Desta volta ocupámonos no Bortel do libro dirixido por Alba Nogueira e Xavier Vence Redondear la economía circular. Del discurso oficial a las políticas necesarias. (Thomson Reuters/Aranzadi, 2021). Un libro académico de 396 páxinas e formato grande que reune traballos asinados por: Xavier Vence, José Francisco Alenza García, Alba Nogueira, BeltránPuentes Cociña, Mónica García Goldar, Aitana de la Varga Pastor, Andrei Quintiá Pastrana, Sugey de J. López Pérez, Juan José Pernas García, Susana Borrás e Tom Kucharz.
O conxunto de textos pódense englobar en dous grandes bloques, ambos relacionados co concepto de Economía Circular: por unha banda, aquelas análises máis puramente económicas e, por outra banda, as análises máis enfocadas ao campo xurídico.
A respecto do primeiro bloque, o libro ten a virtude de non caer nunha visión naif do asunto. Como sinala Vence nunha das súas achegas, a teorización sobre a economía circular no ámbito académico prodúcese nun «espazo mixto» entre un paradigma de «economía ambiental convencional» e un paradigma de «economía ecolóxica crítica». Por tanto, estamos ante un concepto en construción que, tal como se propón neste traballo, debería incluír a dimensión crítica –o autor fala de «economía circular transformadora»- en detrimento desa visión propia do capitalismo verde capaz de cooptar a idea de Economía Circular ata facela «morrer de éxito».
Do marco xurídico vixente sobre o paradigma da Economía Circular —dinos Alenza García—, cabe mencionar o Novo Plan de Acción para a Economía Circular, consecuencia do Pacto Verde Europeo de 2019, e a traslación daquel ao Estado español a través da Estratexia Española de Economía Circular. Malia a existencia destes textos rectores, o propio autor sinala que a nivel xurídico o concepto de Economía Circular é «difuso» e «difícil de aprehender», o que estaría detrás do enorme éxito da expresión. Fala Alenza García dun «alcance restritivo e unha limitada eficacia da economía circular como principio xurídico». A distancia entre os «pomposos obxectivos e principios pintados nos textos programáticos» é enorme a respecto das «escasisimas concrecións que locen no seu articulado», concrecións dedicadas, sobre todo, á xestión de residuos e onde a exportación daqueles a terceiros países xoga un vergoñento rol protagónico.
Na súa achega, Alba Nogueira debrúzase, de xeito máis detallado, nesa inconsistencia da letra miúda do aparato xurídico xa sinalada. Para a autora, a preponderancia dunha interpretación ortodoxa dos valores de mercado como poidan ser o dereito da competencia, a propiedade industrial ou a globalización comercial poden supoñer un obstáculo para o avance da Economía Circular. O mesmo sucede coa estratexia enfocada unicamente ao «empoderamento do consumidor», a través da información e as campañas publicitarias, sen entrar noutras cuestións máis estruturais que requiren de políticas públicas decididas e intervencionistas. O que a leva á autora a apuntar que «a vella economía liñal non acaba de morrer e a nova economía circular non acaba de nacer».
O texto de Beltrán Puentes céntrase no aspecto xurídico do ecodeseño enfocado á durabilidade, á reparación e á reutilización. E conclúe cunha comparación ben expresiva: as normas sobre deseño ecolóxico, como as salchichas, son menos apetitosas canto máis se coñece o seu contido; se ben o autor deixa unha porta aberta ao optimismo coa futura revisión desta lexislación anunciada pola Comisión Von der Leyden.
Mónica García Goldar aborda o estudo da literatura xurídica europea arredor do consumo. A cuestión do sobreconsumo é central á hora de imaxinar un tipo de economía menos voraz no que ten que ver cos recursos e a conclusión principal da autora é que a lexislación europea ten moito de light touch, apelando de xeito van á cidadanía a adoptar estilos de vida máis sostibles, pero sen restricións ou mandatos claros por parte do lexislador. Malia isto, a autora tamén aposta polo optimismo sinalando que aínda hai marxe para o cambio e fía a súa esperanza ao feito de que o Informe da Comisión de 2019 sobre o Plan de Economía Circular afirme que a economía circular é «unha megatendencia mundial irreversible».
Poderiamos seguir debullando cada un dos traballos, pero pensamos que co dito ata aquí ofrecemos unha mostra bastante fidedigna do que o lector ou lectora interesada pode atopar no libro. Só apuntaremos, a respecto do resto de textos, que Aitana de la Varga Pastor ocúpase de estudar o marco xurídico español no que ten que ver coa responsabilidade ampliada do produtor; que Andrei Quintiá, Alba Nogueira e Beltrán Puentes debrúzanse na relación da Economía Circular co marco xurídico sobre construción e vivenda; que Xavier Vence e Sugey de J. López Pérez propoñen pasar das políticas especificamente ambientais ás políticas económicas e fiscais sistémicas enfocadas á Economía Circular; que Juan José Pernas García analiza o marco xurídico existente para a realización, por parte das administracións públicas, de compras públicas verdes; que Susana Borrás estuda o comercio internacional e os acordos de libre comercio no que teñen que ver coa Economía Circular na UE; por último, e nunha liña parecida, que Tom Kurcharz explica a relación entre os acordos comerciais desiguais —p.e. o acordo Unión Europea-Mercosur— e o réxime comercial extractivista e entrópico.
Estamos, por tanto, ante un libro moi específico. Non é o que se coñece coma un libro para todos os públicos, nin siquera ten forma de ensaio, pero é un libro interesante para coñecer o estado da cuestión arredor desa idea en desputa que é a Economía Circular. Un tema que cómpre abordar con realismo, isto é: tendo en conta que o dereito non é senón a substanciación xurídica da correlación de forzas socio-políticas. A idea xeral que se saca da lectura é que, en termos de correlación de forzas, o desenvolvimentismo capitalista campa ás súas anchas deixando espazo apenas para algunhas reformas superficiais nos diferentes campos concretos de actuación.
Pero do libro tamén cabe colexir que a necesidade que ten a instancia xurídico-política dominada polo neoliberalismo desenvolvimentista de incluír na súa literatura legal toda esta retórica ecoloxista sen excesiva concreción é síntoma da existencia dunha contradición obxectiva na reprodución do sistema. Este feito é tanto un motivo de preocupación como de esperanza. Non parece probable que a esperanza se vaia concretizar a través de simples reformas tecnocráticas. Toda reforma, para ser tal, debe ser revolucionaria. Pero para iso fai falla máis músculo social capaz de fortalecer o novo sentido común chamado a obxectivarse en novo dereito. Este libro é, para o ámbito académico, parte do proceso de sedimentación dese novo sentido común. Velaí o seu valor.