Recuperamos no bicentenario do nacemento de Concepción Arenal esta entrevista con Anna Caballé, profesora de literatura y autora de Concepción Arenal: La caminante y su sombra.
Este ano celébrase o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo 1893). Unha muller que definía o mal «como unha creba violenta da harmonía do mundo», segundo Anna Caballé, profesora de Literatura Española na Universidade de Barcelona, autora de Concepción Arenal: La caminante y su sombra, biografía sobre a autora ferrolá, pola que recibiu o Premio Nacional de Historia. A influencia decisiva de Concepción Arenal na implantación dun Código Penal correccionalista, as súas ideas da dor e do sufrimento, as súas reivindicacións para a muller, a súa sintonía coa abolición da prostitución ou a compaixón son temas analizados nesta obra. «Para Concepción Arenal o ben era un deber moral tanto dos individuos como da sociedade no seu conxunto», reflexiona a autora.
«A dor é algo inevitable. Chéganos tarde ou cedo. Debemos saber convertelo nun camiño de perfeccionamento moral, dado que é inevitable. Pero a dor que infrinxen uns homes sen corazón a outros homes hai que combatelo con todas as nosas forzas», escribiu Concepción Arenal.
Como viviu ela a dor? Que lugar ocupa o corazón neste camiño de perfección para Concepción Arenal e que lugar ocupa a razón? O seu caso recorda un pouco ao de Mariano José de Larra. Situacións distintas, pero dúas figuras nas que cabeza e corazón, é dicir razón e sentimento, ocupan un espazo igualmente importante que facilmente pode desequilibrarse pola intensidade de ambos. En todo caso, Arenal ten unha conciencia da dor moi temperá. Nace en 1820, un ano axitado politicamente. Nesa volta ten lugar a sublevación liberal do coronel Riego, que pon en perigo a monarquía absolutista de Fernando VII. A represión, en 1823, foi feroz. Os vaivéns da familia Arenal, debido ás ideas liberais do pai de familia, Ángel do Arenal, e aos distintos destinos que tivo este ata chegar á condición de capitulado en 1823, impregnaron o carácter de Concepción Arenal, filla primoxénita. A imaxe do pai, abatido e cun sentido fondo do fracaso persoal, marcará a existencia da filla. Ela nunca esquece os sufrimentos paternos e estou convencida de que o seu sentimento cara aos débiles e marxinados arrinca de aí, deses anos vividos en Leiro, vendo o seu pai na maior soidade e illamento.
«O progreso das ciencias, a perfección das artes, a equidade dos códigos políticos e de comercio importan moito menos que o Código Penal, porque non hai nada tan grave para o home como aquel xuízo que o declara culpable e prívao da liberdade, da vida e da honra», escribiu Concepción Arenal. Hoxe utilizamos un Código Penal correccionalista. Foi Concepción Arenal una das primeiras persoas que loitou por el cando en España aínda se usaba, non si? Sen ningunha dúbida, ela foi unha impulsora decisiva da idea de considerar o cárcere como unha ferramenta para conseguir a reinserción dos penados. Naquela época, en torno ao ano 1860, as prisións eran unha especie de podredoiros que sobrevivían no medio da indiferenza xeral. Ninguén se aventuraba a entrar nunha prisión para comprobar as condicións de salubridade ou a forma en que se aplicaban as condenas. Arenal sentíase plenamente integrada na corrente, tanto europea como estadounidense, de transformar aquela situación e canalizala en termos estritamente humanitarios, construíndo edificios modernos a cargo dos cales estivese persoal ben formado, e non os cabos de vara contra os cales tanto escribiu a autora galega.
Estamos, nestes momentos, ante a posibilidade de renovar o Código Penal. Non hai moito, a prisión permanente revisable foi tema de debate. Estaría de acordo Concepción Arenal con ela? Para ela a idea forza é a reinserción do preso, ao considerar que en xeral a súa situación era máis froito das circunstancias en que se formou o seu espírito que expresión dunha maldade intrínseca. Xa que logo, caben poucas dúbidas acerca da súa oposición ante unha fórmula que encobre a cadea perpetua.
Outro tema pendente de renovación no Código Penal é a abolición da prostitución, como xa pasa en Suecia e en Francia. Achegouse Concepción Arenal a esta realidade? Si, a través do seu contacto coa británica Josephine Butler, fundadora da Internacional Abolitionist Federation, creada en Xenebra no ano 1875. Antes diso, Butler fora a principal promotora dunha campaña nacional, en 1869, para derrogar a Lei de Enfermidades Contaxiosas. A través da aplicación desta Lei calquera muller podía ser explorada clinicamente. O obxectivo era evitar o contaxio das enfermidades venéreas, que aniquilaba o exército británico, localizando as mulleres supostamente prostitutas que podían estar enfermas. Na práctica, converteuse nunha inxerencia abusiva na intimidade feminina. Moitas mulleres quedaban traumatizadas a raíz dunha exploración que se facía brutalmente. Concepción Arenal entra en contacto con J. Butler e esta invítaa a un congreso sobre a Abolición da Prostitución que se celebraría en Roma. Naturalmente, Arenal declinou a invitación, pero a súa sintonía con esta abolición era absoluta.
Como entendía Concepción Arenal o mal e a maldade? Ela definía o mal como unha creba violenta da harmonía do mundo.
Como afrontaría a realidade actual, cun número de marxinados e marxinadas que aumenta sen pausa? Pénsoo moitas veces. Que faría Concepción Arenal ante tanta xente vivindo na rúa, ante os terribles problemas aos que se enfrontan os inmigrantes? Coñecendo o seu activismo, sen dúbida implicaríase decisivamente. E con iso quero dicir que reflexionaría sobre os problemas que se suscitan, por unha banda, e pola outra axudaría na medida das súas forzas. Pero pensemos que hoxe a estrutura da nosa sociedade é moi distinta á de entón: agora hai moitas entidades que defenden os dereitos humanos e cada unha delas está especializada nun ámbito concreto dos mesmos. Na súa época, nin sequera a fundación da Cruz Vermella era aceptada polos carlistas, que a consideraban unha institución de masóns. Concepción Arenal foi unha pioneira na idea de constituír unha sociedade civil responsable e capaz de saír ao paso dos problemas que a afectan, moralmente falando.
Como entendía o ben e a bondade Concepción Arenal? Para ela era un deber moral tanto dos individuos como da sociedade no seu conxunto. «Se nos esquecemos da idea do ben, o inferno na terra está asegurado», dicía.
Que espazo outorgou Concepción Arenal á compaixón? Na miña biografía sobre Concepción Arenal, titulada La caminante y su sombra, desenvolvo o espazo que ocupa a compaixón na súa vida e na súa obra, tanto na configuración da súa personalidade pública como privada. Un espazo enorme. Para Concepción Arenal a compaixón é o eixe do ser moral: poñerse no lugar do outro, é dicir, comprender as súas necesidades e socorrelas na medida do posible. Para ela, como para Nussbaum, a compaixón, hoxe chamariámola empatía, é a mellor forma de crecer como seres humanos. Dando cabida ao outro enriquecémonos a nós mesmos.
Na obra La mujer de su casa, Concepción Arenal comeza o texto coa pregunta: que é o ideal? Poderías explicarnos como ela se responde a si mesma? Pregúntao para responder de inmediato que os ideais que imbuíron á muller son erróneos, na medida en que en lugar de contribuír ao seu crecemento como ser humano fano ao seu estancamento e marxinación. E se un ideal é erróneo non cumpre a súa principal función que é a de estimular o melloramento humano.
Como entendía Concepción Arenal as relacións amorosas ao comezo da súa vida, cando escribe Historia de un corazón e como as entendía na madurez? Foi unha moza rebelde, díscola, con ideas que desafiaban as convencións sociais. Nin sequera aceptaba a institución do matrimonio pola coerción que supoñía para a liberdade feminina. Co tempo e a morte do seu marido, Fernando García Carrasco, a experiencia do amor transformouse nun amor á humanidade.
La mujer del porvenir, é o título doutro texto da autora galega. Que nos queda por lograr? En termos estritos, moi pouco. É dicir, todas as reivindicacións coas que ela soñaba neste ensaio cumpríronse. Pendente, porque é unha tarefa inacabable, queda a súa convicción de que a capacidade de amar das mulleres, o seu sentido innato da compaixón, podía reverter a marcha depredadora do mundo.
Na súa conferencia recente en Ferrol, cidade natal de Concepción Arenal, comentabas que ninguén che preguntou acerca da sombra de Concepción Arenal, que aparece no título da obra… Ela definíase como un vaso negro capaz de tinguir a auga desa cor. Xa dixemos que era unha muller impregnada dun fondo sentido da desgraza persoal e non lle faltaban razóns, pois perdeu a dous dos seus fillos, ao seu marido e… perdeu ao seu pai antes de cumprir os nove anos. Foi unha perda traumática para ela, da que nunca se puido recuperar. «Dónde estás, padre mío?», así empeza un dos seus poemas máis conmovedores, escrito ao fío da morte da súa nai, Concha Pose Tenreiro, coa que nunca se levou ben. A sombra do pai condicionará toda a súa biografía.