Sempre as gaiolas andaron tras dos paxaros, mais nos últimos tempos, no Estado español, andan doentes. Laverca que pía ou chía, aló saen por ela unha manda de gaiolas. Tribunais creados para o mester excepcional de loitar contra o terrorismo ou a gran delincuencia organizada, como é o caso da Audiencia Nacional, xa atenden unha maioría de casos atinentes á liberdade de expresión. Non só iso. Mesmo as gaiolas andan tras da liberdade de pensamento ou de conciencia, penalizando as ideas, como está a ocorrer con autos e resolucións do Tribunal Supremo verbo dos dirixentes políticos cataláns, a quen se lles nega non só a liberdade senón mesmo a condición de «presos políticos», aínda que, tremendo paradoxo, nos textos xudiciais faise expresa referencia á «ideoloxía» destes presos como argumento para… mantelos engaiolados. Nesta enxurrada de «democracia viril» (Pierre Drieu de la Rochelle dixit) ou de «modernismo reaccionario», habería que engadir os procesos abertos a sindicalistas por facer sindicalismo sen permiso e as multas gobernativas a miles de persoas dende que se decretou en 2015 a Lei de Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como Lei Mordaza, e que se tornou unha das ferramentas máis inquietantes para a seguridade da cidadanía se esta ten a imprudencia de expresar ou manifestar o que non entra no menú dos poderes do Poder. Pois cómpre dicir que en España o principio da separación de poderes semella cada vez máis un eufemismo da Santísima Trindade: «Tres persoas e un só Deus verdadeiro». O de «imprudencia» hai que dicilo tamén con segundas, como facía o noso retranqueiro paisano Mark Twain: «É grazas á bondade divina que no noso país gozamos destes tres bens de inconmensurábel valor: a liberdade de palabra, a liberdade de conciencia e a prudencia de non pór en práctica ningunha delas». ¶ Por iso poñemos aquí fin a este Manifesto: por prudencia.
Manifesto da Luzes 54.