E se todos os problemas son culturais?

A Begoña Caamaño,
In memoriam

Todos os problemas, tamén os políticos, son problemas culturais. E por dicir o mesmo, aínda que pareza o contrario: os problemas culturais son problemas políticos. Para ir ao fondo desta relación cómpre entender a política como moito máis que a loita partidaria e a cultura como moito máis que a axenda cultural, os premios e as efemérides.

Os tempos que vivimos de ondada reaccionaria, de «autocratización» expansiva e depresión democrática, teñen parte da súa orixe na desconfianza xerada polo xeito institucional noxento de afrontar a crise que estoupou no 2008, provocada pola cobiza sen control e un capitalismo sen termóstato.

As chamadas á rexeneración ficaron en nada. Pola contra, o desastre saldouse cun espectáculo de pornográfico sadismo: «austeridade» ou penalización social e «socialismo» para os ricos co premium do gran rescate bancario.

Era necesaria unha revolución cidadá. Fronte ao castigo social, máis igualdade e máis democracia. Pero este non foi o camiño como saída á crise. O que se pretende espallar e impoñer, esta nova Idade Media, mestura de Neofeudalismo e Matrix, cun endeusado toleirán na cúspide do Sacro Imperio, cun militarismo de video-game letal e no que non falta a escenografía do inferno que pintou O Bosco, non é resultado dunha confrontación política convencional. É consecuencia dunha «longa directriz», diso que chaman a «guerra cultural», que conseguiu quebrar a transmisión de valores entre xeracións e tenta dinamitar os almeiros das «humanidades», a biodiversidade, e os espazos plurais, de encontro onde fertiliza a cultura sen cadeas. Mesmo a educación e o ensino público universitario é un territorio «inimigo» a inutilizar, onde non medre a herba, por estes Atilas con estilo Techwear. Os fíos da arañeira deste «consenso reaccionario» onde prende tanta xente nova son o individualismo, o odio e o medo, a materia prima da xenofobia, o supremacismo, o machismo e un narcisismo tirano.

A conversa que mantén Primo Levi con Ferdinando Camon en Se existe Auschwitz, non pode existir Deus é moi perturbadora cando afonda na cuestión da aceptación do nazismo por gran parte dos alemáns da época. Unha cuestión que podemos estender verbo da submisión aos réximes despóticos ou que ameazan selo. Ferdinando Camon plantexa a «pregunta terríbel»:

—Por que os alemáns sentían unha aversión tan marcada cara aos xudeus?

E Primo Levi, xudeu e supervivente de Auschwitz, responde: «Non é exacto dicir que ‘os alemáns’ sentían ese odio que é racial. Comezaron a sentilo despois duns anos de réxime nazi. De tal xeito que a pregunta leva a outra pregunta: por que os alemáns aceptaron a Hitler? Todos os historiadores se renden ante este problema, o ‘problema do consenso de masas’ favorábel ao nazismo».

En gran parte, a resposta está na cultura. Tamén Hitler, con moitos e célebres publicistas, xornalistas, intelectuais, catedráticos, artistas, fixo a súa «guerra cultural». E foi o xeito de producir as toneladas de odio que pavimentaron o racismo criminal. Como di Primo Levi, «Os alemáns da época de Goethe non eran así».

Unha revolución cidadá pacífica é necesaria en Europa e no mundo. No Estado español, evitar un posíbel mandato cos ultras de acabalo da dereita é unha tarefa democrática prioritaria. No código de barras dun goberno non pode ser admisíbel a xenofobia nin o negacionismo machista nin do cambio climático. Mais a grande tarefa é construír outro «consenso», o de multiplicar os teares sociais no que o urda sexan as liberdades e a trama os dereitos. A transmisión afectiva desa cultura. Iso xa sería unha revolución cidadá.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail