A Coruña.- O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado martes unha resolución da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias pola que anuncia a entrega dous millóns de euros en subvencións aos partidos políticos con representación no Parlamento da Comunidade Autónoma con cargo ao exercicio de 2023.
Trátase da mesma cantidade que o Goberno de Alfonso Rueda destinará este ano en axudas directas e sen concurso público aos medios de comunicación afíns ao Partido Popular. Esas subvencións seguen os pasos das dos executivos de Alberto Núñez Feijóo, quen durante os seus 13 anos de mandatos en Galicia entregou a eses empresarios máis de 45 millóns de euros de diñeiro público.
As axudas da Xunta aos formacións políticas están reguladas na lei de financiamento dos partidos, súmanse ás que reciben do Estado e destínanse, como estas, a cubrir os seus gastos de funcionamento, aínda que non son finalistas e cada unha pode por tanto empregalas como desexe.
Mais dun millón de euros para o PP
As subvencións aos partidos con cargo a 2023 distribúense en función da súa representación parlamentaria nese ano. O Partido Popular será o máis beneficiado con 1.079.523,78 euros, é dicir máis da metade da cantidade total. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará 515.972,33 euros, e o PSdeG-PSOE, 404.603,89 euros.
É dicir, que socialistas e nacionalistas recibirán da Xunta pola súa representación parlamentaria menos diñeiro do que obterá da Administración galega o empresario coruñés Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia e cuxas sociedades recibiron o ano pasado, sen contar a publicidade institucional e os convenios a dedo, máis de 873.000 euros en axudas directas.
As da familia Moll, que edita en Galicia Faro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña, levaron máis de 260.000 euros. Séguenlle as de Blanca Montenegro, editora de El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, con preto de 250.000 euros; as de Óscar Outeiriño, propietario de La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo —máis de 192.000 euros—; e as de José Collazo, editor de El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa —32.791 euros—.