Europa e os ultras de Xenxis Kan

Faite coa nova Luzes 128: A peste, outra vez, aquí.

O virus da desmemoria é moi eficaz, mais hoxe cómpre lembrar unha das verdades incómodas que marcaban a nosa vida non hai tanto tempo: ser europeísta, na España cutre e autoritaria da ditadura, era sinónimo de demócrata e antifascista ¶ Unha das producións máis cínicas da propaganda do réxime, e houbo unha chea delas, foi o slogan Spain is different. Un paradigma da publicidade tóxica. O reclamo do turismo de sol era o envoltorio da sinistra vindicación do «diferente»: un poder totalitario, criminoso, de privilexios mafiosos e nostalxia imperial ¶ O que estamos a vivir hoxe é, en certo xeito, o pesadelo dunha historia ao revés ¶ Europa, coas súas imperfeccións, viña sendo no mundo contemporáneo un espazo diferente, si, mais no mellor sentido. Un espazo onde falar de manter e ensanchar o Estado de benestar non era soñar con paxariños preñados ¶ Europa, cos seus defectos, viña sendo un hábitat onde prevalecían as leis democráticas e onde invocar os dereitos humanos e defender os máis vulnerábeis e as persoas necesitadas de refuxio non se consideraba unha utopía de idealistas fóra do eixo, senón a verdadeira natureza e razón de ser da comunidade política ¶ Europa, coas súas eivas, viña sendo, en comparanza cos outros grandes poderes do planeta, un espazo sensíbel ante a emerxencia ecolóxica e na loita contra o quecemento global. E tamén un peirao de reflexión e ensaio para outro modelo económico ¶ Os novos cruzados reaccionarios, cos petos cheos de cartos, espallan a miraxe de que Europa está en perigo polo que chaman a «grande substitución». Outro slogan cínico para envolver a máis sinistra produción de medo e odio: a xenofobia, a aporofobia e o supremacismo. Os tres vimbios do racismo ¶ O mundo que defende os dereitos humanos e a preservación ecolóxica non ten unha Internacional que teza esforzos de xeito eficaz. Pola contra, ultras e conservadores funcionan como unha apisoadora única. A Internacional de Xenxis Kan ¶ Poucas veces estivo tan clara unha razón para ir votar na fura de diante nunhas eleccións europeas. No tristemente célebre «discurso de Bruxas», en 1988, no Colexio de Europa, Margaret Thatcher dixo estrañarse de que a invitasen a falar do futuro de Europa cando o seu papel era «o de Xenxis Kan». Desfacer unha Europa de civilización solidaria. Agora, no Reino Unido, pían contra o Brexit, esa estafa de pailáns ricos. E isto o que está en xogo en toda Europa: Comunidade ou Caos ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail