Este venres 29 de maio, ás 13 horas, morría no Hospital de Fátima de Vigo Maximino Cacheiro Varela. Nacera na Coruña en 1943, e axiña se incorporara á oposición antifranquista, polo que en 1967 foi detido e condenado con 11 compañeiros polo Tribunal de Orden Público, o tribunal especial para a disidencia na ditadura de Franco.
Estivo exiliado 20 anos, primeiro en Venezuela, onde foi profesor na Universidade Central a na Andrés Bello. Logo en Francia, onde recibiu o título doutor en Estudos Ibéricos pola Sorbona, e un mestrado en Etnoloxía e tamén se diplomou en Estudos Superiores Cinematográficos. Nos últimos anos era profesor titular de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Vigo.
Foi autor de numerosos ensaios, entre eles Glosario Linguístico sobre Roland Barthes, Diccionario Conceptual Lezamiano, América na poesía galega, Os escritores galegos e Iberoamérica, Poetisas galegas do século XX, A vellez na poesía galega, O mar na poesía e pintura galegas, Poemas de amor da Xeración dos 50, Amor en feminino. Antoloxía das poetas galegas e A vellez na poesía galega.
A súa obra poética foi recollida en Mar e lume un volume que recolle a súa produción ca completa en galego: Latexos do exilio, O tremor do amor, Fulgor do fetiche lezamiano, A iluminación do mar, Relampos do existir, Onde se irisa a flor e A música irisada.
Os restos de Maximino Cacheiro recibirán sepultura mañá sabado ás 20 horas no panteón familiar, no cemiterio de Laracha.