Tente quieto, Alberto

Non o puido evitar, o «peitolobo» impulsivo que leva dentro ás veces aínda lle pode. Fíxoo saír en plan kamikaze a reclamar unha reflexión tralos resultados do PP en Catalunya, para que a prensa de Madrid lle chame sucesor e lle aplauda ao día seguinte –no caso da galega xa sabe que o aplauso é diario e xa nin se esforza-; como se o PP fose un deses partidos de esquerda que pasan o día botándose a autocrítica á cabeza e non un partido como Deus manda, onde hai patrón e non manda mariñeiro, que é como se gañan as eleccións.

Parecía que O Noso Alberto tiña aprendida a lección da primeira regra para triunfar no Marianismo: o que fala, perde. Logo que dende o propio PP lle filtraran as fotos co narco Marcial Dorado, nas que había tanta neve, por poñerse exquisito co tema da corrupción; logo de ver como o peso e a presenza do PP de Galicia na dirección estatal quedara reducida a unha cota simbólica, coma se fosen una especie en risco de extinción; e logo de que a súa relevancia como presidente da Xunta na política española baixara á terceira división dos gobernos rexionais, parecía que xa tiña interiorizado que o camino para suceder a O Noso Mariano é pegarse a el e cubrirlle sempre as costas, coma nas boas películas de policías ou vaqueiros. Pero pódelle o vedetismo e non saber calar a boca.

A liña que separa o amor do odio é moi fina e confundila en política sempre supón un erro mortal. O Noso Alberto confunde o odio que a prensa de Madrid profesa por O Noso Mariano co amor que pensa senten por el como sucesor. Que a prensa de Madrid considere o actual inquilino da Moncloa un pailán de provincias que non merece estar onde está habendo como hai na capital xente tan cosmopolita, instruída, das mellores familias e sen ese acentazo ao falar, nin moito menos significa que lles encante a idea de cambiar a un galego por outro galego; so que lles fai graza usar a un galego para librarse de outro.

Dende a lealdade paisana cho digo, Alberto. Estante usando e non deberías deixarte usar tan fácil. Os mesmos que lle reclamaban a O Noso Mariano hai nada que fose máis duro en Catalunya agora quéixanse polos malos resultados de destituír o goberno lexítimo dos cataláns. Os mesmos que hai nada lle reclamaban que nada de tocar a Constitución para darlle satisfacción aos independentistas reclámanlle agora que se mova e se «actualice», como dixo Felipe VI na mensaxe de Nadal en nome desa institución tan actual que é a monarquía.

Non che interesa estar con esa tropa, non son de fiar; matarían a seu pai por un ferrado máis de monte. Cando O Noso Mariano inaugure o sábado a ampliación da ponte de Rande alí tes que estar, en posición de saúdo e marcando distancias con semellantes trangallerios. Se queres seguir na carreira e prevalecer, a única autocrítica que espera de ti e a única reflexión que lle tes que facer resúmese nunha frase sinxela, clara e inequívoca.

– O que faga falla, presidente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail