«Aparece viva unha anciá morta por Covid». «Rogelia, de 85 anos, volve viva á súa residencia 10 días despois de que a enterren». O caso da anciá enferma de Covid, residente no centro de San Bartolomeu (Xove-Lugo), que foi dada por morta ao ser confundida coa súa compañeira de habitación noutra residencia á que foron trasladadas, xerou titulares igual de falsos que estes, e outros máis ligados á verdade, pero que tampouco profundaron demasiado na situación na que se produciu o feito. Consciente ou inconscientemente, boa parte das informacións adscribíronse ao xénero do realismo máxico de andar por casa. Que cousas pasan en Galicia! (e que ben se come). O resto, as que escolleron a contención, optaron pola etiqueta do «lamentable erro». E non.
De entrada, ninguén parece cuestionarse a idoneidade de embarcar a dúas anciás enfermas nun traslado en ambulancia desde a costa de Lugo ata Ourense, unha viaxe de 220 quilómetros e tres horas de duración (que neste caso se prolongou porque se avariou a ambulancia e houbo que cambiar de vehículo). Ou de internalas nunha residencia integrada, a de Os Gozos en Pereiro de Aguiar, que segundo Rede (Asociación Galega de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, a maior agrupación deste ámbito en España) carece dos requisitos para selo. As residencias integradas –medicalizadas– foron unha iniciativa pioneira en todo o Estado para concentrar nelas os usuarios detectados como positivos ou con sintomatoloxía leve. Habilitáronse dous na primeira onda e outras dúas na segunda. Ningunha delas é a de Os Gozos que Paulino Campos, presidente de Rede cualifica sen reviravoltas de «zulo clandestino de residentes».
«En centros de maiores de Madrid aínda hoxe en día se envía a familiares informacións sobre residentes que en realidade están mortos desde hai meses»
A Fundación San Rosendo, á que pertencen as dúas residencias, San Bartolomeu e Os Gozos, publicou un comunicado de desculpa no que atribuía o cambio de identidades a un desafortunado incidente, o que sen dúbida alivia a quen puidera pensar que era un uso habitual, ou un rito ancestral para confundir a Parca. Foi, desde logo un incidente desafortunado, como a avaría da ambulancia. Pero é máis frecuente do que parece, e desde logo, do que debería. «Non se equivoquen, este macabro esperpento non é exclusivo da Galicia profunda: nas residencias de maiores de Madrid, a ‘sofisticada’ DomusVi [370 residencias en España, Francia e Portugal] aínda hoxe en día está a enviar ás familiares información sobre residentes que en realidade están mortos desde hai meses», comentaba en Twitter Paulino Campos. Se nin sequera é fiable o censo de falecidos, podemos estar seguros de que cada persoa internada reciba a medicación específica para as súas doenzas non-Covid?
A Fundación San Rosendo publicou un comunicado de desculpa no que atribuía o cambio de identidades a un desafortunado incidente, o que sen dúbida alivia a quen puidera pensar que era un uso habitual, ou un rito ancestral para confundir á Parca
A «anécdota»/«desafortunado incidente» de Rogelia (e da pobre Conchita, a falecida e enterrada no seu nome) prodúcese pola falta de medios xeral, xa grave antes, e que a pandemia levou ao límite. Segundo o informe de 2017 do Consello de Contas de Galicia, en 2014 houbo 65 actas de inspección que constataron graves incumprimentos en residencias privadas, e 57 en 2015. Nas seguintes inspeccións, ningunha das irregularidades se tiña resolto. En ningún caso a Xunta abriu expediente algún, impuxo sancións ou esixiu medidas correctoras. Os medios mainstream, públicos ou privados, recreáronse na anécdota, pero coidáronse moito de pisar os pantanosos terreos dos porqués e mesmo de tripar, como é habitual, as infinitas praderías da rumoroloxía e o «sempre saudaba» anexos aos sucesos e ás informacións do chamando interese humano.
En 2014 houbo 65 actas de inspección que constataron graves incumprimentos en residencias privadas, e 57 en 2015. Nas seguintes inspeccións, ningunha das irregularidades se tiña resolto. En ningún caso a Xunta abriu expediente algún, impuxo sancións ou esixiu medidas correctoras
Unha das razóns pode ser que as críticas ao funcionamento das residencias privadas –curiosamente, máis que as públicas– poden supoñer, por rostro interposto, unha labazada ao presidente Alberto Núñez Feijóo. De feito, DomusVi medrou porque ao chegar á Presidencia, Feijóo vendeu as residencias de capital público-privado ás caixas galegas. Ben, creceu por iso e porque nalgunha das súas residencias –a de Barreiros, en Vigo, por exemplo– teñen un gasto en alimentación entre 4 e 5 euros por persoa/día (incluíndo todas as comidas).

Pero os amantes das anécdotas teñen outras á súa disposición sen saír da Fundación San Rosendo. Xestiona 70 centros de todo tipo, con 1600 traballadores, e creouna o cura Benigno Moure hai 30 anos, da nada, pero non precisamente nun garaxe. O grupo consolidouse sobre todo nos anos de amizade de cura con Manuel Fraga e coa cúpula do PP de Galicia. En 2008, unha sentenza firme do Tribunal Supremo condenou o fundador a cinco anos de prisión por estafarlle 600.000 euros a unha anciá residente que padecía alzheimer. Un mes e pico despois, armado cun arsenal de informes médicos que certificaban varias doenzas e a necesidade de usar unha cama ortopédica motorizada, o cura Moure saía do cárcere. Desde entón e ata o de agora, a piques de cumprir os 90 anos, recibiu homenaxes das forzas vivas, civís e relixiosas e leva unha vida normal, sen precisar sequera a axuda dunha triste muleta. Como ven, a «resurrección» de Rogelia non é o único «milagre» da Fundación.