Carta aberta dun médico de familia ao presidente Feijóo

Son médico de familia nun centro de saúde, e diríxome a vostede para lembrarlle que a Xunta de Galicia que preside é quen ten as competencias en Sanidade. Súa é a responsabilidade do que sucede na Sanidade galega, da que tanto presume, aínda que agora, cando as cousas veñen como veñen, se escude tras o Ministerio de Sanidad coma se a cousa non fora con vostedes.

Son vostedes os responsables do que pasa nas residencias socio-sanitarias. Si, esas que vostedes privatizaron e repartiron entre fondos voitre e amiguiños para facer negocio a conta dos maiores, da enfermidade mental e de pacientes crónicos, porque tamén permiten que sexan as residencias as que se encarguen dos coidados nestes casos aínda que non teñan os 65 anos.

A Atención Primaria carece dunha xerencia propia. E agora, coa Covid-19, se as cousas non empeoraron máis foi, como sempre, pola iniciativa dos profesionais que sacan o traballo adiante

Foto de Óscar Corral

Mire, a Covid-19 sacou á luz o insoportable trato e coidados que se dispensan nestas residencias. Mais non é de agora. Vostedes son coñecedores porque foron moitas as ocasións nas que se lle preguntou a vostede, señor Feijóo, polo que pasaba neses centros socio-sanitarios. Interpelárono a respectos dos salarios de miseria das empregadas, porque a maioría son mulleres; a respecto dos horarios e de cocientes de persoal inaceptables; da calidade da comida dos residentes; e do uso de dobre cueiro para o que chaman «aforrar cambios e gañar tempo». Preguntáronlle tamén a respecto do tempo que pasan os anciáns nunha cadeira de rodas, porque apenas mostran certa dificultade para camiñar ou camiñan lento, séntanos en cadeiras de rodas aínda que estas non estean pensadas para estar tantas horas nelas. Preguntáronlle polo excesivo número de residentes anciáns encamados e mesmo amarrados, e asegúrolle que cando abusan das inmobilizacións, algún falece atado na cama… Podería seguir referindo mil atropelos que se suceden en moitas residencias, salvo excepcións, e que agora a Covid-19 sacou á luz. Pero vostede sábeo; mais sempre entendeu que os coidados ao final de vida tamén son un negocio. Por que non? E por iso púxose a repartir concesións de residencias.

Dispoñen vostedes de 56.000 tests que lles facilita o Goberno central. Sería moito pedir que dedicasen unha parte a realizar as probas ao persoal sanitario?

Cóntolle agora o que pasa na Atención Primaria. Mire, vostedes recortaron o que quixeron e máis neste ámbito. A Atención Primaria carece dunha xerencia propia. Fixérona depender do Hospital e dos especialistas. E agora, coa Covid-19, se as cousas non empeoraron máis foi, coma sempre, pola iniciativa dos profesionais que sacan o traballo adiante. A Atención Primaria leva o peso da maioría de casos de Covid-19, porque a maioría, afortunadamente, non ingresan. Así que nós, os médicos de familia, facemos o seguimento destes pacientes e dos que son dados de alta hospitalaria; e ademais procuramos seguir dando atención aos pacientes crónicos e as urxencias que nos chegan.

Foto Óscar Corral

Preocúpanos que pasará cando os centros de saúde vaian retornando a unha certa normalidade. Non volverá ser todo igual. Pasaron semanas nas que non puidemos facer o seguimento habitual de moitos enfermos. E preocúpanos non telos atendido e non sermos quen de atendelos. Imos necesitar máis persoal, máis investimentos. E preocúpanos porque vostedes só coñecen a palabra «recortes» e o só usan o termo «colaboración público-privada», o eufemismo co que tapan o desvío de enormes cantidades de diñeiro aos hospitais e fundacións privadas, parasitarias do público.

Estes días a Xunta de Galicia realiza unha enquisa epidemiolóxica, que se pon en marcha á conta do traballo da Atención Primaria e sen consultarnos aos profesionais. É lamentable que saibamos dela pola prensa. Dáse conta do enorme traballo que supón para os profesionais de Atención Primaria, moitos dos cales están de baixa polo coronavirus? Vostedes saben que a enquisa era unha sobrecarga, pero pesa máis a disputa política co Goberno central. Esta enquisa da Xunta de Galicia é igual á que promove o Goberno central. Daquela, por que non suman forzas?

Non podemos visitar domicilios sen as precaucións necesarias en canto a equipos, nin sen saber se somos difusores do coronavirus

A seguinte pregunta é: dado que dispoñen vostedes de 56.000 tests que lles facilita o Goberno central –a pesar de que o señor Feijóo prometeu comprar el os tests, pero «dos bos» –, sería moito pedir que dedicasen unha parte a realizar as probas ao persoal sanitario?

A Atención Primaria esta sendo golpeada pola Covid-19. Hai varios centros de saúde con moitos profesionais afectados. Faise necesario coñecer as circunstancias dos contaxios –deixando a parte a polémica das máscaras–, e é imprescindible facer tests ao persoal. Tampouco podemos visitar domicilios sen as precaucións necesarias en canto a equipos, nin sen saber se somos difusores do coronavirus. Necesitamos máis tests en Atención Primaria e o SERGAS é o responsable de que non se estean realizando: súas son as competencias e lémbrolle que non están suspendidas polo decreto de alarma.

Deixe, señor Feijóo, de escudarse para o que lle convén no Ministerio de Sanidad. Vostedes son uns irresponsables. Son os culpables de que o persoal sanitario traballe en condicións pésimas e sen saber se padecemos ou non o coronavirus.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail