A Xunta quere usar médicos «itinerantes» ou aínda en formación para suplir a falta de profesionais nos seus centros sanitarios

A Coruña.- A Xunta de Galicia quere crear unha bolsa de «médicos itinerantes» dispostos a desprazarse por Galicia para cubrir a falta de profesionais nos seus centros sanitarios tras anos de recortes e que leva causando colapsos e peches recorrentes especialmente nos meses de verán.

Ademais, o Goberno galego exponse tamén recorrer a médicos voluntarios en período de formación dispostos a cubrir as vacacións e baixas doutros galenos.

Así o anunciou este martes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen recoñeceu que a Xunta espera un verán complicado pola falta de médicos de primaria, de urxencias e pediatras. «Vai haber unha situación complicada e estamos a empezar a planificar as posibles solucións», dixo durante unha visita a un centro de transfusión de sangue.

A idea do Servizo Galego de Saúde (Sergas) é «tirar de [médicos] residentes» no seu último ano de formación que se presten a colaborar «baixo supervisión» doutros compañeiros nos servizos de urxencias ou nos centros de atención primaria.

«Non son adxuntos e que non poden traballar con contrato da Xunta, pero si poden axudar» no que o conselleiro ve un «exercicio de xenerosidade» polo que obterían unha prima.

Zonas tensionadas por falta de facultativos

En canto aos itinerantes, desprazaríanse ás zonas máis tensionadas, sobre todos as costeiras da provincia de Pontevedra e A Coruña e da Mariña, en Lugo, onde á falta de facultativos súmase a chegada de masiva de veraneantes en xullo e agosto e onde en anos anteriores o Sergas viuse obrigado a pechar centros e puntos de atención continuada porque non dispoñía de profesionais para atendelos.

«Non son adxuntos e que non poden traballar con contrato da Xunta pero si poden axudar»

O portavoz da asociación de médicos de familia, Lorenzo Armenteros, cualificou de «insólita» a proposta da Xunta. En declaracións á cadea Ser, lembrou ademais que os médicos residentes non finalizarían a súa formación ata setembro. Facíano en maio ata 2020, pero desde a pandemia atrasaron a súa saída do sistema formativo.

Armenteros lembrou que a Xunta carece dunha listaxe de médicos aos que poder chamar para substituír aos seus compañeiros de vacacións porque xa se atopan cubrindo baixas puntuais. Nese sentido, pediu un pacto de Estado para resolver o problema.

Doutra banda, o conselleiro de Sanidade referiuse tamén ás denuncias de pacientes con cancro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago pola demora nas súas consultas de revisión, e reiterou que espera facer cambios tras o cesamento da anterior xerente, Eloína Núñez.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail