A Curva (na que se matou) España e Jauría

Chegou Chévere para poñer a proba o aforo do anfiteatro do castelo. Aquelo parecía rebentar. Contáronme que catro xornalistas de teatro viñeron en coche de excursión dende Madrid só para iso. Invértense as tornas, os da meseta con expectación de ver aos da periferia. Presentaron Curva España, un verdadeiro documental en vivo e en directo. Xa en Eroski Paraíso lle colleran o gusto a este formato.

Miguel de Lira, como o «león» da MGM, no tráiler de Curva España.

Neste caso non foi igual, xa que no anterior viviamos unha rodaxe en directo e neste caso podiamos ir visualizando o propio documental. Na maioría das veces puidemos vivir tanto na pantalla como na escena o que se estaba contando. Un formato innovador e atractivo. A realización faise en escena, con Lucía Estévez e Leticia T. Blanco encargadas de levalo a cabo. A parte escénica asúmena Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do Estado-nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. As doses de ironía e información están perfectamente equilibradas, contando o caso xogando tanto coa parte que ten de mito como a parte de cruda realidade aparentemente ocultada que implica. Altamente recomendable.

Iria Pinheiro, en Anatomía dunha serea, na MIT.

O venres vimos o terceiro espectáculo que produce A Berberecheira, un proxecto complementario dos propios Chévere. Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección de Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir. Neste caso é Iria Pinheiro a que nos conta o proceso difícil e absurdo que lle tocou vivir no seu embarazo. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá toda a visceralidade propia dun caso aberto. A peza cóntase dende a calma, sen empuxar, precisamente para situarnos no lugar que debería ter sido. Ás veces ata parece que a propia Iria segue no shock, tentando compartir a perplexidade do que lle foi pasando. A vida pasada polo filtro da frialdade e da distancia, deixando o persoal e empático fóra de lugar. Esa sensación de «fóra de xogo», termo futbolístico tamén fóra de lugar…é o que nos conta a propia actriz.

Imaxe de Jauría, de Jordi Casanovas.

Pechou a MIT 2019 un espectáculo tan brillante como duro de asimilar polo real e necesario. Jauría, unha producción de Pavón Teatro Kamikaze, cóntanos, a través de dramaturxia de Jordi Casanovas, o proceso xudicial do famoso caso de La Manada. O texto é unha selección desas declaracións. Os actores fan de acusados, avogados e xuíces, mentres que a actriz mantén sempre o mesmo papel. O propio Martiño Rivas contoume que tiveron que distanciarse, ver tamén a parte irreal dos personaxes para poder facelo. Ao rematar os ensaios, e tamén a propia función, o abrazo colectivo é indispensable para poder deixar no ensaio determinadas sensacións. As interpretacións son sublimes e o ritmo fantástico. A min na recta final agarroume e xa non puiden deixar de chorar. O dramaturgo explicou nunha entrevista que o que contan é unha doble violación, a física e tamén o menosprezo dos avogados no proceso xudicial. Non teño claro cal é a peor das dúas, só que ambas son intolerables. Nin unha máis, nin unha menos.

Esta MIT estivo moi pegada á realidade, ao espello que pode ser o teatro da realidade social. Vimos un caleidoscopio de temas de actualidade, algúns máis coñecidos ca outros e con diversas codificacións teatrais. A vontade de representar, de facer presente o visible e o invisible segue máis viva ca nunca. Mentres haxa sociedade, haberá teatro, porque nalgún momento nos teremos que mirar ao espello, aínda que sexa por entender un pouco por que carallo andamos por aquí.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail