A Xunta explica que a recepción que ofreceu ao embaixador de Israel foi unha reunión ordinaria

A Coruña.- A Xunta de Galicia asegura que a recepción oficial que ofreceu o pasado martes ao embaixador de Israel, Dan Poraz, foi unha reunión «de carácter común» similar á que o Executivo de Alfonso Rueda celebra con calquera representante dunha delegación diplomática acreditada en España.

Así o asegurou a Luzes-Público a Consellería de Presidencia do Goberno autonómico, cuxo director xeral de Relacións Exteriores, Xesús Gamallo, celebrou un encontro con Poraz, quen tamén foi recibido no Parlamento de Galicia pola vicepresidenta da Cámara e presidenta do PP de Lugo, Elena Candia.

A Xunta explica que a entrevista foi solicitada pola embaixada e engade que atende «unha media anual de 40 reunións con corpos diplomáticos acreditados […] ademais de representantes de misións comerciais, delegacións culturais e outros colectivos». Así mesmo, lembra que tamén recibiu aos representantes do Sindicato de Xornalistas Palestinos o pasado 22 de xaneiro.

A Consellería de Presidencia non valora se a recepción pode entenderse como un apoio explícito ao Goberno de Israel en plena limpeza étnica en Gaza e alega que «a posición sobre conflitos internacionais ou sobre calquera materia de política exterior corresponde ao Goberno de España».

O Executivo de Alfonso Rueda tamén nega que, como erroneamente informou Luzes-Público, non comunicase a reunión, da que, efectivamente, si se fixo eco na súa web institucional.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail