Jácome asegura que xustificou diante do xuíz retiradas de preto de 100.000 euros das contas do seu partido

O alcalde de Ourense declarou como investigado por unha querela da Fiscalía, que o acusa dun delito de malversación dos fondos de Democracia Ourensana

A Coruña.- O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asegurou este martes que puido xustificar  diante do xuíz as retiradas de diñeiro da conta do seu partido que por valor de preto de 100.000 euros realizou mediante cheques ao seu nome e transferencias bancarias entre os anos 2015 e 2018.

O rexedor declarou durante hora e media na o xulgado de Instrución Número 2 da cidade en calidade de investigado por unha denuncia da Fiscalía, que o acusa de malversar os fondos que Democracia Ourensana  DO) recibía e recibe do Concello e a Deputación Provincial polos cargos de representación que ten en ambas as institucións.

«Aclarouse todo, todos os gastos están xustificados», dixo Jacóme aos xornalistas á saída dos xulgados en declaracións recollidas por La Región. «O noso partido ten gastos como teñen todos os partidos, págase, entrégase unha factura e nada máis», explicou.

Jácome, no seu despacho cunha placa de matrícula recordo de Nova York

A investigación da Fiscalía refírese a varias retiradas de diñeiro das contas de DO, das que Jácome é o único titular autorizado, mediante talóns e transferencias á súa conta corrente. O alcalde, que é o titular dunha licenza de televisión local que explota a través da marca Auria TV, asegura que eses pagos estarían xustificados polos supostos servizos publicitarios que a súa canle de televisión prestaría ao partido.

Segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, a Fiscalía cre que Jácome tería incorrido «nun presunto delito de malversación de fondos públicos (asignacións públicas destinadas ao grupo Democracia Ourensana), cifrado en dúas concretas disposicións de diñeiro, correspondente de (sic) dous cheques dos que non se coñecería o seu fin último, e a asignación dunhas específicas cantidades provenientes de subvencións públicas á cadea Auria TV».

A Audiencia Provincial de Ourense tamén estima que hai indicios de delito, xa que ese foi o argumento que utilizou para desestimar o recurso de Jácome contra a súa imputación ao entender que os feitos relatados na querela da Fiscalía «revisten unha aparencia punible que debe ser obxecto de investigación».

O alcalde asegurou o martes que, a pesar de todo, a fiscal non estivo onte presente no seu interrogatorio, aínda que Luzes-Público non puido confirmar a veracidade dese extremo.

A documentación das contas de DO que fixo públicas este medio confirman que Jácome dispoñía do diñeiro da formación ao seu antollo, extraendo cantidades de 30.000 e 40.000 euros mediante cheques e realizando transferencias de 5.000, 15.000 e 20.000 euros ás súas contas como pago de facturas por servizos de comunicación supostamente prestados por Auria TV.

O alcalde negouse a mostrar a Luzes-Público as facturas que xustificarían esas operacións, e que agora asegura que si entregou ao xuíz.

Ademais, a documentación bancaria á que tivo acceso este diario tamén reflicte que, á marxe desas disposicións de diñeiro, o alcalde tamén se facía coas doazóns de ata o 60% dos soldos do persoal de confianza que contrataba con cargo aos fondos da Deputación e do Concello.

Tratábase de asesores aos que encargaba tarefas ficticias ou solapadas coas que xa realizaban os funcionarios municipais, así como informes sobre agricultura ecolóxica, o parque canino, a compra de contedores e o número de comercios da cidade, entre outros.

Jácome, durante unha mensaxe institucional

En varios casos, eses asesores ficticios recoñeceron diante da policía que lle entregaban as mordidas en man e sen xustificante ningún. Jácome tampouco quixo confirmar a Luzes-Público se rexistraba esas supostas doazóns na contabilidade do partido.

O portavoz municipal do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, lamentou que o alcalde da cidade se vexa inmerso nun caso de corrupción e instou a Jácome a facer pública a documentación na que asegura basea a súa inocencia.

José Manuel Palacios, ex asesor do hoxe alcalde, ex militante de Democracia Ourensana e portavoz na provincia de Coalición de Centro Democrático, considerou a situación «unha vergoña» e lembrou que os votos do PP son os que permiten que Jácome siga sendo alcalde en minoría, e os votos de Jácome os que permiten que José Manuel Baltar, presidente provincial do PP, siga sendo presidente da Deputación.

Na súa conta de Twitter, Jácome chanceou onte coa súa situación con esta mensaxe, acompañado dunha fota súa e outra do actor Bruce Willis: «Netflix inspirarase na trama que quixo derrotarme en 2020, para facer unha serie mundial en 2022, con Bruce Willis como ‘o alcalde das Burgas’».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail