Luces para ninguén

Hai un amplo consenso na comunidade científica verbo dos prexuízos que produce a contaminación luminosa. A presenza de luz artificial en horario nocturno fai desaparecer a escuridade natural e, en consecuencia, altera decisivamente as condicións ambientais dos ecosistemas, provocando desequilibrios que poñen en perigo a supervivencia de moitas e moi diversas especies animais. A luz artificial mata, de forma directa e indirecta. Ademais, nos últimos anos medrou a preocupación pola desaparición de insectos –por exemplo, as abella– cuxa participación é esencial na polinización das plantas e, en consecuencia, na produción de froitos que forman parte da nosa alimentación e na propia reprodución da flora do planeta. Agora sabemos que unha das causas que alenta a redución drástica de polinizadores é a contaminación silenciosa da luz.

Tamén temos hoxe un coñecemento maior de como a luz artificial pola noite afecta a saúde humana e é unha causa que está detrás de graves patoloxías. Hai moitas investigacións ao respecto e haberá moitas máis nos próximos anos. E é ben coñecido o impacto económico da contaminación luminosa: a iluminación consome arredor do 1% do produto interior bruto mundial e devora até unha quinta parte da electricidade producida. Só en España a iluminación da noite supón un gasto anual próximo aos mil millóns de euros.

Iluminar ben, que non é iluminar moito, permitiría aforrar sen demasiadas dificultades entre un 30 e un 50% dese consumo. En euros, suporía liberar uns cantos centos de millóns cada ano, centos de millóns que agora mesmo botamos moito en falta. Iluminar ben non significaría apagar todas as luces, senón empregarmos unicamente as luces alá onde se precisan, cando se precisan e coas características axeitadas. Na liña, dito sexa ao paso, do que é común en países como Alemaña, que tantas veces poñemos como exemplo.

Estes días, coa poboación confinada nos fogares en cumprimento do estado de alarma, todas esas luces que seguen prendéndose cada noite ás mesmas horas resultan particularmente grotescas.Nunca coma estes días se viu tan clara a inutilidade dese gasto en enerxía

O exceso de iluminación é fillo dunha concepción equivocada do progreso, asociada a un consumo irracional e insensato dos recursos. Mais a festa terminou: a humanidade non pode seguir facendo un uso irresponsábel do planeta. A emerxencia climática, que xa ninguén razoábel nega, pon diante dos nosos ollos as consecuencias de varias décadas de pésimas prácticas ás que hai que poñerlle freo urxente.

Unha desas pésimas prácticas é a contaminación luminosa. Non precisamos tanta luz nas nosas noites, non precisamos encher de luz as fachadas de edificios históricos con intencións decorativas máis ca dubidosas, non precisamos tanta luz nas rúas e nas estradas, non precisamos tantas pantallas luminosas multiplicándose ao noso redor. Nunca as precisamos. Mais estes días, coa poboación confinada nos fogares en cumprimento do estado de alarma, todas esas luces que seguen prendéndose cada noite ás mesmas horas resultan particularmente grotescas. Nunca coma estes días se viu tan clara a inutilidade dese gasto en enerxía. Nunca coma estes días se viu tan claro, tamén, o necesario que sería ese diñeiro para atender urxencias sanitarias. Resolver a crise do coronavirus é unha prioridade, mais non é incompatíbel con empezarmos a pensar que mundo queremos ter cando superemos esta crise. Non é incompatíbel con empezarmos a pensar cal queremos que sexa, despois de todo isto, a nosa nova normalidade.

Onte e hoxe, cada farol prendido sen necesidade é unha ferida. Unha ferida para a Terra e para a humanidade. Podemos empezar a curar esas feridas en todas cidades, en todas as vilas. Podemos reducir radicalmente a iluminación sen dificultar o tránsito de persoas e vehículos. Podemos apagar as luces innecesarias, que son moitas. Podemos gañar escuridade e redescubrirmos a noite, que é necesaria tamén para nós. Redescubrirmos, ademais, a paisaxe das estrelas, un patrimonio cultural que lle serviu á humanidade para facer arte e ciencia, para soñar mundos mellores.

Martin Pawley

Agrupación Astronómica Coruñesa Ío

Foto de apertura: Mario Durán (CC BY-NC-ND 2.0).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail