Ortega Smith chamou nun mítin en Ourense «racista, antiespañol e xenófobo» a Castelao, un dos intelectuais máis representativos da política nacionalista e literatura galega do século XX, exiliado trala derrota republicana na Guerra Civil (1936-1939).
O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, protagonizou un acto de campaña en Xinzo de Limia (Ourense) onde non dubidou en cargar contra a historia, cultura e idioma do territorio. Esta vez a ultradereita insultou a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950), artista, escritor, político, nacionalista demócrata e republicano, figura que colaborou e liderou a elaboración do proxecto do Estatuto de Autonomía (1936) e que é homenaxeada cada ano polo Goberno autonómico.
E é que un día despois desas declaracións a Xunta de Galicia outorgaría as Medallas Castelao 2020 a figuras como Pilar Cernuda, Ana Peleteiro ou Xosé Manuel Piñeiro, e por iso Smith non vacilou en estirar o desprezo cara ao presidente da Xunta: «Tanto homenaxe todos os anos a ese racista, antiespañol e xenófobo de Castelao pegóuselle tanto que vai haber que chamarlle Alberto Feijóo Castelao». Así o recolle un vídeo dun veciño que o gravou de lonxe e onde se ve como unhas mozas levan as mans á cabeza e increpan ao secretario de Vox: “Burricán!”, “Animal!” e “Cazurro!”.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Castelao loitou toda a súa vida polo espertar do pobo galego. Representa unha das personalidades máis prolíficas da historia galega e máis estudadas nas escolas da comunidade. Desde a súa infancia a vida do narrador está unida á emigración. Naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 e emigrou a Arxentina para reunirse co seu pai ata 1900, cando retornaría a Galicia para cursar os seus estudos e o preparatorio de Medicina en Santiago de Compostela. Nesa época abordou a súa afección pola pintura, concretamente orientada á caricatura, e ilustrou e deseñou portadas de libros e tamén gañou premios cos seus óleos, un deles, a Exposición Rexional Galega.
En 1911 editou o xornal El Barbeiro Municipal e un ano despois uniuse ao movemento agrarista Acción Galega, aínda que continuaría coas súas exposicións pictóricas. En 1916, un ano crave na súa vida, incorpórase ás Irmandades da Fala e inicia a elaboración de A Nosa Terra participando en asembleas nacionalistas. En 1918 aproba unhas oposicións ao corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico e empeza a escribir para El Sol de Madrid.
En 1922 publicou unha novela curta, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, e en 1926 o seu primeiro libro, Cousas, composto de relatos breves. Foi nomeado como deputado nas Cortes Constituíntes da II República en 1931 e en 1934 publicou unha das súas novelas máis celebres, Os dous de sempre. Ingresou na Real Academia Galega e participou na redacción do Estatuto de Autonomía que non chegou a ser aprobado polo estalido da Guerra Civil. A conspiración militar sorpréndeo en Madrid o 15 de xullo, onde acudiu para facer entrega do Estatuto galego ás Cortes. Despois do golpe do estado contra a República, Galicia estaba en mans das armas.
Coa derrota republicana Castelao quixo exiliarse en Buenos Aires pola gran cantidade de poboación galega emigrada e traballou de lonxe polo idioma e a cultura galega. En 1941 estreou a súa famosa peza teatral Os vellos non deben de namorarse. En 1944 constitúese en Montevideo o Consello da Galiza e nomeouse a Castelao como presidente. En 1946 foi nomeado ministro do Goberno de José Giral. Durante eses anos en Arxentina publicou Cincuenta homes por dous pesos (1940) e Sempre en Galiza (1944), obra canon pola que se lle considera o «pai» do nacionalismo galego e onde se inclúen artigos e ensaios do político.
A obra literaria do escritor esta practicamente redactada en galego e así o defendeu nos seus textos, mirando desde o outro lado do charco con morriña á súa terra, á que non regresaría: «Ningún idioma alleo -por ilustre que sexa- poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego: se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e graza do idioma».