Un claro exemplo de que o feminismo é tan necesario como pouco entendido e moi instrumentalizado é a figura de Cristina Cifuentes. A presidenta da Comunidade de Madrid é -polo menos, de cara á galería- o perfil máis «progre» do Partido Popular: agnóstica, republicana (aínda que considera a figura do Rei «moi necesaria»), non contraria ao aborto, e «muy de la igualdad», como ela mesma declarou nalgunha entrevista.
Si, Cifuentes é unha de tantas persoas que aínda pensan que feminismo e igualdade son conceptos distintos. Recoñece que existen «micromachismos», pero ao mesmo tempo cre que a loita feminista xa está superada, porque «la igualdad legal ya existe», e que as cotas de xénero non son necesarias; tamén sinala o machismo cando lle convén, entoando un envelenado «¿dónde están las feministas cuándo se las necesita?».
Pero vaiamos por partes.
No contexto do 8 de marzo, a presidenta da Comunidade de Madrid foi unha das políticas que máis axiña se desmarcaron da folga feminista. Na liña da ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, Cristina Cifuentes mostrouse favorable a unha «folga á xaponesa» ou, o que é o mesmo, traballar aínda máis horas para demostrar (digo eu) que unha pode traballar o dobre cobrando o mesmo. O mesmo pouco.
Tal foi a metedura de zoca coa folga á xaponesa que o propio Mariano Rajoy se desmarcou das súas compañeiras de partido. El xa patinara pouco antes coa fenda salarial, pero a enorme mobilización social demostroulle que xa non estaba o partido para seguir esquivando balóns. En resposta ao desmarque do presidente, Cifuentes «se hizo la rubia» -como a ela mesa lle gusta dicir-: «Jamás he dicho eso», dixo diante das cámaras sen pestanexar.
. @Ruiz_Noticias deja por mentirosa a @ccifuentes por decir que ella NO habia dicho que había que hacer una huelga a la japonesa ¡Zas!
Dentro vídeo #STOPmachismoM4
pic.twitter.com/DzgisfQij0— Subversivos_ (@subversivos_) 7 de marzo de 2018
Semella un chiste que unha persoa que fala tan a miúdo de machismo se permita o luxo de utilizar expresións tan machistas como «hacerse la rubia» e xustifique o seu uso deste xeito: «Es como decir que si eres feminista no te puedes pintar el ojo, ni te puedes arreglar, ni ponerte tacón. Tengo amigas que son feministas y van perfectamente arregladas». A verdade é que unha, cando le esa resposta toucivelocímetra, queda un pouco así:
Cifuentes lembrouse do machismo cando Francisco Granados a implicou na financiación irregular do PP de Madrid aludindo á «relación sentimental» co seu predecesor no cargo público, Ignacio González. «Es bastante machista. Estoy esperando al feminismo militante en España», espetou, asegurando que se ela non fora do PP tería todos os apoios por parte do colectivo feminista e «no habría territorio para echar a correr».
Din que a mellor defensa é un bo ataque, pero mellor se atacas só a quen che lanzou a ofensiva. Porque, gratuitamente, a presidenta madrileña gañouse a antipatía do movemento feminista ás portas do 8 de marzo.
Pero no PP xa lle colleron gusto a tiraren de casos de machismo para defenderen á presidenta da Comunidade de Madrid. Diante da polémica co traballo de fin de máster de Cifuentes que non aparece por ningures, a ministra de Defensa -metáforas da vida-, María Dolores de Cospedal, publicou un chío que, lonxe de apagar as lapas, avivou máis o lume. Con lapsus incluido:
No todo vale en política. Las actuaciones de estos días contra @ccifuentes son mezquinas, machistas y miserables. Parece que a algunos les gustaría conseguir lo que no consiguió un accidente de tráfico mortal. Retomando sus palabras de ayer: a seguir todavía con más fuerza.
— Mª Dolores Cospedal (@mdcospedal) 22 de marzo de 2018
Palabras e chíos aparte, a realidade das políticas de igualdade de Cristina Cifuentes na comunidade madrileña deixa pouco lugar a dúbidas sobre o compromiso real da dirixente para loitar contra o machismo: unha estratexia dotada con máis de 254 millóns de euros ata 2021 que queda diluida nos presupostos e unha parte significativa da partida contra a violencia de xénero sen executar, segundo afirma a oposición.
Vai ser que Cifuentes, co feminismo, «se hace la Cifuentes».