«No nos metamos ahora en eso». Esa foi a resposta do presidente do Goberno a un atónito Carlos Alsina que preguntaba pola posibilidade de que o Executivo equiparase por lei os soldos de mulleres e homes. Non sei a vós, pero a min sooume ao típico comentario sobre o matón do colexio: «Non te metas con ese, que reparte que dá gusto».
Para máis inri, Mariano Rajoy iniciaba o seu argumentario xustificando o seguinte: «Los gobernantes debemos ser muy cautos a la hora de saber cuáles son nuestras competencias y cuáles no, y desde luego, no hay ninguna que sea igualar salarios». Interesante afirmación, tendo en conta que, se a igualdade de xénero non é competencia do Goberno, constatamos que ninguén a ten.
É como se a dirección do centro educativo lle tivese medo ao abusón de 3ºB que vai roubando estoxos ás rapazas da clase. Pero en fin, eu si que non me meto niso porque alí, polo xeral, non pasa.
Para poñer freo, sen éxito, a calquera insistencia do xornalista, o presidente lanzou outra frase para tratar de empatizar, tamén sen éxito, co seu interlocutor: «Que el Gobierno empiece a fijar los salarios de las empresas… No me vería yo diciendo lo que tienen que cobrar ustedes, por ejemplo, francamente».
Rajoy confirmou que a fenda salarial depende, do mesmo xeito que a precariedade laboral e os despedimentos, dos desexos da empresa privada. E que, por se tiñamos algunha dúbida de vivirmos nun neoliberalismo misóxino, o Goberno deixa facer e desfacer a uns poucos señores con moito diñeiro, que non teñen a obriga nin tampouco o compromiso ético de velar pola igualdade de xénero nas súas compañías. Aínda que o benestar social dependa deles.
Así foi a crise desde o principio: todos os (poucos) favores que o Goberno fixo pola «recuperación» económica, fíxollelos ás empresas. E despois, que estas decidisen. Confianza cega, e despois muda e xorda.
Tampouco hai dúbida de que os empresarios miran polas entidades e os seus beneficios, e non pola sociedade no seu conxunto. E parécelles lóxico, porque entenden, igual que o Goberno, que se a eles lles vai ben, á sociedade tamén. E aí está o erro: nunha sociedade onde os postos directivos están maioritariamente ocupados por homes, a eles esa situación non lles supón ningún contratempo, polo que non ven a necesidade de cambiala e non entenden cal é o beneficio de contrataren e permitiren o ascenso a postos de relevancia a unha cota mínima de mulleres.
Por que teñen que traballar man a man cunha muller, se os seus colegas son bos profesionais?, pensan. Cando o razoamento que nos ocupa é xusto o inverso: Por que ten que seguir todo coma sempre, cando as mulleres xa están igualmente -e, en moitos casos, mellor- cualificadas para o mundo laboral? Por que interpretamos como unha situación «normal» o que é, na práctica, un teito de cristal?
O dato cae como un carámbano, xélido e afiado: as mulleres no Estado español cobran o 85% do salario dos homes. Diante desta cifra, non vale con argumentar «na miña empresa as mulleres cobran o mesmo» ou «pois eu cobro menos que a miña compañeira». Eses razoamentos soan a choromicada, porque non, non se trata só da fenda salarial nunha empresa: trátase tamén de que as mulleres continúan asumindo os postos de traballo máis precarios do Estado. Principalmente, limpeza e coidados. Dúas actividades económicas tan indispensables como pouco valoradas. E as empresas non fan nada para cambialo.
Islandia é un exemplo desa vontade real de acabar co teito de cristal e de avanzar pola igualdade de oportunidades. O Goberno islandés acaba de declarar ilegal a fenda salarial nas empresas de 25 ou máis traballadores, de xeito que se unha compañía vulnera a lei exponse a unha sanción económica. É o primeiro país do mundo en dar ese paso, moitas décadas despois da incorporación das mulleres ao mundo laboral.
Sumando as numerosas iniciativas de Reikiavik en materia de igualdade, o país nórdico xa é o que ten unha menor fenda salarial en todo o mundo, segundo o The Global Gender Gap Report 2017, un fito que non tería sucedido sen a intervención do Goberno.
Pero, como Mariano Rajoy nos lembra, non nos metamos niso. Que aínda teremos problemas.