atesoura a historia dos antagonismos, xa hai moito que revolucionarios como Luxemburg ou Lenin eran ben conscientes de como avanzaban as loitas co tempo histórico.

Para unha grande maioría da xente, os movementos só existen cando saen á superfície e adquiren visibilidade pública ou cando se participa neles. Así acontece coas manifestacións multitudinarias, as accións máis rechamantes que saen nas noticias, etc. Mais para as persoas que dedican as súas vidas a organizar, dinamizar ou pensar a acción colectiva, disruptiva e sostida no tempo (os movementos sociais), existe un «fío vermello da Historia» que liga todo isto cunha lóxica evidente.

Cos anos, as experiencias e a transmisión informal da memoria e dos repertorios de loita, emerxe un horizonte de sentido, uns saberes e relatos que habitan no corpo da multitude e que se saben parte dunha única contenda. Sen negar, por descontado, o valor das achegas científicas de quen contribuíu a este saber máis amplo, fondo e inmanente; as simbioses sociais que se forman nas loitas integran un magma que opera por baixo de accións puntuais, de tempos procelosos, dos grandes procesos de organización colectiva e das vidas de revolucionarios.

Mais, como se conforman e de que materia prima están feitos procesos dos que os episodios recentes da loita de Altri é o exemplo máis recente? Como se sedimenta a experiencia para despois agromar en novas loitas?

Na orixe de todo atópase a escisión de vida e mando. Unha disociación que non é simétrica entre dúas forzas iguais e opostas, embora, unha irreductíbel e natural (a vida) e a outra artificiosa e dependente (o mando). A primeira sempre se rebela e volve rebelar, a segunda sempre se adapta e reconfigura. O resultado é continxente: ás veces, a vida gaña e chamámolo progreso; ás veces, o mando imponse por un tempo e tamén se lle chama progreso; verdade nun caso, impostación no outro. A ideoloxía, ao cabo, é o que ten: falsa consciencia.

E así acontece que, desde o máis sinxelo dos actos da nosa vida contra a dominación, o movemento da sociedade prosegue na procura de realizar o seu propio sentido. Velaquí os fractais dos movementos, as unidades básicas que agroman no corpo social e van para alén del. Simples actos de resistencia molecular. Fractais que se reproducen e recombinan, que medran en figuracións enrevesadas que xa logo as burocracias científicas codificarán e descodificarán na procura dunha orde política.

E así chegamos a Altri desde a noite dos tempos en que se formaron as sociedades. Primeiro a escisión desobediente dunha soa acción, ás veces desesperada e fatal, coma o estudante Palač que se inmolou para que florecese a Primaveira de Praga. Noutras ocasións, heroica e feliz, como a de Rosa Parks, que se negou a ceder o asento aos brancos (por certo, xa antes houbera outras que fixeran o propio).

E das accións máis elementais de desobediencia nacen outras maiores que se van agregando. Primeiro, a campaña por unha causa, como as loitas que hoxe defenden as terras da Ulloa, Ulla e Arousa. Despois son toda unha serie de campañas as que se agregan nun ciclo de loitas. E os ciclos á súa vez pasan a integrar vagas enteiras de mobilización. E, por fin, estas forman o devir político da sociedade. Por todo isto, cando alguén participa, nin que sexa puntualmente nunha acción sinxeliña, pode percibir esa forza inmanente que move os destinos. Velaí os fractais debuxando o seu particular horizonte sentido.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail